Unha fronte obreira europea?

Nestes días, dende diferentes organizacións políticas, estase a impulsar a idea da creación dun suxeito político capaz de derrotar a Troika,  fálasenos dunha forza dende abaixo e dende a esquerda que tombe ás políticas austericidas do réxime neoliberal que Europa nos impón.

Nestes días, dende diferentes organizacións políticas, estase a impulsar a idea da creación dun suxeito político capaz de derrotar a Troika

Dende unha óptica sindical, moito se ten debatido sobre a unión europea do movemento obreiro. Na década dos 70 naceu a Confederación europea de sindicatos, organización que nunca tivo a suficiente forza mobilizadora máis que para pequenas accións, sen apenas repercusión nin incidencia como o que eran, manifestacións da conciencia de clase obreira europea e vistas máis ben como confluencias de intereses particulares de cada Estado-Nación.

Arguméntase que para a concepción dunha clase obreira europea teñen que darse os presupostos esenciais comúns que actualmente non se dan: compartir cifras de desemprego, salarios, condicións laborais. Dise que o paro do norte non é asimilable ao do sur. Non concordo en absoluto con esta idea, o que creo que acontece é que aquí, na periferia europea, imos con retraso respecto ao norte, estou convencido de que nunha década seremos quen de acadar as mesmas cifras de ocupación que en Alemania ou Inglaterra, iso si, co mesmo tipo de contratos precarios e indignos.

Arguméntase que para a concepción dunha clase obreira europea teñen que darse os presupostos esenciais comúns que actualmente non se dan: compartir cifras de desemprego, salarios, condicións laborais

En Alemania a vaga de recortes comezou curiosamente con esa autonomeada socialdemocracia de Schroeder e a súa Axenda 2010, que impuxo unha vaga de recortes sociais similar a que estamos a vivir os PIGS, e que tivo o seu cumio e desenlace nos famosos minijobs: oito millóns de traballadores cobrando menos de 450€ ao mes, cifra que descontada da global de ocupación resultaría unha taxa de desemprego similar á nosa. En Inglaterra, ademais dun ataque institucional contra a inmigración, co fin de protexer o emprego para os nacionais, están de actualidade os zero-hours contracts, contratos de explotación obreira, con exclusividade, cun crecemento exponencial e que levan os minijobs á máxima expresión: traballas o que quero, cando quero e polo que eu quero.

Un obreiro de Cambados non está polo tanto tan afastado dun traballador de Essen, quizá o que os diferenza máis é o concepto que deles mesmos, como clase e como pertenza a unha colectividade nacional

Un obreiro de Cambados non está polo tanto tan afastado dun traballador de Essen, quizá o que os diferenza máis é o concepto que deles mesmos, como clase e como pertenza a unha colectividade nacional, teñen, o que en si mesmo é a maior dificultade para a unión obreira europea contra a explotación capitalista.

A constitución dun bloque político non serve per se para vencer ao sistema, para provocar un cambio de modelo dende as institucións precísase do respaldo social. Do mesmo xeito, un bloque social non pode derrubar as institucións unicamente coa forza da loita na rúa e as mobilizacións. Só a conxunción destas dúas caras da mesma moeda pode acadar a forza suficiente para comezar un novo proceso constituínte. As estruturas tradicionais, políticas e sindicais, ríxidas e pesadas, necesitan adaptarse aos novos tempos, os sindicatos deben politizarse, os partidos políticos deben abrirse á sociedade e integrar os movementos sociais no seu cerne organizativo. As frontes auspiciadas por Dimitrov son xa consideradas pola esquerda como o único modo de vencer ao neoliberalismo frío, organizado e poderoso.

A teoría resiste calquera embate, todos os golpes de mar son sorteados e xurdimos sempre triunfantes da brutal tempestade

A teoría resiste calquera embate, todos os golpes de mar son sorteados e xurdimos sempre triunfantes da brutal tempestade. A aplicación práctica estámpase contra o muro de formigón da realidade ata deformar a súa forma inicial e converterse en algo totalmente distinto. Hai pouco tempo, nun acto en Madrid, escoitei a unha eurodeputada de Die Linke, Gabi Zimmer, un discurso aglutinador das forzas de esquerda. Conseguiu acender ao aforo cunha mensaxe incendiaria, falaba da unión da esquerda e de revolución democrática. No clímax o discurso apagouse cunha labazada que aplanou os ánimos: a  valoración cidadá de Angela Merkel  en Alemania é superior á de calquera líder europeo, sempre por enriba do seis, pese á crise, os recortes, e o artificio que calou na súa sociedade de que Alemania rescata co diñeiro do seu traballo os dispendios dos países do Sur. Os últimos resultados electorais confirman esas teses, e tamén as de que a socialdemocracia autoexclúese como polo oposto ao neoliberalismo.

Vémonos arrastrados polo norte de Europa, onde é impensable que as organizacións sindicais dean unha contestación social de calado a un sistema que denigra aos traballadores

Outra caldeiro de auga que molla e desfai o papel da teoría que aguanta todo, é a realidade sindical, a evolución destas organizacións vai cara a un reformismo vergoñento, perderon a súa esencia e confórmanse cun capitalismo de corte suave, sen darse conta de que as consecuencias son a devastación da negociación colectiva e a imposición dun réxime laboral infame, escudados na estratexia do mal menor. Tamén neste aspecto vémonos arrastrados polo norte de Europa, onde é impensable que as organizacións sindicais dean unha contestación social de calado a un sistema que denigra aos traballadores.

No entanto, debemos renunciar ao posibilismo ou ao derrotismo, quizais despois de estamparnos contra ese muro de formigón a forma resultante, aínda que non sexa a inicial, permita o avance cara un proceso constituínte que pase necesariamente pola loita contra a fraude fiscal, a redistribución da riqueza, un sistema impositivo progresivo e, sobre todo, pola democratización da economía, as condicións dignas dos dereitos dos traballadores, a nacionalización do sistema financeiro e dos sectores estratéxicos e, en definitiva, o avance cara a unha Europa solidaria, onde se deixen de lado o Estado Nación keynessiano e proteccionista buscado pola dereita radical.

Traballaremos polo novo suxeito político dende abaixo e dende a esquerda, nunhas eleccións europeas que, ao mesmo tempo, terán moito de plebiscitarias

Agora ben, o factor tempo vainos permitir acadar ese bloque político e social antes de que non quede nada, antes de que a economía produtiva sexa definitivamente desprazada pola economía financeira, antes de que un exército de desempregados estea disposto a traballar do que sexa, como sexa e polo que sexa, antes de que a Europa da competividade venza definitivamente á Europa da cooperación? De aquí a uns meses, nun período político que se presenta apaixoante, poderemos resolver estas dúbidas, nós, dende logo, traballaremos polo novo suxeito político dende abaixo e dende a esquerda, nunhas eleccións europeas que, ao mesmo tempo, terán moito de plebiscitarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.