A danza dos cucúlidos

Cucúlidos: Familia de aves de tamaño mediano, de corpo alongado, rabo longo, ás aguzadas, patas con catro dedos, dous dirixidos cara a adiante e dous cara a atrás, que poñen ovos no niño doutras aves e teñen un canto característico.

A estratexia adoitada nos últimos tempos polo PP e PSOE é moi propia dos cucúlidos, comportándose coa malicia e coa astucia propias dos pillabáns, dispostos a estar na misa e repicar ao mesmo tempo

A estratexia adoitada nos últimos tempos polo PP e PSOE é moi propia dos cucúlidos, comportándose coa malicia e coa astucia propias dos pillabáns, dispostos a estar na misa e repicar ao mesmo tempo. Voan con certa pachorra e finxen harmonía sosegada, provocando un caos no espazo político, concienciudamente planificado, que lle permite ir pondo ovos nos niños alleos sen que os demais se decaten da súa pillaxe. Uns e outros, son capaces de representar unha pantomima chea de estampas contraditorias, afiuzándose na maxistral interpretación de destacados persoeiros, seguidos mimeticamente por recuas de cargos institucionais, adestrados para escenificar adrede comportamentos aparentemente confrontados.

A chocante actitude de significativos dirixentes dos dous principais partidos forma parte dunha comedia perfectamente estruturada

A chocante actitude de significativos dirixentes dos dous principais partidos forma parte dunha comedia perfectamente estruturada, na que o director e os seus secuaces se dedican a despistar á clac -estratexicamente camuflada- para conseguir a necesaria compracencia de determinados mercenarios –mediáticos, en moitos casos- que exercen a noxenta función de pretender adormentar ao respectable público, aproveitando o seu despiste instantáneo para lle enfiar decisións extremadamente perniciosas e posiblemente irreparables.

Este xeito revirado de entender a política estase a manifestar, verbi gratia, na tramitación do proxecto de lei de racionalización e sostibilidade local, onde os dous partidos do “sistema” locen a súa personalidade talmente bipolar, coma se nada pasase. Excelentísimos señores con bastón de mando, non dubidan en levantar a man para amolecer a cerellada do Goberno, tratando de convencernos de que semellante esperpento de lei pode ser emendado, sen que tal pose lle impida mudar de parecer nun santiamén, erguendo os dous pés para demandar a retirada da norma do campo do debate.

O señor Rajoy e o señor Montoro non teñen o máis mínimo pudor en levar ao Congreso un proxecto de lei, radicalmente distinto do que idearon inicialmente, baixo o sacrosanto lema da “estabilidade orzamentaria”, para distraer o persoal

O señor Rajoy e o señor Montoro non teñen o máis mínimo pudor en levar ao Congreso un proxecto de lei, radicalmente distinto do que idearon inicialmente, baixo o sacrosanto lema da “estabilidade orzamentaria”, para distraer o persoal e deixar incólume a necesaria reforma da estrutura que conforma a administración do Estado. Evidentemente ás “súas señorías” do partido gobernante non lle doen os miolos por ter que apoiar o texto oficial, mais tampouco se queixarían se tivesen que votar a favor dunha proposta que dixese todo o contrario.

Por se a cousa quedase coxa e como cómpre enguedellala ata a saciedade, os alcaldes galegos do partido de don Mariano, con permiso de Feijoo, non só fan súas as emendas dos opositores, senón que se poñen á fronte da disensión para escenificar todos xuntos unidade e discrepancia. Emendas as que se queiran, a lei nin tocala!

Mesmo é posible acordar a supresión das deputacións, mentres Baltar asina en Madrid acordos para afianzalas, e mentres Besteiro apoia a proposta de que languidezan a cambio de pedir que se fortalezan, porque son moi necesarias

Nese endiañado totum revolutum, mesmo é posible acordar a supresión das deputacións, mentres Baltar asina en Madrid acordos para afianzalas, e mentres Besteiro apoia a proposta de que languidezan a cambio de pedir que se fortalezan, porque son moi necesarias.

E para que o cotarro non perda brío e o flamante xefe do PSOE non sufra o síndrome da soidade, defendendo, igual cós outros, unha cousa e a contraria, aí está o camarada Caballero, disposto a apoiar un venres en Santiago que a lei siga adiante -iso si, emendada- e presentarse o sábado en Madrid para berrar alto e claro que debe ser retirada do mercado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.