Habemus LOMCE, e agora que?

Como estaba previsto, a LOMCE foi aprobada grazas aos 182 votos do Partido Popular. Na oposición, 137 votos negativos dunha gama plural de organizacións (PSOE, CiU, a Esquerda Plural (IU-ICV-CHA), UPyD, PNV, Amaiur, ERC, BNG, Coalición Canaria, Compromís, Geroa Bai) e un pacto –non subscrito por UPyD –para derrogala na primeira oportunidade que se teñan. Cómpre anotar tamén as abstencións de Foro Asturias e UPN.

Nin tan sequera os medios abertamente partidarios do goberno optaron polo triunfalismo, amosándose cautelosos diante do illamento do PP que non fixo o mínimo esforzo para conseguir o apoio das forzas ideoloxicamente máis afíns

Tras a súa aprobación, a prensa remarcou a soidade do partido gobernante. Nin tan sequera os medios abertamente partidarios do goberno optaron polo triunfalismo, amosándose cautelosos diante do illamento do PP que non fixo o mínimo esforzo para conseguir o apoio das forzas ideoloxicamente máis afíns.

A LOMCE é a primeira gran lei educativa que se aproba sen outros apoios que os do partido do goberno. As anteriores recibiron o respaldo de, cando menos, dous grupos políticos. A dereita gobernante instalouse na idea de abocar o sistema educativo ao caos se a cidadanía non é quen de abrazar o seu modelo educativo, e aí estamos, xogando un mal partido a conta da súa soberbia política.

A dereita gobernante instalouse na idea de abocar o sistema educativo ao caos se a cidadanía non é quen de abrazar o seu modelo educativo, e aí estamos, xogando un mal partido a conta da súa soberbia política

O trámite parlamentario constituíu, así, unha nova oportunidade para tensar aínda máis a corda e profundar nas medidas privatizadoras. Aquelas que o ministerio non se atreveu a incorporar no texto -e hai que recoñecer que a ousadía de Wert sabe pouco de límites- foron agora incluídas, destacando a posibilidade de cesión de chan público para as iniciativas privadas, a incorporación de axentes privados na avaliación das probas externas, e a ampliación de concertos nas etapas educativas non obrigatorias.

O trámite parlamentario constituíu, así, unha nova oportunidade para tensar aínda máis a corda e profundar nas medidas privatizadoras

Queda o seu paso polo Senado, e para evitar que sexa un paseo triunfal, a oposición pretende que se convoque á Comisión Xeral das Comunidades Autónomas ao estimar que a lei vulnera competencias autonómicas que poden motivar o seu rexeitamento. Anunciáronse xa diversos recursos no Tribunal Constitucional. Unha vez aprobada virán os desenvolvementos lexislativos que deben acometer as diferentes administración autonómicas, procesos nos que, previsiblemente, se reproducirán novas tensións nas comunidades educativas: con novas mareas verdes e azuis, caricaturizadas como festas de aniversario por Wert, o peor valorado da democracia, e ao que nada lle quita o sono. Na nosa man está que, nos próximos meses, o durmir do señor ministro sexa menos acougado e irresponsable.

Na nosa man está que, nos próximos meses, o durmir do señor ministro sexa menos acougado e irresponsable

Os sucesivos borradores da LOMCE traducíronse na súa progresiva ideoloxización até clonar o ideario completo da dereita ultraconservadora que nos goberna. A Lei establece como puntos negros uns elevados niveis de fracaso escolar e abandono temperán e as baixas cotas de excelencia. Pon o foco crítico nos pobres resultados en competencias básicas tirados de informes internacionais tipo PISA e detecta falta de autonomía pedagóxica por parte dos centros. Destaca a rixidez do sistema educativo na etapa secundaria, ao tempo que estima necesario promocionar a formación profesional pola súa relación directa coa empregabilidade da mocidade.

Non ofrece ningunha reflexión sobre as causas dos problemas que presuntamente quere combater, aínda que no disputado debate político se repite que a “culpa” é das leis anteriores, a deostada LOXSE, que baseada nun modelo comprensivo de ensino

Paradoxalmente non ofrece ningunha reflexión sobre as causas dos problemas que presuntamente quere combater, aínda que no disputado debate político se repite que a “culpa” é das leis anteriores, a deostada LOXSE, que baseada nun modelo comprensivo de ensino, estendeu a escolaridade obrigaroria até os 16 anos e formulou inéditas medidas de atención á diversidade.

A LOMCE incide nos principais puntos de fricción ideolóxica que, practicamente, desde a Transición, marcaron posicións irreconciliables. Agora preséntanse como medidas derivadas das evidencias e do sentido común, e desposuídas do seu carácter partidario. Porén, a comunidade educativa resístese a entender que o remedio contra o fracaso escolar sexa unha maior privatización do ensino, máxime nun momento en  que as carencias de boa parte das familias desaconsella pedirlles esforzos suplementarios. Da promesa de simplificación curricular para non distraer ao alumnado pasamos a reforzar a presenza da relixión que competirá no currículo con outras materias. Agás cun cego acto de fe, non é doado concordar con que o afondamento no carácter confesional da formación moral axude a mellorar os resultados académicos. E, por voltas que lle deamos, é complexo asumir que o reforzamento dunhas direccións controladas pola Administración sexa o piar dunha maior autonomía pedagóxica dos centros.

A comunidade educativa resístese a entender que o remedio contra o fracaso escolar sexa unha maior privatización do ensino, máxime nun momento en  que as carencias de boa parte das familias desaconsella pedirlles esforzos suplementarios

A nova Lei non resolverá os problemas que sinala na súa diagnose, senón que, previsiblemente, afondará neles e xerará outros novos. No seu afán por homoxeneizar e recentralizar o sistema educativo, recortando a presenza das linguas e culturas territoriais ,abrirá unha fronte político-educativa que ,en absoluto, se sustenta en evidencias científicas, nin moito menos en resultados académicos adversos que haxa que corrixir. Ao contrario, son precisamente as comunidades bilingües as que obteñen mellores resultados nas competencias lingüísticas, o que demostra que a finalidade non é a mellora da calidade do sistema educativo, senón a súa configuración consonte co seu modelo de estado, un imaxinario que se identifica agora coa Marca España.

A nova Lei non resolverá os problemas que sinala na súa diagnose, senón que, previsiblemente, afondará neles e xerará outros novos

A presenza das reválidas, sen máis alternativas para o alumnado que non as supere que a súa sucesiva repetición, reflicte a pobreza dun sistema educativo máis pendente de certificar o fracaso e recolocar efectivos cunha mínima cualificación profesional, que de propiciar procesos de aprendizaxe motivadores e exitosos para o conxunto do alumnado.

Unha vez máis a mudanza da lei non axudou a coñecermos mellor as razóns escolares e sociais que están detrás do fracaso e do abandono escolar. Nin a valorar o tipo de educación que queremos. A preocupación, e en moitos casos  a alarma, seguen, moi especialmente nas familias que temen non poder ofrecer aos seus fillos e fillas unha formación axeitadas ás necesidades dun futuro difícil de prever. Nun contexto de sálvese quen poida, onde as respostas parecen vir da man de fórmulas mercantís ou, no seu caso, propias da beneficencia, a receptividade as formulacións asociadas aos valores da equidade e da xustiza social non é doada.

A capacidade de elección en singular rebélase como o criterio estrela. A educación ao servizo dunha crecente estratexia de distinción

A ideoloxía neoliberal inoculou unha perspectiva de defensa a morte do individualismo fronte á construción do colectivo. Xaora, a capacidade de elección en singular rebélase como o criterio estrela. A educación ao servizo dunha crecente estratexia de distinción. Lonxe, moi lonxe dese proxecto de educación para todos e todas, propio das sociedades democráticas e plurais, apoderadas nos seus sinais de identidade e nos valores asociados á súa cultura.

Familias e o profesorado seremos acusados de irresponsábeis por aqueles que, cinicamente, estiman que a perda dunha xornada escolar é motivo de escándalo e non suplir as ausencias dunha quincena, unha simple medida de axuste ou aforro

O traballo educativo e cidadán debe encamiñarse a conseguir que a LOMCE non sexa aplicada. Haberá que estudar as opcións que xurdan arredor da insubmisión á lei. O vindeiro día 24 hai unha convocatoria de folga, unha oportunidade para manifestármonos contrarios á LOMCE. Familias e o profesorado seremos acusados de irresponsábeis por aqueles que, cinicamente, estiman que a perda dunha xornada escolar é motivo de escándalo e non suplir as ausencias dunha quincena, unha simple medida de axuste ou aforro.

E está o máis importante: o traballo profesional cotiá, a atención dos nosos alumnos e alumnas e das súas familias, en singular e no colectivo; velaí a verdadeira pedra de toque para evitármonos que o espírito da LOMCE se manifeste e  se instale entre nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.