Bóla de demolición

Nunha carreira na que nunca escolleu o camiño doado, Bruce Springsteen opta por lanzar preguntas difíciles, por examinar a dura realidade social duns Estados Unidos onde o devalo da marea económica eclipsou a euforia da vitoria de Obama. Outra volta, o Xefe demostra estar en perfecta sintonía co Zeitgeist do país máis poderoso, e se cadra máis complexo, do mundo.

Porén, non son poucos os críticos que afirman que o atractivo deste novo álbum, Bóla de demolición, é pasaxeiro, e dubidan da súa capacidade para engaiolar os oíntes a longo prazo. Dunha banda, as lembranzas melódicas de obras pasadas que se evocan na paisaxe sonora da obra confirman que Springsteen sabe conectar sonoramente cos seus afeccionados de sempre. Doutra banda, Springsteen sempre soubo traballar con produtores distintos para garantirlles un novo toque de son aos seus discos e ao mesmo tempo chegar a novos públicos. Neste caso, a presenza de Ron Aniello, e o emprego de ritmos de folk irlandés e rap achéganlle á obra a súa identidade particular.

Non obstante, o sobranceiro desta última obra de Springsteen son as letras. A primeira canción do disco, We Take Care of Our Own, mestura unha melodía aparentemente positiva cunha letra enchoupada de ambigüidade amargada, e que desemboca nunha xenreira acusadora que non tiña semellanza dende Born in the USA. É fácil para un multimillonario cantar as desgrazas das persoas correntes que perden o traballo, a esperanza e os folgos diante de circunstancias que non poden prever nin cambiar? Dende logo, semella que si.

Springsteen ten unha capacidade bárdica para transformar a sinceridade nun consello vital, capaz de sobrevivir o fracaso do soño que non se realiza

Pero Springsteen ten unha capacidade bárdica para transformar a sinceridade nun consello vital, capaz de sobrevivir o fracaso do soño que non se realiza. Plásmase na canción que lle dá nome ao álbum, onde nos deixa claro cales son as escollas posibeis nestes tempos de crise. Ou desafiamos a realidade, perdémoslle o medo ao medo, e aturamos a tormenta ata que pase, ou perdemos a nosa dignidade anaco tras anaco ao preocupármonos por causas e feitos que non podemos pretender sequera dominar. Springsteen canta para facerlle un corte de mangas a esa bóla de demolición que nos fode a serenidade, e para confiar na única fe que non nos vai decepcionar: a fe en nós mesmos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.