A represión do inevitable

Son tempos revoltos. Tempos de cambio real, sen a necesidade de mesías doutro tempo, de vítores despóticos para o pobo, pero sen o pobo. Tempos nos que a cidadanía activa, asi coma os activismos varios ao longo do país, soportan unha persecución, censura e estigmatización das súas accións fundamentada en dúas dinámicas claramente diferenciadas.

Son tempos revoltos. Tempos de cambio real, sen a necesidade de mesías doutro tempo, de vítores despóticos para o pobo, pero sen o pobo

A represora, onde a aplicación arbitraria de identificacións, sancións e estigmatizacións das accións pacíficas de protesta amparadas na exigua constitución do 78 converten o exercicio da liberdade nun "ben de clase". E a recaudadora, coa buro-represión posta en marcha polos diferentes gobernos (autonómico e estatal) onde as imaxes de violencia represiva son sustituídas pola tramitación silenciosa e invisíbel de expedientes e sancións económicas gobernamentais que só buscan amedrontar a cidadanía agredida, aldraxada e oprimida non só polo austericidio das medidas económicas impostas pola oligarquía financieira, senón tamén pola persecución e represión orquestrada polos mal chamados "corpos de seguridade do Estado” – que, nun xiro político de corte totalitarista, criminalizan o exercicio da liberdade e a visibilidade dunha conciencia colectiva que se move e protesta contra unha orde socio-económica imposta coma "natural" á propia existencia.

Namentres o goberno rexente trata de impoñer unha industria mineira que ameaza con contaminar e expropiar o ecosistema galego, os colectivos cidadáns aúnanse e organízanse para frear a barbarie do funcionarismo tecnocrático. Resposta? Acusacións veladas de destrozos púbicos (por demostrar) e o inicio dun expediente sancionador coa súa correspondente infracción económica.

O mesmo goberno represivo mostra a súa premura para multar e perseguir as afectadas e afectados polo meirande timo financieiro da historia recente do noso país, a commercialización de produtos tóxicos chamados vilmente "preferentes". Máis de 8.000 euros en multas ao colectivo "preferentista" por demandar a devolución dos seus aforros. A desidia ante esta demanda choca coa avidez que a Xunta e os investidores mostran para a consecución da venda do falido Novagaliciabanco.

Estamos a experimentar coma a persecución se cerne sobre os axentes do cambio social, e non sobre os agresores e opresores contra un dereito á existencia non monetarizada e comercializada

Na xeira de buro-represión e estigmatización da conciencia insurxente e destituínte, figuran as multas ao colectivo Stop Desafiuzamentos Coruña, con máis de 7.000 euros en multas por garantir o exercicio dun dereito básico e inalienábel coma é o da vivenda, que nunca na historia recente do Estado español ningún goberno cubriu, senón que o converteu en motor do crecemento económico capitalista vía especulación e bolla inmobiliaria. Estamos a experimentar coma a persecución se cerne sobre os axentes do cambio social, e non sobre os agresores e opresores contra un dereito á existencia non monetarizada e comercializada.

Emigrantes perseguidos e deportados polo mero feito de non ter un documento administrativo que os acredite coma "suxeitos de dereito", xuízos sumariais fundamentados en suposicións e aseveracións maniqueas sobre a hipotética existencia dunha banda armada en Galicia... son a mostra do establecemento dun rexíme de terror e represión instalado nas institucións gobernamentais.

Velaqui o novo xiro do post-totalitarismo, inserido nas institucións coa lexitimidade que impoñen as urnas

Velaqui o novo xiro do post-totalitarismo, inserido nas institucións coa lexitimidade que impoñen as urnas. Comandando os poderes xudicial e lexislativo, garantes de que a orde instaurada non mude. Avivando un sentido común alienado da súa propia necesidade e atemorizado na súa liberdade.

Curiosamente, canto maior é o intento de represión, de fiscalización das condutas disidentes, máis fortes e contestarias se voltan. O problema é que o aparato da democracia burguesa representativa só enuncia para calmar o que non ten valor para denunciar e transformar.

Os parlamentos xa non son o campo de batalla real, son simples institucións formais capitalistas. Son as rúas dos barrios, os camiños das parroquias as que deseñan unha nova cartografía da resistencia

Os parlamentos xa non son o campo de batalla real, son simples institucións formais capitalistas. Son as rúas dos barrios, os camiños das parroquias as que deseñan unha nova cartografía da resistencia, coma mostra o levantamento social para frear un desafiuzamento. Sen distinción de clase, senón de unión na aldraxe. As novas estratexias de convocatoria-resposta, de destitución dos discursos baleiros e dos procesos sistémicos do poder (eleccións nas que a abstención xa supera o 50%), os novos proxectos constituíntes (que non procesos, pois estes serían unha e outra vez comandados pola partitocracia que nos levou ao lugar onde nos atopamos, crendo que o capitalismo socializado sería a felicidade máxima) fundamentados na cooperación e na integración multivariable de diferentes suxeitos e axentes socio-políticos (televisións independentes na internet, organizacions informais na súa estrutura e reticulares no seu funcionamento coma 15M, bancos de tempo, cooperativas integrais...). Neste novo marasmo social agroman claramente dúas ameazas: a primeira, en forma de represión policial e control institucional que arela o desartellamento da sociedade activa; e unha segunda, na necesidade imperiosa e real da aplicación do proxecto construído alén do eleitoralismo formal, necesidade que de non respostarse xa está sendo cooptada por forzas políticas de corte filototalitarista – como mostra o ascenso do xenófobo Frente Nacional de Le Pen en Francia, de Amencer Dourado en Grecia e nun ámbito máis próximo a exaltación franquista sen condena por parte do PP.

Agardar a impasividade social ante unha agresión da oligarquía, é coma pedir confianza nas mesmas estruturas que ampararon este destrozo. Poderán multar e perseguir, pero a súa lexitimidade desapareceu no mesmo día en que ás vítimas foron chamadas "radicais"

A asimetría existente entre a permisividade institucional cos atentados ao dereito vivencial e a represión policial das protestas-defensa da integridade dunha sociedade dada, só pode explicarse ao abeiro xa non dunha crise sistémica, senón da reformulación do sistema económico, cultural e de clase en vigor dende o franquismo.

Reprímese a protesta e a acción transformadora, privatízase a cultura e o ensino, expóliase o ecosistema galego e emprégase o timo como sistema financieiro. Agardar a impasividade social ante unha agresión da oligarquía, é coma pedir confianza nas mesmas estruturas que ampararon este destrozo. Poderán multar e perseguir, pero a súa lexitimidade desapareceu no mesmo día en que ás vítimas foron chamadas "radicais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.