Dereito penal do inimigo ou estado de excepción permanente

Dereito penal do inimigo

Articúlase a noción do Dereito penal do inimigo como unha categoría do Dereito que considera inimigo a todo aquel que fuxiu, que se sitúa ben apartado, e de modo duradeiro, do Dereito, fronte a quen a sociedade reacciona

Con este tipo de Dereito Penal o lexislador non trata ou se refire aos cidadáns, senón que ameaza aos seus inimigos, aos que así considera, castigando os seus delitos con penas draconianas, recortando as garantías procesuais e ampliando as posibilidades de sancionar condutas moi afastadas da lesión dun ben xurídico; deste modo, estase a lexitimar a creación dun Dereito policial no que rexe, non a evitación de resultados lesivos, senón a persecución da condición do autor, da "maldade" dos inimigos do ordenamento xurídico. Así pois, articúlase a noción do Dereito penal do inimigo como unha categoría do Dereito que considera inimigo a todo aquel que fuxiu, ou se entende que fixo tal cousa, que se sitúa ben apartado, e de modo duradeiro, non circunstancial ou accidental, do Dereito, fronte a quen a sociedade reacciona, até o extremo de contrapoñer un Dereito para cidadáns e un Dereito para inimigos.

Formando parte da mesma "construción xurídica" está o Dereito penal de autor, onde o que se dá é unha tendencia a axuizar e condenar ás persoas non polo que fan senón polo que son -ou sexa, porque son inimigos, en suma-.

Formaría parte, tamén, do anterior os recentes casos de espionaxe de grupos políticos ou asociacións claramente opositoras ao réxime actual

Formaría parte, tamén, do anterior os recentes casos de espionaxe de grupos políticos ou asociacións claramente opositoras ao réxime actual. “Preventivamente”, sen que conste a existencia de delito algún, se lle somete a unha vixilancia propia dun delincuente.

E na mesma orde de cousas tamén habería que lembrar os casos de torturas, nunca rematados, senón reiteradamente denunciados (por Amnistía Internacional, sen ir máis lonxe), sen que consten medidas encamiñadas a evitalos, senón máis ben ao contrario, medidas tendentes a que salgan “gratis”; é dicir, medidas de promoción, de ausencia de investigación das denuncias, de “pasotismo xudicial” cando o detido está baixo tutela xudicial; medidas que fan responsábeis, obxectivamente, a xuíces e gobernos, de ditas torturas. Así, ademais, é como hai que entender o indulto reiterado a todos os torturadores convictos, é dicir, condenados en sede xudicial. Desde os gobernos de Felipe González, até o último de Mariano Rajoy, pasando polos de José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero, todos eles sempre estiveron atentos a indultar, e as veces que fixese falta (faltaría máis¡) a todo torturador pouco hábil (que se lle “collese”), ou que dese con algún xuíz que aplica a lei (que hai de todo¡): PSOE e PP convertéronse, así, en defensores da tortura e en promotores da mesma.

Agora ben, esa distinción entre cidadáns e inimigos  non se compadece nada ben  co que caracteriza o Estado de Dereito, onde non caben suxeitos con distintos niveis de respecto e protección xurídica; isto é, estariamos diante dun problema de lexitimidade, dada a incompatibilidade dese "presunto Dereito" co que é o Estado de Dereito. En fin, os dereitos e garantías fundamentais do Estado de Dereito, sobre todo as de carácter penal material e procesual penal son presupostos irrenunciábeis da propia esencia do Estado de Dereito. E é que, de non ser así, onde estariamos sería nun Dereito que sería puro Dereito de Estado, no que o Dereito se somete aos intereses que en cada momento determine o Estado ou as forzas que controlen e manipulen o seu poder.

O que non se podería evitar é preguntarnos por "quen decide" quen é inimigo e quen non, con que criterios de definición; ou, a tan vella pregunta, sobre se se pode "defender a democracia" con procedementos non democráticos

Porque o que non se podería evitar é preguntarnos por "quen decide" quen é inimigo e quen non, con que criterios de definición; ou, a tan vella pregunta, sobre se se pode "defender a democracia" con procedementos non democráticos, isto é, incompatíbeis co Estado de Dereito. E é que a onde viríamos parar sería á desaparición do principio de legalidade procesual, transmutado nun Leviatán omnipresente e incontrolábel, en que todos os dereitos se subordinan á razón de Estado.

 

2. O “acoso lexislativo e xudicial ao terrorismo” e o “dereito penal do inimigo”

A “loita contra o terrorismo” foi o acicate e, ao mesmo tempo, o campo fundamental de aplicación do mencionado dereito penal do inimigo.
Modificacións do código penal e a lei de partidos son os casos máis manifestos do “acoso lexislativo”.

Na base estaría a coñecida doutrina que incorpora o “mundo do terrorismo” (de contornos cada vez máis indefinidos e omniabarcantes) ao terrorismo propiamente dito: “todos son terroristas”

En segundo lugar estaría o “acoso xudicial”; isto é, non obra exclusivamente do lexislativo e executivo, senón basicamente do poder xudicial. Na base estaría a coñecida doutrina que incorpora o “mundo do terrorismo” (de contornos cada vez máis indefinidos e omniabarcantes) ao terrorismo propiamente dito: “todos son terroristas”. Lémbrese o “todo é ETA” do famoso xuíz Garzón. E aí dariamos con ilegalizacións (de Batasuna, de ANV...), disolucións (non sempre, afortunadamente, logradas) de grupos parlamentarios, impedimentos para presentarse coalicións electorais, “inventos” de delitos para impedir a saída do cárcere de presos (o famoso “caso De Juana Chaos”), o macroproceso 18/98, persecucións xudiciais de cargos políticos por reunirse con inimigos, pero que estaban libres, polo que difícil resulta ver cal é o delito. En fin, as sentenzas xudiciais, como as recentes contra “terroristas galegos”: “máis alá das numerosas irregularidades rexistradas durante o proceso, o tribunal non puido probar a comisión de ningunha acción terrorista por parte dos acusados e, a pesares diso, lles impuxo as penas máis altas contempladas no código penal. O asunto é que a única proba de que os mozos independentistas son “terroristas” é que pertencen a 'unha organización terrorista', pero a única proba de que pertencen a unha 'organización terrorista' é que son 'terroristas': unha tautoloxía viciosa que suspende a racionalidade xurídica e aplica en Galiza, como antes no País Vasco, o principio de analoxía e o dereito penal do inimigo para criminalizar unha intención e un programa políticos”.

 

3. A “doutrina Parot”

O asunto é que a única proba de que os mozos independentistas son “terroristas” é que pertencen a 'unha organización terrorista', pero a única proba de que pertencen a unha 'organización terrorista' é que son 'terroristas'

Mención especial merece o que se veu a denominar "doutrina Parot", segundo a cal os beneficios penitenciarios débense calcular en función do total de anos que constan na condena, e non do total de anos do seu cumprimento efectivo.

Mais, sen entrar a valorar o que isto significa, a tal “doutrina”, os tribunais, máis papistas que o Papa, chegaron a aplicala mesmo a persoas condenadas con anterioridade a esta emenda do 2006, o que é un claro caso de aplicación retroactiva; e iso que a Constitución, no seu artigo 9, apartado 3 di explicitamente que se garante a irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorábeis ou restritivas.

Podería dicirse, ou sexa, aplicárselle, aquelo que foi unha das consignas do 15-M referidas ao sistema político: “Chámanlle Constitucional, pero non o é”

Que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos acabe de fallar a inconstitucionalidade de dita aplicación retroactiva era o que calquera que soubese ler (a Constitución, por exemplo, como acabamos de dicer) esperaba. O que, pola contra, resultaba sorprendente era a “enxeñería xurídica” coa que o Tribunal Constitucional validou previamente dita aplicación; e que, ademais de dito Tribunal, esa aberración xurídica non fose dese modo contemplada, como aberrante, previamente por outros (Audiencia Nacional, Tribunal Supremo), indica manifestamente a clase de Dereito (ou de non-Dereito máis ben) que se aplica ao inimigo (quizais outra forma de chamarlle ao disidente), en cuxa definición colaboran entusiasticamente os nosos máis “altos” Tribunais de “xustiza” (?). Para o caso podería dicirse, ou sexa, aplicárselle, aquelo que foi unha das consignas do 15-M referidas ao sistema político: “Chámanlle Constitucional, pero non o é”.

 

4. Dereito penal do inimigo e estado de excepción permanente

Para enfrontarse coa disidencia resulta, en efecto, moito máis útil para o réxime e para os seus partidos o uso do mencionado dereito penal do inimigo que a declaración de estados de excepción. E iso porque os estados de excepción están regulados pola lei (artigo 116.3 da Constitución), e teñen un control parlamentario, así como unha duración determinada; e é, como o seu nome indica, un caso excepcional, que debe xustificarse.

O dereito penal do inimigo non se presenta como nada excepcional, senón que se presenta como o uso normal do Dereito

Pola contra o dereito penal do inimigo non se presenta como nada excepcional, senón que se presenta como o uso normal do Dereito, a aplicación das súas normas; polo que só esixe a complicidade dos que van aplicar dito non-Dereito. E xa sabemos o prestos que están os nosos tribunais a responder a toda chamada para “loitar contra o inimigo”; e, mesmo, ás veces nin se require tal “petición”, senón que actúan “de oficio”. De feito, precisamente o sistema xudicial permaneceu sen sufrir a máis mínima “limpeza” tras o seu pasado franquista: outro dos grandes éxitos da “modélica transición”; e, precisamente polo mesmo, non é de estrañar que o PP aposte pola “profesionalización” á hora de elixir os membros de Tribunais e outros organismos nos que participan Parlamento e Goberno (ou sexa, maior participación de profesionais e menos de “políticos”): están seguros da “fidelidade aos Principios do Movemento Nacional” da maioría dos membros da carreira xudicial.

Non é de estrañar que o PP aposte pola “profesionalización” á hora de elixir os membros de Tribunais e outros organismos nos que participan Parlamento e Goberno

Non se precisa, por tanto, que “xustificar” nada, a menos que por tal cousa se entendan as recorrentes “campañas” emprendidas polos medios de adoutrinamento de masas cando hai que “adoutrinar ás masas”; cousa que, por outra banda, cómpre facer sempre. A “campaña” recente, con manifestación incluída, contra a sentenza do T.E.D.H. que simplemente recoñecía a obviedade dunha aberrante, xuridicamente falando, aplicación dunha “doutrina”, en que toda caste de “opinadores” e demagogos bramaban contra ese Tribunal, tratando de crear unha “conciencia social” (fascista), foi meridianamente significativa: a sofistería mediática en estado puro.

Ese non-Dereito rexerá (como, de feito, estado de excepción permanente) até que a correlación de forzas sexa favorábel aos bos e xenerosos  e non aos imbéciles e escuros

Finalmente, precisamente pola normalidade legal coa que se presenta, non hai prazos que vallan, nin limitacións temporais: ese non-Dereito rexerá (como, de feito, estado de excepción permanente) até que a correlación de forzas sexa favorábel aos bos e xenerosos  e non aos imbéciles e escuros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.