Con crise ou sen crise, as persoas somos o primeiro (II)

Nos últimos meses, o goberno central e algúns gobernos autonómicos adoptaron medidas no ámbito da “estabilidade orzamentaria” en resposta á crise económica. Estas medidas, que dúbida cabe, repercuten de xeito directo e negativa na cidadanía, especialmente naquelas persoas e colectivos que se atopan en situación de maior vulnerabilidade, convertendo esta crise económica nunha crise de dereitos humanos. As/os nosas/os gobernantes deben ter claro que a actual crise nin extingue nin atenúa as obrigas que, para cos dereitos humanos, ten o Estado, pois estes non son privilexios reservados para épocas de bonanza económica. Así, o Estado debe cumprir con aquelas obrigas contraídas internacionalmente en materia de DDHH, e telas moi presentes á hora de deseñar as medidas en resposta ao actual contexto de crise económica. Non é admisible que 870.000 persoas quedaran sen atención sanitaria, nin que miles de familias estean perdendo as súas vivendas. Tampouco o é que as forzas de seguridade maltraten a xente que se manifestaba pacíficamente contra os recortes.

As/os nosas/os gobernantes deben ter claro que a actual crise nin extingue nin atenúa as obrigas que, para cos dereitos humanos, ten o Estado, pois estes non son privilexios reservados para épocas de bonanza económica

No actual contexto de malestar social derivado da situación económica, o aumento do número de manifestacións e protestas levadas a cabo pola cidadanía é tan incuestionable como comprensible. Aínda que é certo que, puntualmente, algunhas destas mostras de disconformidad non estiveron exentas de actitudes violentas, as autoridades, en ocasións, optaron polo uso excesivo da forza, non adecuándose a súa resposta aos estándares internacionais de dereitos humanos.

Persoas que denunciaron as agresións sufridas, a miúdo non atopan amparo nas autoridades

Amnistía Internacional recoñece que as forzas e corpos de seguridade son a principal institución do Estado responsable do mantemento da orde pública e do Estado de Dereito, pero as normas internacionais para protexer os dereitos humanos sinalan claramente que o funcionariado encargado de facer cumprir a lei ten o deber de evitar ou minimizar o uso da forza e, en todo momento, debe aplicar os criterios de proporcionalidade e necesidade no exercicio das súas funcións. En gran parte dos casos nos que as medidas aplicadas resultas desproporcionadas, as demandas interpostas por uso excesivo da forza a mans da policía non se investigan adecuadamente e non se castiga ás/aos responsables. Persoas que denunciaron as agresións sufridas, a miúdo non atopan amparo nas autoridades. Nos casos nos que se iniciaron as investigacións, moitas veces as denuncias quedan arquivadas, entre outros motivos, ao non poderse identificar ás/aos axentes implicadas/os.

Algúns dos casos de malos tratos policiais que Amnistía Internacional está documentando consisten en vexacións discriminatorias baseadas no xénero

Algúns dos casos de malos tratos policiais que Amnistía Internacional está documentando consisten en vexacións discriminatorias baseadas no xénero. Estas accións supoñen, ademais dunha violación do dereito á manifestación, un claro caso de discriminación de xénero, prácticas, ambas, intolerables en base ao dereito internacional. Así, e por poñer algúns exemplos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Convenio Europeo de DDHH, obrigan ás autoridades españolas a garantir que ningunha persoa é sometida a tortura ou outros malos tratos. En caso de denuncia dun acto de malos tratos, as autoridades españolas deben garantir que se realiza con prontitude unha investigación independente, imparcial e exhaustiva e que todas as persoas responsables de tal acto son postas a disposición xudicial. Do mesmo xeito, o Código de conduta da ONU para funcionarias/os encargadas/os de facer cumprir a lei establece como principios reitores durante o control da orde pública nas manifestacións, entre outros, minimizar os danos, preservar e respectar a vida e protexer ás persoas alleas ao que está sucedendo, así como a rendición de contas ante o poder xudicial e a propia cidadanía.

Con crise ou sen crise, o goberno non debe restrinxir o dereito á liberdade de expresión e manifestación. Nin estigmatizar aos movementos sociais que defenden dereitos

Con crise ou sen crise, o goberno non debe restrinxir o dereito á liberdade de expresión e manifestación. Nin estigmatizar aos movementos sociais que defenden dereitos. O que debe facer é protexer a liberdade de expresión e acabar coa impunidade dos abusos cometidos. Con crise ou sen crise, as persoas somos o primeiro.

ACTÚA! Asina para que nos oian moi alto en www.nosvanaoir.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.