A reacción da derrota

Que a tauromaquia, incluídas aberracións máximas como o Toro de la Vega, onde se mata a lanzadas a un touro para deleite das masas alí presentes, fora declarada Patrimonio Cultural Inmaterial exerce un poderoso efecto de reflexión sobre o que deciden agora as Cortes Xerais, preocupadísimo o Partido Popular por facer bandeira dun tema no que ficou absolutamente só.

Os estudos de opinión feitos no conxunto do Estado amosan como só o 7% da poboación española asistiu a estes espectáculos, no período 2010-2011

Unha iniciativa que no seu xermolo pretendía reverter unha decisión democrática do Parlament de Catalunya (pero non falaron nada das Illas Canarias) e que segundo un dos promotores pretendía tamén achegar as touradas ao currículo escolar. Este colmo de aberracións forma parte dun compost ideolóxico que se evidenciaba no prólogo da ILP rexistrada aquel día no Congreso dos Deputados: a tauromaquia é patrimonio vertebrador de todos os españois.

Afirmación por outra parte falsa, posto que mesmo os estudos de opinión feitos no conxunto do Estado amosan como só o 7% da poboación española asistiu a estes espectáculos, no período 2010-2011 como demostra o Ministerio de Cultura. Porcentaxe que se desploma na nosa terra, cun irrisorio 0,8%.

En 3 meses o Goberno central queda obrigado a trasladar a cuestión á UNESCO, onde a caída será épica sen ningún xénero de dúbidas

Os taurinos parabenízanse polo conseguido, aínda que na práctica a declaración teña máis visión de proposición non de lei que da ferramenta parlamentar empregada. En 3 meses o Goberno central queda obrigado a trasladar a cuestión á UNESCO, onde a caída será épica sen ningún xénero de dúbidas, xa que os mecanismos desta organización internacional requiren cooperación e colaboración entre países. Moi estraño resultaría que os Estados membro aprobaran un espectáculo que fomenta o maltrato animal como aspecto a recoñecer mundialmente.

Cuestións máis secundarias como a creación dunha Comisión Nacional, forman parte dese compendio de promover máis o negocio que o suposto senso cultural do mesmo. Sorprende tamén que se falase máis de cantidades económicas que de acceso á unha suposta arte. Isto denota o interese fundamental: protexer unha actividade comercial que basea a súa pervivencia no uso e abuso do diñeiro público.

Sorprende tamén que se falase máis de cantidades económicas que de acceso á unha suposta arte. Isto denota o interese fundamental: protexer unha actividade comercial que basea a súa pervivencia no uso e abuso do diñeiro público

Funciona agora de xeito paralelo certa campaña de infundios dende o taurinismo marxinal do territorio galego. Acusan de soldos estratosféricos, de financiamento de partidos políticos… semella que todo serve para tratar de desprestixiar un traballo e un activismo que aglutina cidadanía e política para configurar avances imparables. Mais a realidade e as hemerotecas fan dano a quen acusan. A Peña Taurina de La Coruña xa percibiu unha nova subvención da Deputación e van seis anos seguidos de axudas… cun montante que supera os 10.000€. Están a espoliar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.