A trampa da Xestión Clínica (2)

O último artigo sobre A trampa da Xestión Clínica tivo certo impacto no sector sanitario. Seino porque recibín bastantes críticas e menos loanzas. Tentarei explicar máis polo miúdo, nesta segunda entrega, a miña lectura dos feitos. O relato que tentei construír é o seguinte:

O último artigo sobre A trampa da Xestión Clínica tivo certo impacto no sector sanitario. Seino porque recibín bastantes críticas e menos loanzas

Estamos gobernados, aquí e en Madrid, por un grupo de liquidadores dos servizos públicos, por unha facción ideolóxica que segue con entusiasmo o credo ultraliberal e que se aplica con dilixencia no desprestixio e desmontaxe do público, coa entrega a mans privadas de parcelas de orzamento cada vez máis importantes. Para este fin empregan, na sanidade, todos os medios posibles: a privatización total dos hospitais (mediante as concesións tipo PFI), a derivación masiva aos centros privados e a externalización crecente de servizos sanitarios e parasanitarios.

Este grupo dirixente mente e engana acotío. Romperon todas as promesas da campaña electoral. Unha vez gañadas as eleccións comezaron o seu labor de demolición

Este grupo dirixente mente e engana acotío. Romperon todas as promesas da campaña electoral. Unha vez gañadas as eleccións comezaron o seu labor de demolición. Núñez Feijóo xa advertiu que privatizaría todo o que non fose estritamente sanitario. Pero a conselleira vai máis aló: “no nos queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. A utilización do BOE para publicar normas (incrustadas en leis referentes a outras materias) é unha táctica tramposa que utilizaron en diversas ocasións. Que empreguen este medio para a creación das Áreas de Xestión Clínica (AXC), coa posibilidade de laboralizar aos sanitarios acollidos ao Estatuto Marco, fai desconfiar das intencións do executivo. Nada bo están a preparar cando pretenden agochalo dese xeito.

Alí onde aplicaron as receitas neoliberais (que comezaron hai tres décadas no Reino Unido) as consecuencias foron catastróficas para a sanidade pública e para os seus traballadores

Alí onde aplicaron as receitas neoliberais (que comezaron hai tres décadas no Reino Unido) as consecuencias foron catastróficas para a sanidade pública e para os seus traballadores. Nas comunidades gobernadas polo PP, onde máis teñen adiantadas as medidas privatizadoras, chegaron a un severo deterioro da calidade asistencial e das condicións laborais, provocando ademais un incremento no gasto sanitario que sitúa a esas autonomías na quebra. Os gobernantes de Galicia, a pesar das evidencias, seguen o mesmo camiño. As consecuencias para os profesionais son severas: redución drástica dos orzamentos da sanidade, desartellamento das Xerencias de Atención Primaria, amortización de prazas, precarización do emprego, suspensión da xornada de tarde nos hospitais, exilio dos profesionais novos. Tamén a poboación sofre as consecuencias no aumento das listas de espera e o desvío masivo cara os centros concertados. A aposta pola privatizacion é rotunda; entregaron a empresas externas a plataforma informática, a renovación tecnolóxica, a central de compras, o subministro de material sanitario etc. A proposta de creación de AXC non é senón un chanzo máis para privatizar, neste caso, o núcleo duro dos centros sanitarios: o labor asistencial.

Feito este longo preámbulo lembremos o sucedido nestes últimos tempos:

A Consellería vai impulsar o “autocoidado” e a atención telefónica. En resumo: pechan camas, eliminan servizos, amortizan prazas, suprimen a actividade de tarde e pretenden que os pacientes se coiden a si mesmos

-O goberno de Madrid publica no BOE, con nocturnidade e alevosía, unha norma que promove a creación de AXC e facilita a laboralizacion do persoal sanitario.

-O goberno galego leva ao Parlamento unha proposta para crear AXC en Galicia (que xa viñan impulsando nos últimos meses nos hospitais, sen que existise norma legal algunha). É moi probable que o PP galego impoña en Galicia os criterios propostos deste Madrid. As promesas de soberanía feitas polo seu portavoz ofrecen pouca garantía.

-Rocío Mosquera comparece diante da prensa en compañía dos conselleiros de Valencia e Madrid, máximos expoñentes do furor privatizador do PP. Afirma que é preciso modificar o sistema retributivo para vinculalo ao rendemento (facendo entender que actualmente non existe implicación no traballo nin se conseguen obxectivos).

-Poucos días despois, en sede parlamentaria, afirma que a Consellería vai impulsar o “autocoidado” e a atención telefónica. En resumo: pechan camas, eliminan servizos, amortizan prazas, suprimen a actividade de tarde e pretenden que os pacientes se coiden a si mesmos e, cando non cheguen, que chamen por teléfono.

Os partidos da oposición teñen que saír do seu letargo para frear, por todos os medios, esta demolición programada da sanidade pública

A estratexia é clara (desprestixio do público, redución dos orzamentos e da actividade dos centros, e introdución da xestión privada nos hospitais) e os actores están identificados (os actuais mandatarios do PP que, no futuro, poderán pasar, mediante a porta xiratoria, a xestionar as áreas que agora privatizan). Os perdedores desta batalla tamén son coñecidos: os profesionais (que están a perder dereitos laborais de forma acelerada) e os usuarios da sanidade pública (que ven medrar as demoras para recibir a atención e os copagamentos aos que deben facer fronte).

A forza dos feitos é tan contundente que non podemos permitirnos o luxo de ser inxenuos nin é posible ollar para outro lado. Os partidos da oposición teñen que saír do seu letargo para frear, por todos os medios, esta demolición programada da sanidade pública. As forzas sindicais deben  recuperar a belixerancia de antano para facer fronte común diante da liquidación dos servizos públicos. De non facelo así, xa e todos xuntos, quedarán na historia como cómplices do maior ataque contra o estado de benestar perpetrado desde o poder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.