No interior do Prestige

A sentenza do xuízo do Prestige é profundamente sintomática. Négalle a condición de “problema” global

A sentenza do xuízo do Prestige é profundamente sintomática. Négalle a condición de “problema” global. Está todo tan saturado que mesmo semella que calquera crítica se torne ready-made ou unha volta de porca ao devalo masoquista no que estamos mergullados. Tampouco é unha radicalización da sospeita pois todo fica escenificado e naturalizado de abondo. No entanto, a falta dun posíbel beneficio moral, con Rajoy fechando época, todo semella unha restauración do xudicial como shortcurt á política. Ao estado social de dereito tamén lle falta o deber de onde tira o nome. Ao cabo, foi a vixilancia de Europa a que permitiu un espazo de liberdade política malia o estado español, cuxo problema fulcral segue a ser aquela falta de división de poderes que arelara o pensamento desenvolvido a partires de Maquiavelo, para quen o único xeito de fresar un eido de liberdade diante da forza do príncipe, sería dividir o estado entre diversos poderes para contrapor as paixóns dos individuos que os controlan até neutralizalos. Con razón chamaron a atención de Sloterdijk as palabras de Mefistófeles no Fausto de Goethe: "Pregúntase polo por que?, e non polo como?/ Se non coñecera a navegación/Guerra, comercio e pirateria,/Tres en un, non separables”.

O Prestige navegaba con bandeira -pirata- das Bahamas e foi conducido mar adentro lonxe dos asuntos de terra firme, da responsabilidade e do dereito

O Prestige navegaba con bandeira -pirata- das Bahamas e foi conducido mar adentro lonxe dos asuntos de terra firme, da responsabilidade e do dereito. A singradura límite non atopou porto de abrigo nen manto protector entre os príncipes. Reducido a “fallo estrutural pero inadvertido” a acción do estado substráese a si mesma, tórnase un simple elo que só afirma forza ao deixar o barco á súa sorte. Canto máis se afastaba o barco máis explicitamente saía á luz a irresponsabilidade do Estado no océano de datos. Eis o cerne do que a “perspectiva Prestige” nos achega hoxe e que foi sendo asumido todos estes anos con total aceptación do estado das cousas: o ilimitado goberno do capital . A presenza espectral do petroleiro afundido que segue a expulsar chapapote como nunca antes fixera, revélase como un mecanismo impenetrábel á nosa comprensión. Retorno do reprimido, non hai mecanismo que trace o rumbo. Non é iso talvez a metáfora da actual revolución neoliberal? Non é a ocultación e negación do político fronte ao económico?

Galicia como fronteira atlántica para o Estado, un artefacto de sobreprodución -reflexo na calidade de vida dos seus habitantes- e coa función de ser unha carrapucha ou pantalla de carácter xeopolítico

Agroma a fealdade e a indignidade, volta a crónica incapacidade para a autoinculpación do estado español polo seu historial de infamia. O barco ficou só na súa agonía, case sen testemuños, no baleiro moral. Por iso estanos permitido ver na catástrofe do Prestige o que hai nela de metáfora do estado español e o seu papel político ao pairo, homologado xa co shipping business, tornándose un espazo sen coordenadas. Ao cabo, a sentenza vén ser a adiada escenificación dunha fraude psicopolítica, perceptibel na aparente indiferenza da poboación galega - a miúdo apostrofada a respecto da súa función interior ao estado como unha especie de reservorio ambiental e humano pronto a ser deslocado. Galicia como fronteira atlántica para o Estado, un artefacto de sobreprodución -reflexo na calidade de vida dos seus habitantes- e coa función de ser unha carrapucha ou pantalla de carácter xeopolítico na guerra xeo-económica sen que os galegos mostren vontade de emancipación dese status de pasivo receptor de catástrofes. Nun estado e nun mundo xeograficamente esgotado, talvez, cumpriría ir proxectando un outro horizonte, unha outra fratría. “Xa que eles non o fan, como os voluntarios apañando chapapote, témolo que facer nós”. Tráenos o compromiso civil activo como un suplemento sen cabida no capitalismo do estado emprazado, fronte as decisións tecnócratas e a ocultación dos antagonismos primarios.

Os galegos evitamos ollar o abismo no que xace dende hai 11 anos o pecio do Prestige e que se abre máis unha vez baixo os pés

Porén, malia a perspectiva Prestige substanciada entre outros en Nunca máis, os galegos seguimos comprometidos no simulacro do modo de vida constitucional que permanece a flote por unha elaborada intervención que axuda a entrefrebrar o sistema de disimulo da desfeita e do falseamento. Os galegos evitamos ollar o abismo no que xace dende hai 11 anos o pecio do Prestige e que se abre máis unha vez baixo os pés de calquera galega ou galego que ande a procurar sorte na mundialización oceánica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.