Unha merda pinchada nun pau

O afundimento en novembro do 2002 do petroleiro Prestige, nalgún lugar do mar chamado Quinto Carallo, incorporou ao noso devir cotiá conceptos e coñecementos ata daquela descoñecidos polo homo vulgaris. Entre moitos outros saberes figuran os de corredor marítimo, monocasco, globalización económica, actuación do poder diante dunha desfeita e Plan Galicia. O malo de tanta mellora educativa é que non foi de balde: a Fiscalía do Estado cifrouna en 4.320 millóns de euros, e non é a Fiscalía amiga de tirar cos cartos. Que cousa é un corredor marítimo? O meu fillo, moi dado el á fantasía, contestaría que un home correndo pola cima da auga. Para os que somos de terra firme, a mar é unha inmensidade de auga chá e imaxinamos os barcos navegando por onde lles peta e abrindo camiños novos en cada viaxe.

O afundimento en novembro do 2002 do petroleiro Prestige, nalgún lugar do mar chamado Quinto Carallo, incorporou ao noso devir cotiá conceptos e coñecementos ata daquela descoñecidos polo homo vulgaris

Pois resultaba que non, daquela aprendemos que na mar había tamén debuxadas estradas polas que debían circular as carabelas e choupanas; e unha desas vías rápidas pasaba precisamente a unhas 25 millas da Costa da Morte, por onde circulaban petroleiros coma turismos por Alfonso Molina ou Vixre da Cerca en hora punta. Outra cousa, que raios era un monocasco? Non se trataba dun mono vestido con casco nin tampouco un casco deseñado especialmente para monos, nin tan sequera se estaba a referir metaforicamente á cabeza cambota do meu cuñado cambote. Nada diso, un monocaso era simplemente unha embarcación feita dunha soa chapa.

A desfeita do Prestige proporcionounos, ademais, un exemplo práctico e moi concreto da globalización económica e algunha das súas posibles consecuencias

A desfeita do Prestige proporcionounos, ademais, un exemplo práctico e moi concreto da globalización económica e algunha das súas posibles consecuencias. Pero unha globalización interesada e asimétrica, onde os mercados non coñecían fronteiras pero os poderes de control sobre eles (incluída a xustiza) seguían a ser nacionais ou, como moito, rexionais. O buque sinistrado era propiedade dun grupo marítimo grego, estaba certificado pola norteamericana American Bureau of Shipping, asegurado pola inglesa London P&I Club, navegaba baixo bandeira do paraíso fiscal das Bahamas e veu bater nas costas galegas, coma quen di no cu do mundo. Sen ánimo de ofender a ninguén, a min venme á cabeza a imaxe dunha vella dkv parada nun control de tráfico, coas rodas lambidas, sen freo de man, co espello retrovisor abanando, as matrículas amarradas con arame e o condutor indocumentado. Pode facer o axente algo mais ca poñerse nas mans da Providencia e rezar que non pase nada?

Puxo tamén en evidencia o Prestige que o poder responde ás desfeitas seguindo sempre as mesmas pautas: negación da realidade, minimización da desfeita e botar culpas fóra

Puxo tamén en evidencia o Prestige que o poder responde ás desfeitas seguindo sempre as mesmas pautas: negación da realidade, minimización da desfeita e botar culpas fóra. Neste caso concreto, o goberno do Partido Popular reaccionou seguindo o manual: NEGACIÓN "Non se pode falar de marea negra; son manchas negras e dispersas" (López Sors); MINIMIZACIÓN "Probablemente o fuel non toque a costa galega " (Arsenio Fernández de Mesa); e CULPAS FÓRA "Na desfeita do Prestige só hai un culpable: o barco " ( Ana Botella). Hai que dicir que a actuación do PP responde a un método e acoden a el cada vez que un problema os reborda. No presente caso Bárcenas, que para eles é unha desfeita aínda mais grande ca o Prestige, Rajoy fai o papel de Aznar no Prestige, poñéndose de lado e dicindo que chove moito; Carlos Floriano interpreta a Arsenio Fernández de Mesa y Diaz del Rio (ollo, é unha soa persoa), ámbolos dous querendo aclarar cousas e volvéndoas mais escuras; e Dolores de Cospedal, co seu “finiquito en diferido de simulación de contrato ou do que fora” digna sucesora de Mariano Rajoy explicando a transmutación do fuel en “pequenos fiiños, en concreto catro regueiros que se solidificaron con aspectos de plastilina en estiramento vertical”.

No presente caso Bárcenas, que para eles é unha desfeita aínda mais grande ca o Prestige, Rajoy fai o papel de Aznar, poñéndose de lado e dicindo que chove moito

E para rematar a mellora educativa aínda quedaba o Plan Galicia, anticipado xa polo Conselleiro de Pesca López Veiga só cinco días despois do accidente, e daquel xeito subsidiado e subsidiario que vemos os galegos a nosa propia terra: "A Xunta vai dar ás 4.000 familias afectadas o turrón e se despois pode vir o mazapán por parte del goberno central e da UE, mellor". E dentro do Plan, ademais dunha presa de cartos sementados nas confrarías de pesca e unha promesa de investimentos xa a deber, veu a substitución do subversivo galeguista Cuíña Crespo polo madriles imberbe Alberto Núñez na liña sucesoria de Fraga, que para daquelas xa non era dono das rúas e andaba a chorar de vello polas esquinas.

Tampouco vos estrañe que dentro de dez anos diga a Xustiza que a culpa do caso Bárcenas é do diñeiro negro

Once anos despois saíu a sentenza do caso Prestige, e a Xustiza cadrou co que anticipara once anos antes Ana Botella: que a culpa fora do barco, unha cacharra vella no medio da mar embravecida. Tampouco vos estrañe que dentro de dez anos diga a Xustiza que a culpa do caso Bárcenas é do diñeiro negro. Que tamén o chapapote era negro. En fin, unha merda pinchada nun pau.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.