Sempre en Galicia

A ti, que estabas de caza mentres se asfaltaba a nosa costa; aos que falaban de “hilillos de plastilina” mentres a centos de persoas nas praias lles chegaba o fuel polos xeonllos; aos incompetentes que levaron de paseo por toda a costa aquela mangueira de fuel chamada Prestige; @s que primeiro criminalizaron ao capitán, e agora proclaman que o barco se suicidou; @s que presos da súa ignorancia se senten ofendidos polo "lío se está montando por catro berberechos”; aos que nos intentaron facer crer que a coincidencia entre a data da sentenza e a da catástrofe era bo sinal; aos que permanecestes tirad@s no sofá mentres outr@s se volcaban en axudar; aos que coas súas decisións lles están berrando ás grandes navieiras “vide para aquí, que aquí o que contamina, non paga”; aos Urdaci e compañía, que empregaron o Nodo para desinformar; aos que seguides impedindo o desenvolvemento e implantación das enerxías renovables; aos que repartistes cartos a esgalla intentando mercadear coa nosa dignidade; aos que sodes cómplices de que teñamos unha lexislación ambiental terceiromundista; a ti armador grego, que artellas grandes estratexias para burlar a seguridade. A tod@s vós…, NUNCA MAIS!!

A aqueles autobuses que percorreron miles de quilómetros para chegar a Galicia cheos de forza e solidariedade; aos que vos manifestastes para esixir responsabilidades; aos galeg@s que dende a distancia, cando viades as imaxes da catástrofe vos entraban ganas de escachar o televisor; a ti, que mentres limpabas nas rochas se che nubrou a vista polas bágoas; ao movemento ecoloxista, que organizou, asesorou, e nunca botou en cara que moit@s d@s que alí estaban acababan de aterrar na defensa do medio ambiente; ao valente mundo da cultura, que puxo voz e cara ao movemento social; a vós, vellos lobos de mar, de rictus sereo e retranqueiro, que nos primeiros momentos convertestes as vosas pequenas embarcacións en David para loitar contra Goliat; aos que dabades de comer, aloxabades e quitabades con cariño e esmero o fuel da cara d@s voluntari@s; ás mulleres da Costa da Morte, que abraiaron os que viñan de fóra coa súa fortaleza e carácter …. Tod@s vós permaneceredes SEMPRE EN GALICIA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.