0 Gardados para despois

Brais Romero

España: unha grande e libre terraza

“Porta Faxeira. Peón, pode pasar”, di a voz encerrada no semáforo da Alameda que dá paso ao casco vello. Coma todos os días, a miña vista xa non repara nunha beleza que teño a sorte de ver todos os días. Que o casco vello de Compostela é unha das máis preciosas xoias que temos a sorte de ter os galegos non é ningunha novidade. Sorpresa a miña cando cruzo ao outro lado daquela voz do semáforo para atoparme unha das maiores atrocidades feitas. Varios ferros brancos furan o chan histórico da capital compostelá. No medio de edificios de pedra, naquel chan que foi pisado polos máis ilustres galegos, alí un establecemento hostaleiro fixo seu un anaco de rúa pública.

Varios ferros brancos furan o chan histórico da capital compostelá. No medio de edificios de pedra, naquel chan que foi pisado polos máis ilustres galegos, alí un establecemento hostaleiro fixo seu un anaco de rúa pública

Como na conquista do oeste, estes colonos cravaron as súas bandeiras na vella pedra e reclamaron para si a rúa co beneplácito gobernamental. Nese punto, detéñome e observo a barbarie. Miro ao meu arredor e observo unha realidade na que non reparara ata aquel momento: a rúa xa non é nosa, é dos bares. Dicía un amigo do meu pai mentres intentaba esquivar as mesas que poboaban as rúas da súa cidade: “isto parece un comedor!”. Efectivamente, isto xa non é unha cidade, este xa non é un país, nin un estado: isto é unha terraza.

A entrada en vigor da lei antitabaco fixo que o Estado afrouxase a man e permitise máis flexibilidade nesta (escasa) regulación das terrazas

Se ben é certo que moitos concellos teñen reguladas estas terrazas, son os máis os que deixan campar ás súas anchas parasois de miles de cores e marcas que fan da cidade un escaparate. Ademais, a entrada en vigor da lei antitabaco fixo que o Estado afrouxase a man e permitise máis flexibilidade nesta (escasa) regulación das terrazas. Probablemente, se algún hosteleiro le isto sentirase atacado; síntoo, pero non penso escamotear palabras en denunciar algo que me parece un grave ataque aos cidadáns: a rúa é nosa, da cidadanía e non dos parasois!

Ironicamente, estes días entrou en vigor unha lei que multa con cifras exorbitadas as manifestacións fronte a edificios coma o Congreso de Deputados. Mentres a nós se nos controla e castiga para non saír a rúa, as terrazas, coma o peor virus, invaden e enferman as nosas cidades co seu colorido e diverso abano de tipos de mesas, cadeiras e parasois. Todo isto, hai que dicilo, co amparo de gobernos que deixan a rúa nas mans do far-west onde todo vale.

Entón, que será o próximo? Pechar as cidades baixo grandes cristaleiras e poñer aire acondicionado coma se fose un centro comercial?

“Mira ese monstro”, din moitos sinalando á Cidade da Cultura erguida sobre o Monte Gaiás; “pero como poden ter isto así”, din ante os comercios pechados causa da crise. Todos apuntan a que dan mala imaxe a un Estado, a unha cidade como Compostela, que vive maioritariamente do turismo. Porén, moitos están de acordo en que esta infección das rúas-comedor é positiva, xa que así a hostalaría fai máis negocio. Entón, que será o próximo? Pechar as cidades baixo grandes cristaleiras e poñer aire acondicionado coma se fose un centro comercial? Vender os adoquíns ás marcas e inserir anuncios ata no chan que pisamos?

País!

Acerca de Brais Romero

Licenciado en Comunicación Audiovisual. Actualmente escribe en Cinema na Praza e colabora en Disquecool e SantiagoTV