Vostede pode ser o seguinte

A Luís de Guindos, o Señor dos rescates, Europa acáballe de facer un "José Ignacio Wert". Ambos os ministros pensaban que os poderes máxicos da propaganda que tan ben lles serven en España e permiten converter en éxitos os fracasos máis estrepitosos tamén funcionaban alén dos Pireneos. Agora xa saben que non. Poida que en Madrid resulte eficaz agacharse tras un plasma, evitar as preguntas ou contestar que chove. Pero en Bruxelas a propaganda non os impresiona; o único que lles preocupa é recuperar o seu diñeiro e cando lles preguntas, responden. 

Ambos os ministros pensaban que os poderes máxicos da propaganda que tan ben lles serven en España e permiten converter en éxitos os fracasos máis estrepitosos tamén funcionaban alén dos Pireneos

O ministro Wert tivo que comer con patacas o seu intento de converter o seu asalto ás bolsas Erasmus nunha operación de austeridade continental. Rubbish foi o termino técnico empregado polo portavoz da Comisión Europea para desacreditar ao titular de Educación. A Luís De Guindos deixárono co cu ao aire na súa tentativa de convencernos de que no Eurogrupo compraran as contas de Rajoy co mesmo entusiasmo e facilidade que aquí. Non nos cadra o do déficit, faltan 2500 millóns de axustes e o second round da reforma laboral, declarou Olli Rehn, o comisario de Economía. Dos produtores dunha reforma extremely aggressive, agora chega second round, o combate final.

Rubbish foi o termino técnico empregado polo portavoz da Comisión Europea para desacreditar ao titular de Educación

A resposta inverosímil de ministerio de Economía acredita o tamaño da mentira. Coma os nenos pequenos, buscaron convencernos de que xa estaba previsto e equivócanse os europeos, que non entenden ben o español. E coma os nenos pequenos, crémolo. Un país que traga case sen protestar que 2500 millóns de aforro sairán de simplificar os contratos e estender o draconiano contrato definido por un ano sen dereito a despedimento merece o anuncio da Lotaría e debería dedicar tanta fe a causas máis ambiciosas.

Semellante cantidade a aforrar nun ano só pode saír ou de precarizar aínda máis, abaratar aínda máis os despedimentos, especialmente na administración, e reducir outra vez as prestacións por desemprego. Pola porta de atrás coan unha segunda reforma que nos achegará un pouco máis ao despedimento libre e ao mercado laboral que queren este Goberno e a patronal. Un mercado de traballo precario, desprotexido, mal pago e de mala calidade. Un mercado laboral onde poidan acudir a contratar man de obra barata coa mesma facilidade e comodidade con que compran unha lavadora. A vantaxe será que cando xa non lles sirva o traballador non terán nin que reciclar: bastará con botalo á rúa.

Se non saíu este fin de semana a manifestarse contra os recortes, antes ou despois, tocaralle facelo

Se cría que a chantaxe dun ERE masivo e as rebaixas de soldo salvaxes eran só para os traballadores do servizo de limpeza de Madrid, saiba que non. Que agora é a norma. O seguinte pode ser vostede. E como eses traballadores terá que elixir. Nunca foi tan verdade aquilo da unión fai a forza. Ou unión ou ERE, velaí o dilema. Vostede saberá. Se non saíu este fin de semana a manifestarse contra os recortes, antes ou despois, tocaralle facelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.