Prestige: Despropósito de Estado

Miro fora, vexo que está pasando,
teño que fuxir non sei a onde  ir.
Abro a porta, non sinto máis que moscas
miro aos meus pés, a terra  merda é.

Caxade-Dança dos moscas

Pararon a marea negra coas mans dacabalo das súas embarcacións e estableceron respostas improvisadas asentadas no comunitarismo e o reparto de roles dun colectivo agredido pero non vencido

Nito e Víctor Dios son dous irmáns que viven e traballan na Illa de Arousa, a dous quilómetros por unha ponte do continente europeo. Alí traballaron os seus pais, os seus avós e os pais e os avós das súas compañeiras Dolo e Mila. Todos eles dependen do mar para vivir e ao mar interpelan permanentemente desde o respecto. No imaxinario colectivo do lugar, a catástrofe ecolóxica do Prestige, hai pouco máis de dez anos, serviu para elaborar unha resposta colectiva de dignidade e supervivencia onde ninguén sobraba. Pararon a marea negra coas mans dacabalo das súas embarcacións e estableceron respostas improvisadas asentadas no comunitarismo e o reparto de roles dun colectivo agredido pero non vencido. Pagaron coa súa saúde, respiraron a incompetencia dos seus gobernantes coas súas cacerías e as súas decisións erráticas, e viviron a falta de competencias delegadas en seguridade marítima do seu país, a solidariedade de miles de voluntarios e, co paso dos anos, o terrible impacto ambiental da catástrofe nos ecosistemas mariños, o seu medio de vida.

Na casa de Nito ou no barco familiar, a bandeira de Nunca Máis foi sempre algo máis ca un elemento decorativo ou un produto de merchandising

Logo de facer todo iso, tamén reivindicaron. Fixérono colectivamente coas maletas que emigraban na Coruña ou coa marea da protesta cidadá que convocou baixo a choiva, en Compostela, a maior manifestación que se recorda en Galiza. Fixérono individualmente, interpelando co berro da desesperación pola falta de medios, ao presidente da Deputación da Coruña, escena que aínda podemos atopar nas hemerotecas da memoria, lugar onde un home manchado e canso (Víctor) se enfronta a gritos con aquel do impoluto traxe gris que di que todo está ben. Mentres, nos buracos negros do malestar, instalouse durante todos estes anos unha certa amnesia característica da vida moderna e da indignación a prazos, na casa de Nito ou no barco familiar, a bandeira de Nunca Máis foi sempre algo máis ca un elemento decorativo ou un produto de merchandising .

Pedro Trepat é un prestixioso avogado galego que á fronte do seu bufete, con 30 anos de carreira, representou a Nunca Máis na travesía do deserto do confuso proceso xudicial. Fíxoo sen ningún tipo de retribución persoal, pedindo moitos favores aos seus compañeiros de profesión  e poñendo moito en xogo. O seu papel, o seu traballo e o da súa xente foron recoñecidos na propia sentenza. Iso e o emprego do galego na lectura desta foron os únicos xestos sensibles cunha sociedade galega que escoitou a mesma insensibilidade de sempre. Entender a Pedro é entender a soidade do corredor de fondo que sabe que os berros de ánimo  da xente ás veces desaparecen durante moitos quilómetros, tantos que a carreira se converte nunha loita contra un mesmo.

O seu papel, o seu traballo e o da súa xente foron recoñecidos na propia sentenza. Iso e o emprego do galego na lectura desta foron os únicos xestos sensibles cunha sociedade galega que escoitou a mesma insensibilidade de sempre

Escoitar a Pedro implica ir un paso mais aló do que indica nunha primeira vista o fallo xudicial, un pacto de silencio asentado en razóns de Estado que evidencian a falta de independencia dos poderes e que invocan ao desatino, unha absolución do conxunto por falta dun culpable de parte, unha sentenza tendenciosa cunha manifesta insensibilidade social e que despreza as probas periciais, un aquí non pasou nada. O feito de que o xuízo empezase o mesmo día no que se cumpría unha década da traxedia e acabase un ano despois con este resultado non deixa de ser unha utilización macabra dos simbolismos.

Este caso retrata o peor deste planeta-mundo, onde a globalización, a maior parte das veces, é empregada como Cabalo de Troia da indecencia e do negocio rápido dun sistema capitalista en crise custe o que custe

Este caso retrata o peor deste planeta-mundo, onde a globalización, a maior parte das veces, é empregada como Cabalo de Troia da indecencia e do negocio rápido dun sistema capitalista en crise custe o que custe. O Prestige foi un petroleiro propiedade dunha empresa de Liberia, que navegaba con bandeira de Bahamas, dirixido por un capitán grego, con tripulación internacional, explotado por unha firma grega e construído en Xapón. Transportaba máis de 70.000 toneladas de petróleo o 13 de novembro de 2002, día no que sufriu unha fenda no seu casco, feito que foi determinante para o seu afundimento seis días despois a 250 quilómetros das costas de Galiza.

É importante recordar que foi decisión, naquel momento da Avogacía do Estado, trasladar a batalla das responsabilidades civís do Prestige aos Estados Unidos

En paralelo ao proceso xudicial de responsabilidades penais que se prolongou durante unha década ata o macroxuízo  na Audiencia da Coruña cos resultados coñecidos, é importante recordar que foi decisión, naquel momento da Avogacía do Estado, trasladar a batalla das responsabilidades civís do Prestige aos Estados Unidos, en concreto contra a empresa norteamericana American Bureau of Shipping (ABS), responsable da clasificación técnica do buque e á cal o Estado Español pediu 1000 millóns de dólares polos prexuízos causados.

Anos despois, e cun custo aproximado para as arcas públicas de 36 millóns de euros en honorarios a bufetes estadounidenses e británicos, un tribunal federal norteamericano sentenciou antes do xuízo da Coruña que ningún dos datos achegados probaba que a clasificadora fose neglixente, sobre todo na inspección ao petroleiro os meses previos ao accidente. Dito isto, sería importante comprobar onde traballan actualmente algúns responsables da Avogacía do Estado que no seu momento decidiron que a vía civil tiña que seguir este camiño, retribuíndo por iso con decenas de millóns de euros a bufetes estranxeiros.

A sentenza do xuízo do Prestige xera un precedente que podería ter continuidade noutros procesos xudiciais como o iniciado co accidente ferroviario de Angrois. O estado renuncia a asumir responsabilidades colectivas

A sentenza do xuízo do Prestige xera un precedente que podería ter continuidade noutros procesos xudiciais como o iniciado co accidente ferroviario de Angrois. O estado renuncia a asumir responsabilidades colectivas, tanto técnicas como políticas, debuxa cunha actitude pasiva os buracos negros do sistema onde todo vale e busca escusas de mal pagador. A sentenza tamén evidencia a dobre condición periférica de Galiza e o trato chauvinista do estado á súa colonia interior. Cun presidente actual (de Compostela) que no seu momento bautizou os “hilillos de plastilina” e cun presidente do pasado (madrileño) que axusta contas coa “esquerda radical que quería derrubar o seu goberno” amparándose nunha sentenza inxusta, o círculo de despropósitos parece pecharse.

O camiño xudicial do recurso non parece que estea sementado de esperanzas. Ao equipo de Pedro Trepat  (avogados de Nunca Máis) quédalle un difícil camiño que necesita de apoio social tanto humano como económico. A externalización do proceso a un marco xurídico europeo é unha posibilidade que non se pode descartar.

Mentres, na Illa de Arousa, Nito e Víctor respiran indignación e incomprensión, a mesma indignación e incomprensión que respiran miles de galegos e galegas que estes días estiveron presentes nas convocatorias de protesta

Mentres, na Illa de Arousa, Nito e Víctor respiran indignación e incomprensión, a mesma indignación e incomprensión que respiran miles de galegos e galegas que estes días estiveron presentes nas convocatorias de protesta, proceso que continuará con manifestacións programadas nas principais cidades galegas o próximo 1 de decembro.

Todo este resultado deixa moitas feridas, unha boa dose de desconfianza, algún graffiti nas paredes e bastantes evidencias. Acabemos polas últimas. Aquela que me recorda ao meu avó dicindo que “ao final quen paga sempre é Juan Pueblo” ou estoutra que recoñece a nosa capacidade de indignación colectiva sobre feitos consumados e a necesidade de comezar a exercer, vendo a feira, a indignación preventiva, asentada nun proceso constituínte e nun sistema económico-social antitético ao existente. Valen as dúas tamén para algún graffiti.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.