Imos cara a unha recreación ditatorial?

Unha regra de ouro da socioloxía do conflito é a necesidade de xerar “válvulas de seguridade” que dalgún xeito eviten que se desborde e produza unha situación incontrolable que imposibilite a existencia dunha sociedade cunha vida normalizada ou no peor dos casos provoque unha sociedade en claro enfrontamento. Por iso nos sistemas capitalistas nos que vivimos a pesar de que manden os ricos e a riqueza, os cidadáns poden organizarse en sindicatos, facer folgas e manifestacións así como utilizar outros instrumentos que os defendan e poñan límites á superioridade dirixente, de xeito que se consiga unha paz social entre o capital e o traballo, entre os cidadáns e o poder.

Unha regra de ouro da socioloxía do conflito é a necesidade de xerar “válvulas de seguridade” que dalgún xeito eviten que se desborde e produza unha situación incontrolable

E así discorren as democracias. Pero a crise que padecemos aquí está cambiando as regras do xogo, sobre todo cando un partido como o PP confunde a maioría absoluta con poder absoluto, réxime democrático con goberno autoritario e administración ao servizo do interese público, con administración ao servizo exclusivo da súa ideoloxía. Sucede, entón, que esas válvulas de seguridade, que as partes enfrontadas puxeran como elementos paliativos de regulación do conflito, saltan insistente e fortemente avisando da gravidade da situación diante das  medidas asoballantes e retrógradas que se están tomando contra os intereses da maioría da poboación e que promoven protestas por doquier.

Pero a crise que padecemos aquí está cambiando as regras do xogo, sobre todo cando un partido como o PP confunde a maioría absoluta con poder absoluto

Pero mentres estas válvulas de escape e distensión existisen, o sistema seguiría manténdose nesa liña rexida polo acordo democrático acadado nos “estados do benestar” e habería oportunidades de solución á difícil situación na que nos atopamos. Se pola contra, a reacción do Poder é omnímoda e pecha esas válvulas con leis como a de Seguridade Cidadá e outras, onde as restricións ás accións populares de contestación social  resultan un abuso, onde se lle dá á policía patente de corso para facer o que lle veña en gana, onde se evade da actuación xudicial a través de desorbitadas multas administrativas, onde se evidencia que a filosofía da lei está en considerar as protestas cidadás non como dereito no exercicio das súas liberdades senón como presuntas accións delitivas, entón temos unha lei que non trata de solucionar problemas, seguindo a razón das democracias, senón de eliminalos apuntándose á barbarie das ditaduras.

Temos unha lei que non trata de solucionar problemas, seguindo a razón das democracias, senón de eliminalos apuntándose á barbarie das ditaduras

O carácter represivo desta lei agudizará a división cidadán, converterá a paz social en temor social e endurecerá os enfrontamentos, porque unha sociedade cun mínimo de dignidade, constrinxida nas súas liberdades, sen saída, procurará rebelarse por ousado que sexa e do xeito que sexa para recuperar unha democracia tirada polo chan.

Algún día terase que rematar con este pesadelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.