0 Gardados para despois

Xosé Antón Jardón

O valor do ciscallo

“A espantosa realidade das cousas/ É a minha descoberta de todos os dias”
(Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro –Heterónimo de F. Pessoa-).

É de sobra coñecido que en Sogama manda formalmente a Xunta de Galicia (51%), mais quen corta o bacallau debe ser Gas Natural Fenosa (49%)

A propósito do recente cabreo dos alcaldes galegos –uns a peito descuberto e outros coa cara tapada- motivado pola suba descomunal do canon que Sogama lle cobra aos concellos por queimar o lixo, disparando o prezo da tonelada nun 34% (de 55,91 a 74,64 euros máis IVE), caben varias reflexións concatenadas, produto dunha –outra máis!- revirada estratexia do Goberno galego, plasmada en distintos lances perfectamente harmonizados, aínda que ás veces semellen contraditorios.

É de sobra coñecido que en Sogama manda formalmente a Xunta de Galicia (51%), mais quen corta o bacallau debe ser Gas Natural Fenosa (49%). Polo tanto, os de Feijoo, tan dispostos coma os de Rajoy en resolver determinados asuntos -verbi gratia, os eléctricos- traballan en maridanza coas compañías eléctricas para resolver iso que lle deron en chamar “déficit tarifario” a fin de que os dos quilowatts cobren o que pensan que deberían cobrar.

Dende a Xunta tratan de razoar -mediante sofismas perfectamente estruturados-, botándolle a culpa á reforma eléctrica, coma se fose algo sobrenatural, queixándose de que, se Sogama non aplica a suba, perdería ingresos e caería na bancarrota, e os concellos non terían onde botar a merda. E, por se alguén dubida do argumentario, Feijoo ameaza aos alcaldes díscolos co conto aquel de que, se atopan outro modelo máis barato, váianse!, que é tanto coma dicir, se non queren pasar polo aro, papen o lixo da súa veciñanza. Que lle fai un euro ao mes a cada familia galega! Daquela, se estamos a falar dunha nimiedade, que lle fan uns euros ao mes aos que levan toda a vida apañando quilowatts nos ríos galegos?

Distrae a oposición co canon de Sogama, mentres oculta as carencias e recortes das contas galegas e, de paso, emboba aos alcaldes para non lle dar tempo a modificar as ordenanzas antes de fin de ano

Mais, como as cousas sempre suceden por pura causalidade, resulta que o Goberno galego –maioritario en Sogama- intensifica o debate do prezo da porcallada cando se tramitan os orzamentos autonómicos, pretendendo matar dous paxaros dun tiro. Distrae a oposición co canon de Sogama, mentres oculta as carencias e recortes das contas galegas e, de paso, emboba aos alcaldes para non lle dar tempo a modificar as ordenanzas antes de fin de ano, e así endosarlle á caixa municipal, vía suba do recibo do lixo, parte do famoso “deficit tarifario” para tratar de librarse da tunda que lle caería no lombo ao Partido do señor Feijoo se os veciños tivesen que apandar con semellante incremento tributario.

Aqueles concellos que non teñen ansia de privatizar a xestión do lixo, non van tardar en recibir o diploma que os declara incompetentes

E como detrás deste tipo de chanzas –tamén por causalidade- sempre anda un tal Montoro, aqueles concellos que non teñen ansia de privatizar a xestión do lixo, non van tardar en recibir o diploma que os declara incompetentes, por mor do incumprimento diso que lle van chamar, na contrarreforma da lei de réxime local, custo efectivo dos servizos. De seguido, recibirán unha atenta carta da correspondente Deputación comunicándolle que asume a competencia para xestionar o servizo, por orde da superioridade. Uns meses despois, chegaralle outra da empresa privada que se fixo cargo do cotarro, póndose á súa enteira disposición.

Pois iso. Éche o que hai!

Acerca de Xosé Antón Jardón

Secretario-interventor de administración local. Foi alcalde de Vilar de Santos e deputado provincial. Foi vicepresidente da FEGAMP e delegado da Consellería de Industria durante o bipartito.