0 Gardados para despois

Manoel Santos

Crise, oportunidade e sindicalismo

Entender a crise como unha oportunidade é algo que comparten, sempre o fixeron, estratos sociais ben antagónicos. Os de enriba procuran nela bos pretextos para dar conta de maiores e máis eficaces mecanismos de dominación, novas liñas de negocio e, ao cabo, meirandes ganancias coa imposición desa atrocidade sempiterna da socialización das perdas e a privatización dos beneficios. Namentres, algúns dos de abaixo ven na crise a confirmación dun fracaso sistémico anunciado e, xa que logo, a oportunidade para emprender, ou cando menos debater sobre, unha transformación radical do noso modelo de sociedade.

Se nos circunscribimos, por exemplo, á crise ecolóxica, veremos como uns pulan polo agromar dun “capitalismo verde”, aplicando toda sorte de imaxinativos mecanismos de mercado –ecotaxas e outros impostos, sancións, incentivos fiscais, comercialización de dereitos de emisións, xeoenxeñería, programas de Redución das Emisións Derivadas da Deforestación e a Degradación Forestal (REDD)…–, e outros avogan por rachar co desenvolvementismo, ou capitalismo ecocida, poñendo en cuestión o produtivismo, o consumismo e mesmo a, tamén sempiterna, propiedade privada dos medios de produción.

Foron quen de impor como saída á crise capitalista máis capitalismo aínda, sobre todo espallando a crenza de que as “correccións sociais” son tan necesarias e imprescindíbeis coma beneficiosas para manter a flote a nosa suposta cohesión social

Nesta guerra, que ten moito de ideolóxica, van evidentemente gañando os primeiros, que están a resultar moi favorecidos. Foron quen de impor como saída á crise capitalista máis capitalismo aínda, sobre todo espallando a crenza de que as “correccións sociais” son tan necesarias e imprescindíbeis coma beneficiosas para manter a flote a nosa suposta cohesión social. Only one way.

Obviamente no éxito de uns tamén están reflectidas as feblezas dos outros. Mentres os habitantes do cumio da pirámide seguen a demostrar a súa capacidade de adaptación e recuperación fronte ás situacións máis complicadas, a esquerda transformadora e os sindicatos son incapaces de saír da unidade de coidados intensivos. Como queira que son os segundos os que, por estrutura, forza de mobilización e mesmo condicións legais deberían ter máis capacidade para se enfrontar á posición hexemónica do un por cento dominante, a súa responsabilidade é maior.

O sindicalismo nas últimas décadas está enchido de gravísimos erros estratéxicos. Ao meu xuízo o fundamental radicou na decisión de abandonar o cuestionamento do modelo para pasar a cuestionar só o suxeito que o debería xestionar.

O sindicalismo –e falo especialmente do practicado polas dúas grandes centrais estatais privilexiadas como “axentes sociais”– nas últimas décadas está enchido de gravísimos erros estratéxicos. Ao meu xuízo o fundamental radicou na decisión de abandonar o cuestionamento do modelo para pasar a cuestionar só o suxeito que o debería xestionar. Dalgún xeito, no canto de representar aos traballadores e traballadoras simplemente os substituíron, coartando –en coalición, consciente ou non, cos xestores do capitalismo– a súa capacidade de autoorganización para concibir novos e máis actuais modelos sociolaborais. Así, pasaron a ser aparatos centrados na exclusiva defensa dun sector –hoxe minoritario– de traballadores máis ou menos establecidos e dos seus intereses económicos, ou, dito doutro xeito, do seu poder adquisitivo, que vén ser o mesmo que a capacidade de consumo. Canta máis mellor.

Malia que o sindicalismo ten que dar resposta ás urxencias xurdidas do deterioro das condicións laborais de moitos e moitas, o que non é xustificábel é que a súa estratexia resida basicamente en competir cos poderes político-económicos por ver quen se adapta mellor a esta situación de incipiente ocaso sistémico, ou civilizatorio. Ao sindicalismo organizado hai que pedirlle moito máis que simples declaracións sobre que “necesitamos un cambio de modelo produtivo” ou que “hai que recuperar o crecemento para xerar emprego”. A súa potencial influencia social, e por suposto responsabilidade, vai moito máis aló da simple defensa sectorial dunhas relacións laborais, pois estas inflúen radicalmente en todos e cada un dos dominios sociais e por suposto ambientais.

Así por exemplo, pular polo crecemento económico para “forzar” a xeración de emprego –pretendido axioma que os últimos anos de crise botaron por terra– pode constituír unha entendíbel “estratexia das urxencias”, por canto hai que solucionar situacións moi complicadas para moitas persoas, mais fica moi afastada desa “socioloxía das urxencias” que Boaventura de Sousa Santos definiu no marco da súa “reinvención da emancipación social” como a necesaria investigación das alternativas que caben no horizonte das posibilidades concretas.

O sindicalismo produtivista xa non ten lugar, pois obviar que o crecemento económico continuo é responsábel de que xa superáramos os límites ambientais e de recursos do planeta

E entre as alternativas, o sindicalismo produtivista –ou desenvolvementista– xa non ten lugar, pois obviar que o crecemento económico continuo é responsábel de que xa superáramos os límites ambientais e de recursos do planeta, e que polo tanto que nos leva ao desastre colectivo, é ficar ancorados no pasado. Ou perder á mantenta a oportunidade de imaxinar e construír, malia que sexa a medio ou longo prazo, un futuro mellor.

Dito isto, vémonos o día 29 nas rúas.

Acerca de Manoel Santos

Manoel Santos (1969). Orixinario de Corrubedo. É biólogo especialista en ecosistemas e recursos ecolóxicos e produtor editorial. Militante ecoloxista e altermundista. Fundador e director de Altermundo, foi un dos promotores do Foro Social Galego e participa dos procesos do Foro Social Mundial e do Foro Mundial de Educación.