O silenzo mata

Son tempos de miseria, de inmundicia, de soberbia, de sofrimento calado, de amnesia, de medo e inseguridade na vida; moito fede a franquismo rancio e o poder que asulaga, enche de lixo a vida e as persoas.

Por iso, máis que nunca compre rachar o silenzo, sempre complice, recuperando así o berro seco, a palabra intelixente, a verdade inmensa que sae do corazón e da razón, que sempre vai en compaña da ledicia e a tenrura que dan a loita pola xustiza. Cecais porque "compren tempos nos que funcionara a xustiza universal capaz de servir as causas xustas de Galiza". En palabras de Isaac Díaz Pardo.

Quero pois darlle a benvida a Praza Publica e os parabéns as xentes que fixeron posíbel a seitura e a realización deste soño. Nace na invernía, mais tamén no tempo no que medran as camelias e as mimosas, flores que desafiando o frío e a escuridade enchen de luz o territorio e as nosas vidas.

A partires de agora a singladura vai ser colectiva, e ten por diante un longo camiño no que Galiza debe recuperar coa escrita, a esperanza de ser, un futuro de terra vizosa, de proxecto común das xentes de ben, de liberdade para mulleres e homes, de modernidade, de universalidade compartida nas ágoras do mundo. Este labor somentes será posíbel con esforzo colectivo, sumar intelixencias, aportacións, recursos, tamén económicos é o que compre agora, que ninguén quede no camiño, para que o "alporizamento" sexa eficaz e productivo no partillar, para que por fín volvamos recuperar a esperanza, e non ter que recoñecer en palabras de Mario Benedetti: "Cando os sobreviventes da miña xeración nos atopamos somos unha enfermería".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.