0 Gardados para despois

Antón Sánchez

Sogama, o negocio de Unión Fenosa que pagamos todos

A reunión entre a Xunta de Galicia e a directiva da Fegamp saldouse cun titular: o aprazamento de seis meses na aplicación da suba do canon do lixo –decretada polo Goberno Feijóo para 2014. Detrás das luces cegadoras da prensa, atópase que os concellos galegos –a súa representación oficial- aceptan o asunto de fondo do PP. É dicir, aceptan o vencello entre suba do canon e marco eléctrico, e esquecen cuestións transcendentes para a maioría social, como os custes de subministro do monopolio de oferta exercido por Fenosa, os empréstamos subordinados, a reclamación do Estado español pola reclasificación de Sogama. E, sobre todo, esquecen cuestionar o modelo ecoloxicamente irracional que supón que a planta de Cerceda non produza compostaxe e recicle unha ínfima porción dos residuos que trata. Contra o que indican as prescricións expertas minimamente respectuosas co medio ambiente, a incineración é o destino principal do lixo do 82% dos concellos galegos. Neste país non se xestiona mal o lixo por sermos colectivamente irresponsábeis, nin porque non teñamos conciencia medioambiental. Xestiónase mal o lixo porque niso consiste o negocio de Unión Fenosa: canto máis lixo queima Sogama, máis cartos fai Unión Fenosa. Así de sinxelo. 

Detrás das luces cegadoras da prensa, atópase que os concellos galegos –a súa representación oficial- aceptan o asunto de fondo do PP. É dicir, aceptan o vencello entre suba do canon e marco eléctrico, e esquecen cuestións transcendentes para a maioría social

 

Érase unha vez unha empresa pública ao servizo dunha privada

Neste país non se xestiona mal o lixo por sermos colectivamente irresponsábeis, nin porque non teñamos conciencia medioambiental. Xestiónase mal o lixo porque niso consiste o negocio de Unión Fenosa: canto máis lixo queima Sogama, máis cartos fai Unión Fenosa

Nos primeiros anos de funcionamento de Sogama, a produción eléctrica a partir do CDR (combustíbel derivado dos residuos) empregábase para abastecer as propias instalacións da factoría. A entrada en vigor do Real Decreto 661/2007, que estabeleceu primas ás enerxías renovábeis e á coxeneración, determinou que Sogama decidise vender a enerxía producida pola incineración. E vendela a un prezo elevado, por mor da prima que leva aparellada, mentres adquiría no mercado electricidade para consumo propio. Esta era máis barata que a xerada pola incineración. Negocio redondo, en resumo.

O contrato de subministro eléctrico con Unión Fenosa asinado pola Xunta é o referido ao “subministro de enerxía eléctrica para os consumos dos servizos auxiliares das instalacións do complexo medioambiental de Cerceda. Foi adxudicado en maio de 2012 a Unión Fenosa Comercial coa magnífica xenerosidade de Alberto Núñez Feijóo e por importe de 17.526.764,15 euros. O contrato ten prazo de tres anos mais unha prórroga automática dun anos e a graciosa retribución acada o prezo de mercado mais o 75% da prima de referencia. Ninguén xustificou esta cifra. O contrato recolle, a maiores, unha revisión de prezos que lle garante a Unión Fenosa unha modificación dos mesmos se a prima de referencia é revisada pola Administración.

O contrato recolle, a maiores, unha revisión de prezos que lle garante a Unión Fenosa unha modificación dos mesmos se a prima de referencia é revisada pola Administración

Mais un novo Real Decreto, o 2/2013 do un de febreiro do ano en curso, deu en suprimir as primas ás enerxías renovábeis. O que Sogama e a Xunta do PP cualificaran en 2011 de “gran negocio” fica reducido a ruínas pola supresión das primas ás renovábeis acordada polo Goberno de Rajoy. Aínda por riba, o contrato asinado en 2012 –medio ano ante do RD 2/2013- obriga a manter a relación con Unión Fenosa durante tres anos, cando economicamente o rendíbel sería que a enerxía eléctrica producida pola incineración en Sogama se consumise na propia planta de Cerceda. Á vista da supresión das primas, o vixente contrato é manifestamente lesivo para Sogama. E, daquela, para o peto de todas as galegas e galegos. Quen sae beneficiado? Pois, como vén sendo habitual no Goberno de Feijóo, Unión Fenosa e as grandes compañías eléctricas. Fenosa pecha o círculo, ademais, co contrato de subministro de gas para o funcionamento da factoría adxudicado pola Xunta por 41,5 millóns de euros.

 

A grande incerteza da devolución do sobreprezo

Pero non se trata do único problema que asexa Sogama. A empresa pública probabelmente teña que devolver 11 millóns de euros ao Estado. E todo por outra decisión de Feijóo, a que cambiou a clasificación da planta térmica o 19 de outubro de 2011. A mudanza fíxose expresamente para aumentar os ingresos pola venda de electricidade e agora é posíbel que Sogama teña que reintegrar este sobre prezo ao Estado. Porque este recorreu o cambio na clasificación. Na propia memoria das contas da empresa pública do lixo, esta situación aparece como a grande incerteza que paira sobre a planta.

 

Dúas decisións do PP, dúas decisións catastróficas

Este é o contexto que permite explicar a suba do canon de Sogama e a posterior suba da taxa da recollida do lixo. Dúas catastróficas decisións de gobernos do PP –de Feijóo e de Rajoy- orixinan unha situación que agora a dereita pretende cargar, en forma de aumento da carga tributaria á cidadanía, no lombo dos sufridos concellos. É intolerábel, absolutamente intolerábel, que a Fegamp –dominada, tamén, polo PP- pacte seis meses de aprazamento como solución ao problema. Vergoñento.

Dúas catastróficas decisións de gobernos do PP –de Feijóo e de Rajoy- orixinan unha situación que agora a dereita pretende cargar, en forma de aumento da carga tributaria á cidadanía, no lombo dos sufridos concellos

Neste escuro panorama, aínda para máis, Sogama pretende agochar a devolución dos préstamos subordinados da Xunta e de Fenosa, 25 millóns de euros con vencemento en 2017 e 2018, respectivamente. Esta fórmula de financiamento foi criticada polo Consello de Contas, que a considera onerosa para a facenda pública. En concreto, Xunta e Fenosa ingresaron en 2012 e por intereses destes préstamos 2,5 millóns de euros. O Consello de Contas recomenda a ampliación de capital de Sogama como solución óptima. O Goberno galego podería forzar a Fenosa á converter estes préstamos en capital e así evitaría o golpe do pagamento de 25 millóns de euros en menos de tres anos. Mais está por ver a primeira vez en que o señor Núñez opta polo interese xeral galego e non por Gas Natural. Que, por certo e malia a xenerosidade da Xunta coa súa conta de resultados, construirá catro buques gaseiros e non en Vigo nin en Ferrol, senón no sueste asiático.

O Goberno galego podería forzar a Fenosa á converter estes préstamos en capital e así evitaría o golpe do pagamento de 25 millóns de euros en menos de tres anos. Mais está por ver a primeira vez en que o señor Núñez opta polo interese xeral galego e non por Gas Natural

Sogama foi un negocio para unha empresa privada consentido e impulsado pola Xunta. Os presuntos representantes da cidadanía nas institucións gobernamentais polas fileiras do PP consentiron este saqueo. Se son dignos de tal nome, só poden dedicarse a solucionar de raíz a cuestión. A curto prazo, por caso, deben facer por extinguir o contrato de subministro eléctrico e transformar os préstamos subordinados en capital. A medio e longo prazo, desmantelar o modelo negocio, esixir responsabilidades políticas e procurar un cambio radical na xestión do lixo cara a outro que aposte pola comarcalización, a redución, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe. Non hai aprazamentos posíbeis.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza