A confusión entre san e natural. Un erro común.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, san é un adxectivo que denota ter boa saúde, estar libre de enfermidade. Tamén se aplica a aquilo que conserva ou beneficia á saúde. Segundo o mesmo dicionario, natural  refírese ao relativo ou pertencente ao mundo físico, ou producido polas forzas da natureza e non alterado nas súas calidades esenciais pola acción do home nin pola intervención do sobrenatural. Porén, cando nos referimos a alimentación e tamén ao coidado da saúde humana, a miúdo confúndense ambos termos até o punto de darlle un rango de saudable a cousas naturais que non necesariamente o son.

Podería tratarse un debate doutro tempo, porén se atendemos a propagación de certas opinións que se observan na internet e varios colectivos, descubrimos que os coñecementos científicos a respecto da saúde e da alimentación fican amplamente deostados entre asociacións e persoas denomidadas “alternativas”. Moitas delas manteñen que a regulación técnica de certas prácticas beneficia ao capitalismo e prexudica a xente do común, polo tanto son medidas que a esquerda non pode defender. Non é propósito deste artigo entrar a valorar a crenza de ninguén pero si chamar a atención sobre certos argumentos que se manexan como discurso político e que, de non ser porque poden chegar a afectar á saúde das persoas (caso do movemento antivacinas), poderían residir simplemente nun plano propio da ideoloxía.

Porén non deixamos de observar como existen certos movementos que pretenden unha saída cara atrás, unha volta ás tradicións, pretendendo recuperar certos saberes e, se nos centramos na alimentación, certos sabores que na actualidade van camiño de desaparecer. Para isto moitos colectivos apelan a un mercadeo á marxe do control sanitario e administrativo, ao intercambio de produtos alimentarios baseándose nun concepto que denominan confianza, apelando sen moito xeito a que a bondade dun alimento é superior cando procede daquelas mans nas que se supón pode  confiarse, porque son “coma as de antes”. Ao tempo comprobamos como insisten na idea de que as análises, os parámetros de calidade, o control sanitario sobre aquilo que pode resultar prexudicial para a saúde, contraveñen esa presunta naturalidade dos alimentos e poñen en risco a produción e a supervivencia de moita xente. Establécese, xa que logo, unha conexión (raramente demostrada) entre progreso tecnolóxico e a desaparición de certas sociedades.

A desconfianza en torno á metodoloxía científica para garantir a salubridade das cousas que comemos xurde principalmente de dúas situacións: A primeira, a ignorancia ou descoñecemento de que significan as estratexias de control e a segunda a confusión que se da entre unha forma de explotación económica da alimentación e a calidade desta.

A desconfianza en torno á metodoloxía científica para garantir a salubridade das cousas que comemos xurde principalmente de dúas situacións: A primeira, a ignorancia ou descoñecemento de que significan as estratexias de control e a segunda a confusión que se da entre unha forma de explotación económica da alimentación e a calidade desta.

Nunca o control sobre os elementos nocivos vai mermar a calidade dun produto. Todo ao contrario. A única maneira de garantir, por exemplo, que os ovos que consumimos non leven a bacteria salmonella é precisamente con control sobre os axentes causantes e o tempo que o ovo pasa desde a súa recollida até o seu consumo. Do mesmo xeito poderiamos citar o que acontece co leite cru, os postres lácteos ou as conservas. Unha conserva contaminada con botulina (un dos velenos máis potentes da natureza) non somos quen de detectala se non é controlando o proceso de fabricación e empregando técnicas de esterilización até niveis que fagan o risco desprezable para a saúde humana.

A confianza na persoa que nos vende o produto non se pode medir empiricamente. Porque a historia está chea de casos de persoas que enfermaban na súa propia casa consumindo produtos de seu, elaborados por elas mesmas. Polo tanto o argumento tan manido de “se non lle fai mal a súa familia tampouco nos vai facer mal a nós” non garante en absoluto que o produto sexa san e apto para o seu consumo.
Un outro tema é o sabor e outras cualidades chamadas organolépticas dun alimento. Evidentemente que unha mazá madurada ao sol, que só se recolle no momento óptimo e transportada sen golpes nin procesos intermedios para consumila non sabe igual que unha mazá recollida cando aínda non chegou a madurar, que é armacenada e transportada a miles de quilómetros do punto de recollida para a súa distribución e consumo e que ademais trátase para que non apodreza, para que madure artificialmente, etc. Pero convén non confundir unha cousa coa outra. O feito de un alimento ser “da casa” non garante en absoluto a súa salubridade, dado que no proceso de produción caseiro tamén se poden empregar técnicas e tratamentos agresivos para o produto, para o consumidor e para o ambiente. Se anulamos os controis de residuos, de contaminantes e de patóxenos, quen lle impide a un produtor empregar elementos que sexan completamente antisaudables?

Unha mazá, un chourizo, un queixo “da casa” garda, nalgúns casos, saberes e tratamentos tradicionais moi valorabeis. Pero tamén soubemos de persoas que, nos produtos da casa, empregaron pesticidas proibidos

Unha mazá, un chourizo, un queixo “da casa” garda, nalgúns casos, saberes e tratamentos tradicionais moi valorabeis. Pero tamén soubemos de persoas que, nos produtos da casa, empregaron pesticidas proibidos, recolleron antes de transcorrido o prazo de seguridade dun tratamento e sobredosificaron as aplicacións pensando que ían mellorar os rendementos das súas colleitas. E isto, por moi duro que resulte admitilo, non deixa de ser unha técnica de risco que se aplica, tamén, nas cousas da casa e por parte da persoas que moitas veces calificamos como “de confianza”.

Ao tempo enfrontámonos coa calificación de “natural” como sinónimo de saudable; e nada é máis incerto: As bacterias da botulina ou da salmonella (por introducir dous casos moi típicos nas intoxicacións alimentarias) son microorganismos presentes na natureza, que contaminan e provocan danos na saúde de xeito natural. Atendendo a isto a identificación do san co natural convértese nun sofisma.
A estas alturas cabería preguntarse: Pero logo, porque os ovos da casa saben mellor? Ou o leite cru? A resposta é ampla demais para caber neste artigo, pero introduce un tema que vai máis aló do control empírico dos patóxenos que poden estropear un produto e ten que ver co modelo produtivo que prima un xeito de facer negocio cos alimentos e o alonxamento dos centros de produción destes. E é aquí onde cumpriría deterse a realizar unha verdadeira crítica. Pero non desde logo desde a negación do control sobre a salubridade e calidade dun produto.

As medidas de control en moitas ocasións son produto da preocupación da sociedade civil e da comunidade científica. Desgrazadamente acontecementos como o síndrome tóxico provocado polo aceite de colza desnaturalizado serviron para tomar algunhas necesarias medidas de control sobre a alimentación que previamente non existían. Non hai que esquecer que, de eliminar os controis científicos e técnicos, os principais beneficiarios serían os partidarios da desregulación, as grandes empresas alimentarias, que verían así reducido o gasto en calidade e mellorarían aínda máis a súa cifra de negocio a costa de empiorar a alimentación de todas nós. Polo tanto a desregulación, o abandono do criterio científico e técnico sobre a salubridade dos produtos, a confianza sen ningunha medida de acompañamento, non son criterios progresistas nin de esquerdas. Cómpre entón, antes emitir certos xuízos de valor sobre o particular, informarse con maior profundidade sobre a quen benefician certas premisas ideolóxicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.