0 Gardados para despois

Millán Fernández

O nacionalismo continúa a andaina

“La Historia es nuestra, y la hacen los pueblos” Salvador Allende Gossens, 11 de Setembro de 1973.

Este epílogo pertence a un dos mellores discursos políticos de tódolos tempos e é coñecido por ser o último alento do presidente Allende en pleno asedio do “Palacio de la Moneda” a mans do exército golpista do xeneral Augusto Pinochet. Fora o primeiro marxista en acadar o poder pola vía democrática e en aplicar un ambicioso plan de reformas socializante e dignificador das clases mais desfavorecidas para modernizar as seculares estruturas inxustas dun grande país do cono Sur. O que veu despois: desaparicións, cárcere, torturas e unha terapia de shock que implantaría polas bravas o ultra-liberalismo económico baixo réxime militar e o sometemento da vontade popular aos designios dunha minoría potentada.

Non o podían permitir. Non podía ser, entre outras cousas, que os fillos duns campesiños do altiplano ou dun pequeno comerciante dos arrabaldes de Santiago aspirasen soamente a recibir unha educación para optar, en igualdade de condicións, a unha vida mellor. Tampouco que Chile fose dona dos seus recursos e, polo tanto, do seu destino. Refírome a ela porque o seu eco resoa no mundo enteiro e exemplos hai a eito na contorna e noutras latitudes. É actual, rabiosamente actual. Mais aínda cando o sistema deféndese inoculando pánico paralizante de mañá por noite e cando as vellas pantasmas retornan teimando dobregarnos, escachando a baralla e o contrato social na súa concepción rousseuniana.

Estamos pois, perante unha auténtica Gran Regresión que compromete a democracia no seu nome na Europa enteira

Estamos pois, perante unha auténtica Gran Regresión que compromete a democracia no seu nome na Europa enteira: representantes institucionais de tódalas cores e liñaxes empoleirados no mando e implicados en noxentas tramas corruptas, criminalización da diferenza e ¡ata da pobreza! (lembremos os 1500 euros de multa á mendicidade en Valladolid), imposición da sacrosanta austeridade para os de sempre (debera ser un valor en chave de contención e sustentabilidade, nunca un dogma empobrecedor que afoga ás clases medias e desatende ás baixas), gobernantes fartos de entrar e saír impunemente ao través da porta xiratoria do Gran Festival Neoliberal, ministros-banqueiros e novos protectorados baixo a batuta dun IV Reich sen Wehrmacht.

É a era pos-política sustentada nuns partidos políticos apolíticos que alimentan o delirante circo ata converterse en bonecos esfarrapados que invitan ao desalento. Unha sorte de “democracia autoritaria” que comeza a ensaiarse no laboratorio da populista Hungría de Orbán e que ameaza con estenderse á Francia do húngaro Sarkozy, senón lle poñen remedio os cidadáns franceses, para logo cruzar os Pirineos ou os Apeninos. O experimento é vello: Orbán quere recuperar a “grandeza nacional” inventando inimigos externos e internos: “traballo, fogar, familia, nación, xuventude e orden” é o leitmotiv.

Reducen a Política a trocar asfalto por votos contando coa complicidade das corporacións mediáticas

Fascio redivivo sen desfiles, frontes de xuventudes uniformadas ou éxtases colectivos, e unha prevaricación sen límite que perverte o senso do comunitario obviando a natureza social humana e ignorando a súa probada capacidade de rebeldía, auto-organización e desobediencia. Triste realidade, xestionada e alimentada por eficientes lacaios e representantes-empresa que consideran ao común do cidadán un menor de idade. Reducen a Política a trocar asfalto por votos contando coa complicidade das corporacións mediáticas ás que previamente compran cos teus cartos para venderche que a ponte construída cos teus cartos é unha xenerosa dádiva.

Impoñen esforzos e “moderación salarial” á vez que enchen o peto de maneira exponencial e blindan a súa posición. Facilitan que se destrúa o ecosistema e o patrimonio material e inmaterial, e institucionalízano como “o normal”. “O que toca”, e no nome do progreso. Entre tanto balbordo a maioría opta por desconectar, desanimada. Este, e non outro, é o panorama xeral e parte da gauche caviar, outra volta, mira cara outro lado. Si, é unha vella historia: o que non é doado é albiscar ata canto vai durar a impostura.

 

Big Bang nacionalista. Confírmase o cambio de ciclo.

Houbo quen xa o bautizou así. O certo é que a saída do Encontro Irmandiño e da grande maioría de Máis Galiza, mais alá da súa constitución formal como partido fóra do BNG, supón a fin oficiosa de 30 anos de percorrido da fronte patriótica e abre un vieiro novidoso na longa historia do galeguismo político. A marca BNG segue existindo, aínda que xa non é o Bloque. Implosiona mais o nacionalismo e o galeguismo no seu conxunto teñen a oportunidade de facer da súa crise unha fortaleza neste novo tempo, como sempre soubo facer dende o século XIX, e o seu reto é expandirse partindo dunha base sólida e definida e da experiencia de ter xestionado institucións, con mais acertos ca erros, axudando a transformar a realidade.

A marca BNG segue existindo, aínda que xa non é o Bloque

Teoricamente é viable. Politicamente é oportuno. Socialmente sería preciso. Agora haberá que ver como arrefriarán as estrelas, os planetas e os satélites e como artella unha alternativa con opcións de rivalizar e comprometer a hexemonía da dereita en Galiza, tanto nos concellos como no Parlamento e na Xunta.

Se é quen de construír unha nova cultura política de movemento, conectada coa cidadanía activa (sen tutelaxes) de xeito integrador e de iguais entre sensibilidades, radicalmente democrática e aberta a escoitar e aprender facendo o camiño, abriráselle unha xanela que non desaproveitará porque se ten sementado dabondo. Seguramente mais do que se adoita pensar. Fan falla, iso si, altas doses de xenerosidade e renovación de ideas. Actualización das formas e firmeza nos principios. Para combater o vendaval re-centralizador e desocializador precísase da re-activación de todo o capital cívico desta terra, ás veces farto das leas internas do BNG. Mais iso xa é pasado.

Ao polo que sae do BNG preséntaselle a oportunidade de converxer con outros espazos e seducir a sectores aos que non chegaba na última década

Ao polo que sae do BNG preséntaselle a oportunidade de converxer con outros espazos e seducir a sectores aos que non chegaba na última década. Coa forza da innovación nos novos xeitos de facer política e de relacionarse coa e entre a cidadanía e coa forza da ética como bandeira, pero tamén sabendo conxugalo na acción mediante compromisos realizables e concretos, pode atopar suficiente masa de cidadanía comprometida coa construción dunha alternativa viable ao nefasto (mais ben de corte nihilista-pasivo) goberno Feijóo dende a asunción do feito nacional galego.

Se acerta reilusionarase a segmentos de poboación des-motivada e des-activada que deixara de acreditar na utilidade do proxecto que representa, como continuum histórico, o nacionalismo galego. Cando menos no plano político-electoral. É probable que haxa unha imposibilidade obxectiva de ser maioritario socialmente, mais tamén é certo que ten a potencialidade suficiente como para incorporar amplas capas sociais e provocar mudanzas de calado.

Se acerta reilusionarase a segmentos de poboación des-motivada e des-activada que deixara de acreditar na utilidade do proxecto que representa, como continuum histórico, o nacionalismo galego

Atoparase seguro con atrancos que, necesariamente, han de resultar estimulantes e non será doado conxugar formas distantes de concibir un novo proxecto común vindo dunha tradición determinada. O peor inimigo está dentro de si. Pode aprender doutros modelos organizativos de éxito como Amaiur e Compromís pois estes tempos esixen unha concepción máis vencellada a unha madeixa de redes, entre correntes e individuos, que a unha concepción vertical con doses de sectarismo ou de simple populismo e alimentación das contradicións.

Trátase de construír mais ca de proxectarse como a consciencia crítica dun pobo, que tamén. Non será de menor importancia colexiar os liderados e saber conxugar o potencial de cada un deles e, no inmediato, parece mais probable a cristalización arredor dunha coalición electoral aínda que os cidadáns, no plano electoral e coa mirada posta no medio prazo, adoitan premiar a seguranza que outorga unha única organización estable. Plural internamente e con ramificacións nos ámbitos non só estritamente políticos, pero unitaria, que non uniformizadora nin moito menos alienante. Dende os Mártires de Carral ata hoxe o pobo galego auto-organizado segue e seguirá facendo a súa andaina na consecución da súa misión histórica.

 

Acerca de Millán Fernández

Millán Fernández, Lugo 1984. Politólogo e mestre en márketing e comunicación política. Doctorando en márketing político, actores e institucións nas sociedades contemporáneas pola Universidade de Santiago de Compostela.