Punk branquiazul

Talvez algún día as Medallas Castelao sexan capaces de valorar o decisiva achega dos Padres Salesianos no nacemento do punk na Galiza: En Vigo, o salón de actos do colexio dos discípulos de Don Bosco acolleu o nacemento dos mitiquérrimos Siniestro Total e na Coruña idéntica dependencia salesiana foi o escenario no que hai 25 anos se iniciou a singradura de Agusto César Lendoiro como presidente do Deportivo. Presidencia que, visto o visto, non deixa de teu un aquel punk.

E se por datas e celebracións sinaladas o grupo de Julián Hernández volve polos seus pasos; Lendoiro retornou onte a un salón demodé e lúgubre, frío e anticuado, a tocar os mellores temas do seu repertorio, introducindo sorpresivamente algunhas cancións novas que foron celebradas até o delirio por un público incondicional pero incialmente temeroso, que se volveu cálido e entregado conforme avanzaba o concerto.

Xente variopinta de diversa procedencia, clase e condición, con notorio predominio da mediana idade pero cun significativo continxente de xente nova, enchía as renxentes cadeiras do salón colexial

Minutos antes do comezo do acto o recinto estaba até os topes. Xente variopinta de diversa procedencia, clase e condición, con notorio predominio da mediana idade pero cun significativo continxente de xente nova, enchía as renxentes cadeiras do salón colexial. Ao tempo ía subindo a temperatura e, en animada conversa, a xente afastaba medos e gañaba confianza na vitoria do seu candidato.

Candidato que concorre ás eleccións co lema Confianza e Historia. Confianza na historia dun neno que marchou de Corcubión á Coruña, que fundou un club de fútbol aos 15 anos, que casou ben, que abriu un colexio, que se relacionou co Opus, que inventou o mellor equipo de hockei a patíns da historia, que o foi todo a nivel local e provincial no PP, até cabeza de turco, que leva presidindo 25 anos o club da súa cidade, que lle gustan as tortillas e que non perde o sentido do humor nin nos momentos máis complicados da súa traxectoria vital; onte choteábase do malos que eran os chistes de Conchado ou anunciaba que a insigna de ouro e brillantes do Deportivo, terá unicamente un brillante, por eso da débeda e tal...

Pasaban 10 minutos da hora cando os reloxos pararon de vez; Abriuse o pano e apareceu o coñecido xornalista deportivo coruñés José Luís Núñez. Fíxoo sobre un escenario copado por volta de vinte notábeis do deportivismo de base que testemuñaban o seu apoio a Augusto Joaquín César Lendoiro. En primeira fila, á beira do candidato: o alma mater da Tombalobos Orquestra e antigo director do Instituto Eusebio da Guarda, Elisardo Lopes Varela e o incansábel activista cultural, expresidente da Agrupación Alexandre Bóveda, Francisco Peña, co que Lendoiro se fundiu nunha das apertas máis prolongadas da noite.

De punta en branco: zapato castellano, traxe a medida máis que correcto, garavata con discreto pasador, pin do Ural (ai, o Ural!), e o flequillo preparado para bailar ao compás do discurso. Público posto en pé, aplauso pechado. Comezou Lendoiro a súa intervención, e fíxoo en galego, ao igual que a presentación de Núñez. Quizáis este feito provocase sorpresa en non pouca xente, pero máis sorpresivo foi o nerviosismo extemo do premier deportivista nos compases iniciais das súas palabras, a punto de romper o seu fío de voz nun pranto de emoción incontida.

Sentimentos a flor de pel cando o histórico pichichi do Depor en Segunda División, (o único que tivo o Depor até que chegou Bebeto) un tal Eduardo López Beci era anunciado como integrante da candidatura de Lendoiro

Sentimentos a flor de pel cando o histórico pichichi do Depor en Segunda División, (o único que tivo o Depor até que chegou Bebeto) un tal Eduardo López Beci era anunciado como integrante da candidatura de Lendoiro. Como emotivos foron tamén os momentos de recordo para a xente que cabo de cinco lustros xa non está ou as palabras de agradecemento para Dopico e Guillín, que pasan á reserva activa.

O odio eterno ao fútbol moderno do que fai bandeira a afección deportivista ilustra a idea exposta por Lendoiro de que o realmente importante para un club son os 25 xogadores que forman o plantel, e xunto a eles 25 persoas indispensábeis, dende médicos a xardineiros, para que o equipo funcione. A partir de ai, algúns precisan asesores, directores, coordinadores, xefes de área... basicamente argumentou, porque non teñen nin idea de fútbol: “nunca lle pegaron unha patada a un baúl”.

Explicou Lendoiro a quen o quixera escoitar a verdade, a súa verdade, sobre o Playa Club, con sutil recado a Paco Vázquez e cuña publicitaria de Gonzaba e Tira do Cordel, a clínica e o ximnasio deportivista, a tenda do estadio, as empresas de servizos e o extinto xornal do club. Fíxoo facendo especial fincapé no esforzo realizado para manter os postos de traballo e destacando que, salvo polo peche do Depor Sport, nin un só traballador do Deportivo ou as súas filiais se tivo que ir ao paro.

O momento oportuno para recoñecer erros, para mirarlle á cara á masa social que o apoiou nestes anos e dicir publicamente que el é o primeiro e último responsábel da, recoñeceu, dificil situación que vive o Deportivo

Foi diante da súa xente cando Lendoiro atopou, alguén dirá que cabo de moitos anos, o momento oportuno para recoñecer erros, para mirarlle á cara á masa social que o apoiou nestes anos e dicir publicamente que el é o primeiro e último responsábel da, recoñeceu, dificil situación que vive o Deportivo.

Explicou o porqué da débeda, da situación actual, das perspectivas de futuro e incidiu especialmente na necesidade de facer un último esforzo para conseguir un convenio positivo para os intereses deportivistas. Volveu, máis unha vez, recoñecer e pedir perdón polos erros cometidos, afirmando: todo o que fixemos fixémolo por ben do Club, non houbo outra intención ou interese.

Máis animado polo ambiente volveuse arriba enseguida; reclamando para o Dépor o mesmo trato que para outros clubs, atacando a postura de Facenda, denunciando a actuación de determinado grupo de comunicación e sobre todo; poñendo en valor o ter chegado a un acordo coa banca, cos xogadores, coa totalidade de acredores ordinarios e, como quen non quere a cousa, explicando como estaba a paisaxe antes de chegar á presidencia branquiazul.

Tivo o candidato tempo a lembrarlle a parroquia que hai 25 anos os xogadores do Deportivo non vestían todas as camisolas iguais, que os vestiarios eran paupérrimos, que se adestraba día sí, día non, nun pedregal situado detrás de Maratón ou que todo patrimonio do club era o primeiro andar do número 19 da coruñesa Praza de Pontevedra.

Chegaba o momento de cantar as 40, neste caso en copas, asi, destacou que o Depor de hai un cuarto de século levaba 20 anos sen cheirar a 1ª División, categoría na que estivera 21 anos en toda a súa historia, as mesmas tempadas que estivo nestes 25 anos até totalizar 42.

Lembrou un Lendoiro crecido que A Coruña nunca xogara en Europa e baixo a súa dirección pasearon 5 anos o vello continente con pasaporte Champions

Lembrou un Lendoiro crecido que A Coruña nunca xogara en Europa e baixo a súa dirección pasearon 5 anos o vello continente con pasaporte Champions e “outros seis ou sete anos” competicións coma a UEFA ou a extinta Recopa. E así chegou Lendoiro, convertido en Chicho Ibánez Serrador, ao escaparate final do seu 1, 2, 3 particular: 1 Liga, 2 Copas e 3 Supercopas, o auditorio víñase abaixo.

Doído por críticas mediáticas sempiternas sobre determinadas fichaxes, unha vez cómodo no atril, non se puido conter: “Falan de Manteca e Javito, pero non falan de Rivaldo, de Bebeto, de...” A xente non o deixaba continuar, as palmas batían e arrombaron os primeiros berros de “Presidente, Presidente”.

E aí aflorou o Lendoiro máis combativo, destacando que o Dépor é de máis de 23000 pequenos accionistas (“aquí non vale o que digan 4 ou 5”), que son os que van ter a decisión final sobre a futura gobernación do club e aseverando enérxico que “no Deportivo, no deportivismo, colle todo o mundo porque é a única institución libre dos poderes fácticos que lle queda a esta cidade”. “Non dependemos de ninguén. Somos libres”, remarcou serio e solemne.

Aflorou o Lendoiro máis combativo, destacando que o Dépor é de máis de 23000 pequenos accionistas (“aquí non vale o que digan 4 ou 5”), que son os que van ter a decisión final sobre a futura gobernación do club

Pero a emoción podíalle ao veterano dirixente por momentos, restando unha viveza ao seu discurso que era contrarrestada polo atronador aplauso case constante dun público que, cos ollos humedecidos uns, bañados en bágoas outros, e outras, levaba en volandas ao seu presidente como fai en Riazor ca equipa.

E case aos postres saiu de paseo o vello slogan, o máster hit da discografía lendoiriana, desta volta en versión galega: “Camiña ou rebenta” dixo Lendoiro, para ilustrar a plena vixencia do lema co que se aupou á presidencia deportivista, para ilustrar a vixencia dunha loita contra determinados poderes económicos, políticos, mediáticos e sociais que non toleran que o Deportivo non forme parte do seu holding particular.

E seguía un Lendoiro que, en perfecta engranaxe e correspondencia do patio de butacas, non defraudou aos seus: puxo en valor o Mundo do Fútbol, a súa relación con Jorge Mendes, anunciou máis e mellor canteira, con técnicos por toda Galiza, até conseguir que o 50% dos xogadores habituais dun Dépor en 1ª sexan canteiráns, e reivindicou ao Deportivo como o grande equipo de Galiza “xa o somos, pero imos selo máis”.

Para ledicia de propios e estraños, o Presidente do Deportivo e candidato á reelección anunciou que “o galego ten que ser o idioma do Deportivo” ao tempo que “temos que coidar a nosa presenza en todas as comarcas do país”

E así, para ledicia de propios e estraños, o Presidente do Deportivo e candidato á reelección anunciou que “o galego ten que ser o idioma do Deportivo” ao tempo que “temos que coidar a nosa presenza en todas as comarcas do país”. Após lembrarse da emigración galega volveu incidir na necesidade de galeguizar o Deportivo, anunciou, aí é nada, que se deseñará unha camisola oficial do Deportivo “que será a bandeira galega”. “Fainos moita ilusión” remarcou un Lendoiro na súa salsa mentres atronaba un aplauso inenarrábel.

Mentres os máis históricos dos Riazor Blues puñan de pé ao persoal ao berro de “Agora e sempre Lendoiro Presidente”, un grupo de señoras bien de La Coru retrucaba “Ayer, hoy y siempre, Lendoiro Presidente”, todo moi punk

E mentres os máis históricos dos Riazor Blues puñan de pé ao persoal ao berro de “Agora e sempre Lendoiro Presidente”, un grupo de señoras bien de La Coru retrucaba “Ayer, hoy y siempre, Lendoiro Presidente”, todo moi punk. E a música da Mosca Tse Tse, banda sonora do título ligueiro, irrompía para marcar o camiño de volta para os centos de persoas que escoitaron máis de unha hora de argumentacións razoadas, propostas concretas, reflexións emotivas e comparativas demoledoras sobre os últimos 25 anos da historia deportivista.

Argumentacións, propostas, reflexións e comparativas que, estando de acordo con elas ou non, sustentan, na voz de quen as enunciou, un cuarto de século de historia branquiazul, casualmente ou non, guste ou non, o de maior éxito da historia deportivista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.