De desemprego e traballos sociais

A prisión: un cuartel un tanto estrito, unha escola sen indulxencia , un obradoiro sombrio; mais, no límite, nada de cualitativamente distinto”. Michel Foucault (Vixiar e Castigar)

Son poucas as ocasións en que a práctica política ofrece tan nidia confirmación empírica dunha elaboración teórica como a que nos ofreceu recentemente a constatación da natureza real do exercicio do poder e da súa presenza  intersticial no corpo social  mediante a aplicación da coerción en diferentes ámbitos do mesmo, tamén naqueles que parecen mais afastados da potestade coercitiva. Falamos da recente proposta gobernamental, na vértixe reformadora que sufrimos, consistente en propor que as persoas desempregadas fagan traballos de contido social.

A proposta foi enunciada nos finais de febreiro por boca da ministra de Emprego e Seguridade Social, despois dunha reunión cos conselleiros do ramo das comunidades autónomas. Nesa Conferencia Sectorial tomou corpo a iniciativa de que as persoas desempregadas que non estean recibindo cursos de formación, realicen algún tipo de servizo social. O proxecto ministerial (que segundo información dos xornais do noso país tería tido boa acollida no Goberno da Xunta) ofreceu a sinatura de convenios coas Comunidades Autonómas para desenvolver a regulamentación, sen sinalar mais detalles alén de indicar que a medida xa estaba prevista legalmente e sería desenvolvida en breve.

A iniciativa ofrece dous blocos ben diferenciados de reflexións criticas. O segundo abordaría unha critica á proposta do punto de vista dos dereitos e liberdades, e é neste que desexamos incidir. Mais non sen antes mencionar importantes cuestións críticas  de orde laboral.

A persoa desempregada  percebe a súa prestación non por graciosa concesión estatal senón porque contribuíu para lucrala no momento en que, infelizmente, ficara sen traballo

Pasando axiña por este primeiro apartado, é obvio que a práctica proxectada deturpa o carácter contributivo da prestación de desemprego. A persoa desempregada percebe a súa prestación non por graciosa concesión estatal senón porque contribuíu para lucrala no momento en que, infelizmente, ficara sen traballo. Non esclarece a iniciativa gobernamental quen sería o empresario desa persoa sometida a prestacións persoais obrigatorias (a comunidade autónoma? o INEM?) nin quen faría fronte, por tanto, ás consecuencias danosas dun accidente de “traballo” acontecido durante esas prestacións obrigatorias (a entidade para a que as presta e a súa mutua patronal? o INEM?) .

Non se albisca a relación teleolóxica entre a inclusión laboral do traballador ou traballadora en desemprego e a realización destas prestacións sociais

Tampouco non se albisca a relación teleolóxica entre a inclusión laboral do traballador ou traballadora en desemprego e a realización destas prestacións sociais. Non teñen carácter formativo, porque non se imporán aos desempregados que sigan cursos de formación, mais é de supor que tamén non tenden á inserción laboral no sector que se prestan, porque nese caso habería que preguntar que vai pasar cos empregados públicos ou privados que actualmente  presten eses traballos.

Resumindo: se for traballo por conta allea, deberá ser retribuído e protexido como outro calquera. Mais, como non parece ser esta a idea ministerial , atopámonos cunha prestación persoal obrigatoria  imposta polo único feito de percibir unha prestación contributiva pública allea á finalidade da inserción laboral.

E así chegamos ao segundo apartado da nosa análise. Definidos eses servizos sociais para “sumar” (na infeliz expresión da Secretaria de Estado de Emprego) como unha prestación persoal obrigatoria, as cousas aínda resultan peor. Os que xa pasamos dunha certa idade lembramos a conflitividade social, política e penal que xeraron durante anos algunhas destas prestacións, como por exemplo o servizo militar obrigatorio, e pensábamos que eran un anacronismo superado.

De novo as dúbidas técnicas son moitas: quen realice unha destas "prestacións persoais obrigatorias" terá dereito á obxección de conciencia sen risco para a súa prestación? Hai amparo no principio de legalidade formal como esixe o artigo 31.3 do texto constitucional?....

No noso ordenamento as únicas prestacións persoais obrigatorias que existen actualmente son os chamados traballos en beneficio da comunidade, pena recollida no artigo 49 do código penal vixente

Mais a critica debe chegar á cuestión de fondo. No noso ordenamento as únicas prestacións persoais obrigatorias que existen actualmente son os chamados traballos en beneficio da comunidade, pena recollida no artigo 49 do código penal vixente e que se impón, por sentenza xudicial, ás persoas que a xurisdición considera autoras de determinados delitos o faltas. As únicas até que se materialice a proposta gobernamental. Entón estaremos diante dunha solución idéntica para problemas ben disimiles: a prestación persoal obrigatoria como solución técnica para punir delitos e para xestionar prestacións públicas .

Foucault teorizou a falta de solución de continuidade cualitativa entre a máxima solución penal (a pena de prisión), a escola, o traballo asalariado ou o exército. Tal apriori teórico obtén xustificación empírica social grazas a propostas como a da Ministra de Emprego. Ofrécese unha solución extraida do ordenamento penal para xestionar prestacións sociais. Solucións cuantitativamente diferentes (esperamos) mas cualitativamente análogas: a pena e a xestión da seguridade social unidas, non da man de Foucault senón da iniciativa do goberno do estado.

Non sabemos até onde perseverará esta ideoloxía dominante de abordar problemas sociais con solucións penais-coercitivas. Novas regulacións de dereitos sociais proxectadas, como a do dereito de folga, poden seguir esta liña criminalizadora, ou mesmo a vindeira convocatoria do dia 29 de marzo. Os antecedentes non permiten o optimismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.