A derradeira mensaxe do rei

A estas alturas, como dicía aquel, a única mensaxe que espero do rei é a de que abandona o trono e disolve a casa real e a monarquía. Sen esperar tanto do discurso do Nadal de hoxe, este ano ando tentado de velo levado por unha intuición: que este será a súa derradeira mensaxe de noiteboa.

Este ano ando tentado de velo levado por unha intuición: que este será a súa derradeira mensaxe de noiteboa

Non é que pretenda substituír aquelas pitonisas que os xornais adoitaban consultar por estas datas para a típica noticia de prognósticos do novo ano, pero aquí vai o meu vaticinio: 2014 será o ano en que despediremos o rei Juan Carlos. Cando acabe o ano reprochádemo se me equivoquei, ou felicitádeme se acertei, pero esa é a miña aposta.

Non, non corran a coller a bandeira tricolor, que non estou a dicir que vaiamos proclamar a Terceira República nos vindeiros doce meses. Estou a falar doutro escenario, moito máis probable: a abdicación do actual rei.

Tras o simulacro de abdicación, que serviu para crear ambiente e ver como respondían uns e outros, estou convencido de que nos próximos meses asistiremos á substitución no trono

Xa hai uns meses falouse do asunto, a conta dos seus problemas de saúde e os escándalos seus e da súa familia, e abriuse un breve debate político. Até recordo un momento, en vésperas da pasada semana santa, en que circulou con forza o rumor de que a abdicación era cuestión de días.

Pois ben, tras o simulacro de abdicación, que serviu para crear ambiente e ver como respondían uns e outros, estou convencido de que nos próximos meses asistiremos á substitución no trono. No seu día dixeron que se non o facía xa era pola incerteza do propio herdeiro, e porque o rei prefería esperar a que os escándalos escampasen para marchar pola porta grande e con todas as honras.

Á espera de ver que pasa coa Infanta (se é imputada e logo desimputada outra vez) e co seu marido (que acabará negociando para aceptar unha condena menos dura), o certo é que o resto de escándalos que desgastaban o rei disolvéronse: Corinna, a conta suíza, o safari...

Con ese horizonte de conflito, canto máis tarde en subir ao trono Felipe, máis lle custará consolidarse como rei. Xa está a tardar, o tempo xoga na súa contra

2014 vai ser un ano movido, de conflitividade social -pola crise que afogará un pouco máis aos xa asfixiados-, e tamén institucional polo proceso catalán. A abdicación e a suba ao trono do príncipe é un bo golpe de efecto que nalgún momento pode servir para desviar a atención, para cambiar as prioridades e devolver a iniciativa perdida á coroa. Até serviría para empuxar esa segunda transición que algúns pretenden coar como sucedáneo ás ansias cidadás de transformación. Pero hai máis: con ese horizonte de conflito, canto máis tarde en subir ao trono Felipe, máis lle custará consolidarse como rei. Xa está a tardar, o tempo xoga na súa contra.

Xa postos, o rei podía despedirse ao grande: que anunciase a súa marcha esta mesma noite, en pleno discurso do Nadal

O rei, pola súa banda, está xa máis que amortizado, o seu tempo pasou, non achega nada, non é garante de nada, nin de equilibrios políticos nin de unidades nacionais, e si unha fonte de imprevistos pola súa idade, a súa saúde, as súas amizades, a súa familia e os seus costumes.

Xa postos, o rei podía despedirse ao grande: que anunciase a súa marcha esta mesma noite, en pleno discurso do Nadal, cando estamos todos cortando xamón e quitándolle a rolla ás botellas sen facerlle caso, até que o neno berra: 'papá, que o rei dixo que marcha'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.