0 Gardados para despois

Alfredo Ferreiro

Palavra Comum, unha proposta tribalista

Na primeira lúa nova do ano naceu a revista Palavra comum, un novo espazo para a divulgación cultural. Trátase dunha revista dixital que pretende albergar unha selección de colaboracións artísticas inéditas e promover un convivio que favoreza a reflexión sobre a cultura. Os promotores do proxecto fornecemos o apoio técnico para a publicación e tentamos organizar os contidos de modo que se mostren en certa harmonía. Os temas, aínda que fundamentalmente artísticos, pretenden abrirse para ámbitos próximos como a historia, a crítica, e mesmo a outros máis amplos como o coñecemento tradicional, a ecoloxía ou a xestión xeral dos recursos do país. Todo isto coa intención declarada de conectarmos asuntos que na realidade teñen máis relacións do que habitualmente se pensa.

Os colaboradores de Palavra comum - Artes e letras da lua nova non pretenden erguer unha nova bandeira. Pasan a colaborar porque foron convidados e gustaron do proxecto, asumindo como única esixencia forneceren aquilo que a súa mao e o seu corazón quixeron escribir, gravar, pintar ou fotografar. Veredes que non existe entre eles unha única ideoloxía, nin lingüística, nin política, nin artística. Son persoas que aceitaron a idea de acudir a esta feira protagonizada pola troca de ideas.

Veredes que non existe entre eles unha única ideoloxía, nin lingüística, nin política, nin artística. Son persoas que aceitaron a idea de acudir a esta feira protagonizada pola troca de ideas

Non existe calquera proxecto económico detrás. A revista, como é evidente, implica algúns gastos, os imprescindíbeis, e unha dedicación que ninguén agarda ver compensada economicamente. Nunha época en que escasea de tal modo o diñeiro en Algueirada percibimos se cadra mellor que o retorno económico non é necesariamente o incentivo maior. Pertencemos a unha cultura milenaria que por cinco séculos resiste a aniquilación, e deste feito tiramos leccións sobre a importancia do esforzo colectivo.

É firme a nosa vontade de valorizar o noso no ámbito dunha nova irmandade, estudando o que de positivo poda haber en calquera proposta sincera en que a Galiza estiver no centro

Somos conscientes de que esta nosa actitude non é nova, senón o noso modo persoal de recoller o testemuño galeguista e manter esa chama acesa sen a cal, sabemos ben, pasariamos un frío que non estamos dispostos a tolerar. Somos moitas hoxe, estamos certos, as persoas que desexamos partillar proxectos abranxentes, cultos e populares á vez, que nos permitan superar os fantasmas, ás veces dolorosamente familiares, propios de épocas con outras necesidades e consecuencia de pasadas decisións. É firme a nosa vontade de valorizar o noso no ámbito dunha nova irmandade, estudando o que de positivo poda haber en calquera proposta sincera en que a Galiza estiver no centro. Porque sen coñecermos o centro, dificilmente poderemos relacionarnos cunha periferia que hoxe entendemos global.

Esta é a nosa perspectiva cultural, e tamén unha proposta para axudar a construír un mundo que hai tempo levamos nos nosos corazóns.

Acerca de Alfredo Ferreiro

Alfredo Ferreiro é escritor e consultor tecnocultural en Algueirada SL. O seu blogue persoal é O levantador de minas.