0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

As ameazas da sanidade pública

A dereita gobernante está a impoñer medidas radicais  na sanidade pública –desde o goberno central e as autonomías-, que teñen un severo impacto nos servizos e representan unha hipoteca grave para o futuro. Aínda que recoñecen o elevado nivel de calidade do noso Sistema Nacional de Saúde (SNS), nos seus laboratorios de ideas inventaron un argumentario simple e falaz que repiten como unha salmodia: o sistema actual é insustentable e cómpre “modernizar” a xestión para mellorar a eficiencia. Pretenden, con estes argumentos, xustificar a introdución de cambios profundos (externalizacións/privatizacións) que serían necesarios para garantir a continuidade do SNS. Mais non é así: o que presentan como oportunidades de mellora son, en realidade, ameazas severas para o sistema que está sendo parasitado e destruído desde dentro.

Con esas xustificacións mendaces, e no escenario da prolongada crise económica que utilizan como escusa, comezaron a impoñer o seu ideario e a favorecer certos negocios a costa dos orzamentos públicos. Fixeron severos recortes orzamentarios (152 euros menos por habitante e ano no conxunto das autonomías, de 2010 a 2013) e reduciron drasticamente o persoal (taxa de reposición do 10%, 25.500 traballadores menos de xaneiro de 2012 a xullo de 2013 no SNS). Mentres tanto entregaron a mans privadas parcelas cada vez máis grandes dos centros públicos  e, ante o imparable aumento das listas de espera, realizan derivacións masivas aos hospitais privados que experimentaron un notable incremento do seu negocio. En Galicia, o PP aprobou en solitario, en decembro de 2013, unha “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir. Pero da igual, porque a finalidade non é preservar os dereitos dos cidadáns: o obxectivo real é garantir o negocio dos centros privados que reciben cada vez máis derivacións, agora avaladas por lei.

En Galicia, o PP aprobou en solitario, en decembro de 2013, unha “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir

A sanidade pública vive momentos críticos. A súa continuidade está seriamente ameazada, agora sí, polas actuacións políticas dos actuais gobernantes. Algunhas das decisións impostas desde o poder van ser moi difíciles de reverter cando se provoque un cambio político. Mais cómpre actuar con determinación e sen demora porque a actividade dos “térmites” continúa, provocando a erosión do sistema desde dentro. Basean as súas decisións en principios ideolóxicos que perseguen a restauración dunha sanidade dual (beneficencia para os pobres e aseguramento privado para os ricos).

Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI ata as numerosas privatizacións e externalizacións ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica

Con esa orientación o goberno central impuxo o Real Decreto Ley 16/2012, que nos devolve a un tempo anterior á Ley General de Sanidad (1982), que garantía o dereito universal á asistencia sanitaria. Tamén hai un impulso poderoso para a creación de espazos de negocio a expensas do diñeiro público adicado á sanidade (30-40% dos orzamentos autonómicos). Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI (financiamento público-privado) ata as numerosas privatizacións e externalizacións que parasitan os orzamentos sanitarios, ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica (AXC), un mecanismo deseñado para a privatización do núcleo duro da sanidade: a “bata branca”. Nunha próxima entrega falaremos destas manobras máis polo miúdo.

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.