Carta aberta aos cidadáns europeos

Caros amigos, especialmente os xornalistas e redactores estranxeiros,

En menos de catro anos de goberno, o réxime de Yanukovych conduciu o país e a sociedade ao limite da tensión. E o que é peor - colocouse a si propio nun beco sen saída que o obriga a se manter no poder para sempre, por todos os medios

Nestes días estou a recibir moitas preguntas e peticións vosas para describir a situación actual en Kyiv e na Ucraína en xeral, avaliar o que está a acontecer, e formular unha visión, polo menos, do futuro máis inmediato. Como non me sinto fisicamente capaz de escribir unha análise polo miúdo para cada un dos vosos periódicos, decidín preparar este breve chamamento que cada un vós poderá utilizar en función das súas necesidades.

O máis importante que vos teño que dicir é o seguinte.

En menos de catro anos de goberno, o réxime de Yanukovych conduciu o país e a sociedade ao limite da tensión. E o que é peor - colocouse a si propio nun beco sen saída que o obriga a se manter no poder para sempre, por todos os medios. En caso contrario, tería de enfrontar graves responsabilidades penais. A magnitude do roubado e usurpado por el excede calquera concepción da cobiza humana.

A única resposta que o seu goberno leva tres meses dando aos protestos pacíficos é a violencia, unha violencia en continua escalada e, aínda por riba, "combinada": aos ataques dos corpos especiais da policía ao Maidan únese a persecución individual de activistas da oposición e simples participantes das accións de protesto (espionaxe, malleiras, queima de coches e casas, invasión de domicilio, detencións, procesos xudiciais en serie). A palabra chave é intimidación. E como iso non funciona, e os protestos se viran cada vez máis macizos, a represión se vai tornando cada vez máis dura.

A súa "base legal" foi asentada no día 16 de xaneiro, cando os deputados dun parlamento completamente dependente do presidente, violando o regulamento de todas as maneiras posíbeis

A súa "base legal" foi asentada no día 16 de xaneiro, cando os deputados dun parlamento completamente dependente do presidente, violando o regulamento de todas as maneiras posíbeis - para alén da orde do día, o procedemento de votación e, finalmente, a Constitución -, votaron de man levantada (!) e en cuestión duns poucos minutos (!) toda unha serie de mudanzas lexislativas que, de facto, supoñen a instauración dunha ditadura e dun estado de excepción, aínda que este último non fose oficialmente declarado. Por exemplo, eu mesmo, ao escribir e difundir estas liñas, xa estou dentro de varios artigos penais relativos a "calumnias", "discurso de odio", etc.

En resumo, se aceptarmos esas "leis", teríamos que asumir que na Ucraína é prohibido todo o que non for expresamente permitido polo goberno. E o goberno só permite unha cousa: obedecer.

Non conforme con esas "leis", no día 19 de xaneiro, a sociedade ucraína saíu ás rúas en masa para defender, máis unha vez, o seu futuro.

Non temos outra opción: temos que protexer a vida e a saúde dos nosos achegados e a nosa propia. Dispárannos os axentes das forzas especiais da policía, e os seus francotiradores matan os nosos amigos

Hoxe, nas imaxes dos informativos, veredes manifestantes con todo tipo de máscaras e capacetes cubríndolles o rostro, e algúns deles con paus nas mans. Non acreditedes que se trata de "extremistas", "provocadores" ou "ultradereitistas". É máis ou menos así como eu e os meus amigos imos agora ás manifestacións. Pódese dicir que agora mesmo eu, a miña muller, a miña filla, os nosos amigos, somos todos extremistas. Non temos outra opción: temos que protexer a vida e a saúde dos nosos achegados e a nosa propia. Dispárannos os axentes das forzas especiais da policía, e os seus francotiradores matan os nosos amigos. O número de manifestantes mortos só no distrito gobernamental durante os últimos dous días, oscila, segundo as fontes, entre 5 e 7 persoas. O número de desaparecidos sen noticias no conxunto de Kyiv chega a varias ducias de persoas.

Non podemos parar os protestos, porque iso significaría que estamos de acordo con que o noso país sexa eternamente un cárcere. A xeración de mozos e mozas que creceron e se formaron na era postsoviética é organicamente incompatíbel con calquera ditadura. E se a ditadura triunfa, a Europa terá que se arranxar cunha Corea do Norte na súa fronteira oriental e, segundo diferentes estimacións, entre 5 e 10 millóns de refuxiados. E non quero metervos medo.

Non podemos parar os protestos, porque iso significaría que estamos de acordo con que o noso país sexa eternamente un cárcere

Estamos a vivir unha revolución da xente nova. A guerra non declarada do goberno está dirixida principalmente contra eles. Ao chegar a noite comezan a rondar Kyiv grupos de descoñecidos "vestidos á paisana", á caza sobre todo de mozos, e especialmente daqueles que portan simboloxía do Maidan ou da Unión Europea. Secuéstranos, lévanos ao bosque, íspenos e tortúranos no medio do frío. Curiosamente, as vítimas son con frecuencia xoves artistas - actores, pintores e poetas. Semella que alguén teña ceibado no país unha especie de "escuadróns da morte", coa misión de destruír todo o que temos de mellor.

Estamos a vivir unha revolución da xente nova. A guerra non declarada do goberno está dirixida principalmente contra eles

Outro detalle significativo: nos hospitais de Kyiv, as forzas policiais organizan redadas para apañar manifestantes feridos, detéñenos alí mesmo (repito: estamos a falar de feridos!) e lévanos para un lugar descoñecido onde son interrogados. Achegarse a un hospital tornouse perigoso mesmo para os simples transeúntes feridos accidentalmente pola metralla das granadas de plástico da policía. Os médicos limítanse a encoller os ombros e entregar os pacientes aos chamados "gardiáns da orde".

En resumo: agora mesmo na Ucraína están a ser perpetrados crimes contra a humanidade, e o goberno é responsábel. Nesta situación, se realmente hai extremistas, eses serían en todo caso as elites gobernantes.

O pobo ucraíno está a defender co seu propio sangue os valores europeos dunha sociedade libre e xusta - e iso, agora, xa non é unha exaxeración. Espero que o saibades valorar

Polo que di respecto ás dúas últimas preguntas, que son sempre as máis difíciles de responder: non sei que é o que vai pasar, e non sei que é o que vós podedes facer por nós neste momento. O que si podedes é, na medida das vosas posibilidades e dos vosos contactos, difundir este chamamento. E para alén diso - simpatizar connosco. Pensar en nós. Nós venceremos de todos os xeitos, por máis crueis que eles sexan. O pobo ucraíno está a defender co seu propio sangue os valores europeos dunha sociedade libre e xusta - e iso, agora, xa non é unha exaxeración. Espero que o saibades valorar.

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

Texto traducido ao galego por Briaxis Fernández Méndez. O orixinal ucraíno pódese consultar nesta ligazón.

Yurij Andrukhovych (Ivano-Frankivsk, 1960) é un dos escritores ucraínos máis recoñecidos fóra do seu país, e un dos principais representantes da corrente postmoderna na literatura ucraína. Recibiu, entre outros, o Premio Erich Maria Remarque e o Premio para o Entendemento Europeo da Feira do Libro de Leipzig. Recentemente decidiu, nas súas propias palabras, “violar as leis ucraínas e unirme aos disturbios”, que é como o goberno denomina os protestos que comezaron en novembro do ano pasado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.