0 Gardados para despois

Maite Vence

Brasil, quo vadis?

Poucas veces acontece que un país consiga xerar tanta esperanza e expectación como Brasil nos últimos tempos, xa non só para quen o habita, senón para unha comunidade internacional desexosa de novas conquistas en mercados menos saturados que os actuais. No entanto,  para quen é brasileiro as conquistas son as internas, e as últimas  décadas  están sendo un devalar de  mudanzas para eles  co desafío de construír un país novo onde vivir, menos desigual e máis democrático.

Para quen é brasileiro as conquistas son as internas, e as últimas  décadas  están sendo un devalar de  mudanzas para eles  co desafío de construír un país novo onde vivir, menos desigual e máis democrático

Un dos elementos estratéxicos de todas as actuacións encamiñadas a solucionar o seu problema fundamental,  o desenvolvemento económico, foi a de dotarse dun estado  fortemente activista na loita pola xustiza social e a redistribución da renda, principios recollidos na Constitución Federal de 1988 e onde se recoñece a dimensión social do desenvolvemento como parte inseparable dun proceso de crecemento económico.

Neste cadro, e dende o ascenso do PT ao poder en 2003,  puxéronse en marcha medidas de transferencia de renda capaces de sacar da pobreza  a unha parte importante da sociedade, nacendo  así a  chamada Clase C -unha nova clase media-  que supera  na actualidade o 50 % da poboación e que sostén  unha boa parte da demanda interna do país.

Dende o ascenso do PT ao poder en 2003,  puxéronse en marcha medidas de transferencia de renda capaces de sacar da pobreza  a unha parte importante da sociedade, nacendo  así a  chamada Clase C -unha nova clase media-

Ese fito,  posible grazas a Programas como o Bolsa Familia emprendido por Lula da Silva,  ou o actual Plan Brasil sen miseria do actual Goberno,  supón un  pulo importante no proceso de  transformación social nun contexto amparado pola creación de estruturas institucionais e de deseño de políticas proteccionistas da industria nacional que dan conta do crecemento económico que apuntalou ata agora os avances do país,  e permiten  falar do Brasil coma unha realidade presente dentro do panorama económico global. Hoxendía o  país forma parte do grupo de potencias mundiais  e a súa evolución económica semella imparable.

Con  todo,  comprendendo os éxitos, tamén as dificultades,  e cumprindo moitos dos obxectivos de crecemento en termos macro, o desenvolvemento económico  e social do Brasil  e as melloras na calidade de vida da súa sociedade,  demoran,  tal vez,  máis do esperado,  chegando a entreverse unha relaxación nos obxectivos sociais iniciais en virtude doutros de carácter máis mercantilista. 

As melloras na calidade de vida da súa sociedade, demoran, tal vez, máis do esperado, chegando a entreverse unha relaxación nos obxectivos sociais iniciais en virtude doutros de carácter máis mercantilista

A  creación dun Estado de Benestar -  que agora en Europa destruímos coa inconsciencia de quen pensa que foi doado acadalo –  non parece ser máis un obxectivo prioritario para o goberno brasileiro, a sabendas que o único camiño posible para un crecemento sostible é mediante a eliminación das enormes desigualdades sociais, e isto non se consegue só con políticas asistencialistas que fomenten o servilismo,  senón a través de melloras en Educación e Sanidade públicas: principais deficiencias do país,  xunto coa grande inseguridade cidadá derivada de todos os desequilibrios sociais.

Daquela, o Brasil actual,  as súas políticas, e a sociedade que aspiran a ser,  non están exentos de críticas a pesar da boa sona dada pola prensa e a comunidade política mundiais,  preocupadas especialmente en dar visións positivas e non contrariar a un país con aspiracións de potencia e  posuidor dun mercado interno dos máis atractivos.

O Estado brasileiro metido na voráxine do capitalismo mundial,  das dinámicas financeiras,  e dos propios axustes fiscais,  está esquecendo os valores sociais primixenios de protección universal das clases máis desfavorecidas

Así, o Estado brasileiro metido na voráxine do capitalismo mundial,  das dinámicas financeiras,  e dos propios axustes fiscais,  está esquecendo os valores sociais primixenios de protección universal das clases máis desfavorecidas,  creando un modelo cívico, regresivo, onde os dereitos sociais individuais priman - e ademais son premiados- sobre os colectivos. Isto tradúcese nunha atmosfera onde a sociedade asume de maneira relativamente tranquila que a Sanidade e a Educación teñen máis calidade cando son ofertadas por provedores privados. O calado destas ideas fomenta aínda máis o consumismo e vai configurando unha nova organización das cidades entorno a un modelo de consumo que afianza aínda máis as diferenzas.

De continuar con esta lóxica, Brasil non conseguirá  fuxir da herdanza de modelo de Estado corporativista e asistencialista que simplemente crea novos consumidores para o sistema – contribuíndo, si, ao crecemento dun mercado interno  tractor, pero insuficiente a longo prazo para establecer  alicerces sólidos que permitan ás persoas que saen dunha situación de pobreza aspirar a algo máis que dispoñer de maior capacidade de compra.

Daquela, esta devandita Clase C terá complicada unha mellora real e sostida da súa calidade de vida  sen un Estado activo que cree mecanismos reais de protección social e elimine dende a orixe o problema,  provocando o necesario e verdadeiro cambio social e cultural   – o certo é que isto, concretamente,  non semella estar pasando aínda  no Brasil.  E este cambio,  de non producirse,  fará  que os cimentos do seu crecemento e os fitos acadados nas últimas décadas  non servisen finalmente  para afianzar ningún patrón de desenvolvemento de futuro.

Os protestos iniciados o pasado ano albiscan un tímido cambio de tendencia e unha toma de conciencia por parte da sociedade civil na reivindicación de vellos dereitos universais propios dun Estado protector

Entón, a pregunta de cara onde vai agora o Brasil,  non parece ter respostas unánimes. O que si aparenta ser un feito claro é que os protestos iniciados o pasado ano albiscan un tímido cambio de tendencia e unha toma de conciencia por parte da sociedade civil na reivindicación de vellos dereitos universais propios dun Estado protector, pero falta moito para saber o seu alcance e se conseguen  consolidar un rumbo novo.

Acerca de Maite Vence

Economista e socia-directora da empresa FAZ Cultura e Desenvolvemento, spin off da Universidade de Santiago de Compostela, especializada en temas de innovación, cultura, e internacionalización con países de fala portuguesa.