Democracia do mercado ou democracia social

Neste nadal, que fai o número seis dos recortes, dos ataques sen cuartel  aos dereitos sociais e as liberdades  nacionais,  presenta o PP unha contrarreforma electoral  para tentar gañar nos despachos do Hórreo (cada vez máis cuartel e menos Parlamento) o que está a piques de perder nas rúas: os escanos suficientes para seguir a destruír as vidas e esperanzas  da xente traballadora deste país.

Presenta o PP unha contrarreforma electoral  para tentar gañar nos despachos do Hórreo (cada vez máis cuartel e menos Parlamento) o que está a piques de perder nas rúas

Esta contrarreforma electoral supón unha declaración de intencións acerca de que tipo de democracia necesitan os intereses de clase da burguesía española: unha democracia limitada e oligárquica. A sucesión de recortes e paus sobre a cidadanía traballadora require coutar os mecanismos que conforman a expresión da soberanía popular, para deixala inane, sen capacidade de transformación social. De aí, esta lei electoral contra a democracia. Ese programa de contrarreforma  social que practica o PP –sostido nunha intelixencia práctica coas  burguesías vasca e catalá, acordo tan preñado de tensións identitarias, como firme na vontade de botar terra sobre o Estado Social e Democrático de Dereito-, esixe sistemas electorais regresivos, que deformen e dificulten a representación parlamentar da soberanía popular.

A prevención histórica da burguesía respecto o sufraxio universal exprésase neste intre na adopción de réximes electorais maioritarios

A ousada análise crítica do profesor Canfora, na súa Historia dunha ideoloxía: a democracia semella tan lúcida como acertada para destripar o sentido histórico das leis electorais na Europa da segunda postguerra mundial: a prevención histórica da burguesía respecto o sufraxio universal exprésase neste intre na adopción de réximes electorais maioritarios, na pretensión de destruír ás capacidades de influencia das organizacións e ideoloxías emancipadoras. Un réxime furado polo caruncho da corrupción e dos intereses privados quere protexerse cun verniz electoral que evite posibles intrusións fatais.

Esta contrarreforma obedece a un interese mediato e inmediato: dunha banda axudar a manter no goberno ao Feijóo e doutra contribuír a alimentar un bipartidismo que é a expresión política de salvagarda deste réxime restauracionista esmorecente, respectivamente. Esa podremia bipartidista descóbrese por exemplo na instrución da Pokémon. Menos deputados e deputadas aumentarán as xa moi importantes distorsións que a actual lei causa tanto na igualdade do voto como na proporcionalidade do sistema electoral.

Menos deputados e deputadas aumentarán as xa moi importantes distorsións que a actual lei causa tanto na igualdade do voto como na proporcionalidade do sistema electoral

Na actualidade só 35 escanos dos 71 adxudícanse por criterios poboacionais, só un 46% do Parlamento, menos da metade; o resto é cativo da asignación fixa territorial, onde as provincias de Lugo e Ourense están sobreprimadas, o que leva a que o voto dunha persoa na Coruña ou Pontevedra valla apenas a metade que os das provincias do interior. Xunto coa barreira do 5%, a enxeñería contable do amigo D`Hont, uns orzamentos electorais astronómicos en A ou en B, uns medios de comunicación cativos das subvencións ou do férreo control da censura da Xunta, etc., constitúen  atrancos abondo para botar a andar algo distinto e distante á esterqueira deste réxime corrupto.  Dito isto sen demérito, que o temos e grande, da oposición política.

Na actualidade só 35 escanos dos 71 adxudícanse por criterios poboacionais, só un 46% do Parlamento, menos da metade; o resto é cativo da asignación fixa territorial, onde as provincias de Lugo e Ourense están sobreprimadas

Pretextando aforrar un millón de euros (só neste exercicio imos pagar 28 millóns de euros a persoas designadas polos bispos para dar relixión nos colexios públicos galegos, por non falar dos custes millonarios das deputacións provinciais), trátase de afondar nese deseño de democracia menor, limitada e oligárquica;  democracia  demediada polo deus mercado. Esta divindade quere o sangue, a suor e as bágoas da soberanía popular para o Moloch capitalista do beneficio privado das grandes empresas e corporacións financeiras. Esas que tanto eluden pagar os impostos como aparecen nas listaxes da contabilidade B do PP, namentres degradan os servizos públicos privatizados polos partidos do réxime.

Trátase de consumar a redución da política a mera condición de mercadoría, sometida polo tanto aos ditados do mercado. Analizou Anthony Downs na súa Teoría económica da democracia esa concepción do sistema democrático como mero sucedáneo do mercado económico e suxeito, claro está, ás mesmas peaxes. Os partidos políticos apenas como outra cousa que laretas de feira que venden o fume da mercadotecnia e dos carismas de ocasión, pero manteñen un firme consenso, obediente cos poderosos e prepotente coa maioría social traballadora, cos poderes económicos e financeiros. O lampedusiano, algo debe cambiar para que todo siga igual. Política mercadoría congruente co proceso destituínte emprendido a nivel europeo, con particular dureza na banda sur do continente, onde a soberanía popular esmorece entre privatizacións, perda de dereitos e servizos públicos, leis de policía privada e  de represión administrativa,  para encher o peto dos rendistas e burgueses, os beneficiarios do artigo 135 da Constitución (esa que modificaron os partidos do sistema sen referendo).

Ou resignámonos a completar o itinerario infernal que nos propoñen aqueles que Paco Fernández Buey caracterizou como “os nosos bárbaros”, ou achegamos unha resposta plural e unitaria de todo o país traballador

Nun país baixo a bota económica da troika, coa soberanía popular secuestrada, Feijóo escríbese con F de Fraga (lembran ese home da ditadura que asinou sentenzas de morte de loitadores antifascistas?) ao emular a imposición sen acordo  dunha lei electoral regresiva. El si vai cambiar unha lei que lle pedira ao bipartito non cambiar sen o seu acordo. Pedía entón o que semella vai denegar agora. Astucia implacable ou mero oportunismo, deixou en evidencia xa daquela a apoucada vontade de cambio social do bipartito.

A disxuntiva semella clara. Ou resignámonos a completar o itinerario infernal que nos propoñen aqueles que Paco Fernández Buey caracterizou como “os nosos bárbaros”, ou achegamos unha resposta plural e unitaria de todo o país traballador, o dos partidos, o do sindicalismo de clase, o do país en rebeldía dos movementos sociais e culturais, para afirmar a política como ferramenta de emancipación social e, xa que logo, para profundar na construción incesante dunha sociedade democrática, con xustiza social,  liberdades nacionais e benestar cidadán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.