As estrañas formas da lectura

As novas tecnoloxías e os novos soportes de lectura supoñen –de xeito incipiente– novas formas de ler. Os cambios aos que estamos a asistir son moito máis importantes do que aparenta a punta do iceberg. Á luz da tecnoloxía, o fundamental destes cambios ten que ver coa modificación dos nosos hábitos á hora de abordar a lectura. Son novos hábitos provocados por novos soportes, así que, en consecuencia, eses hábitos modifícanse en función de como se modifiquen os soportes e os desafíos que poidan supoñer para nós.

As novas tecnoloxías e os novos soportes de lectura supoñen –de xeito incipiente– novas formas de ler. Os cambios aos que estamos a asistir son moito máis importantes do que aparenta a punta do iceberg

Para concibir o futuro hai que abandonar o concepto de calidade referido á lectura, dado que pode conlevar unha carga despectiva cos novos xeitos de ler, entendendo que hoxe se producen e combinan distintos tipos de lectura, e que eses distintos tipos de lectura poden ser tamén simultáneos e, obviamente, complementarios.

Ler unha información web, ler un correo electrónico, seguir un xornal online, ler un pdf ou epub na pantalla dun ordenador remítenos a un tipo de lectura distinto, vertical, moito máis superficial, hipertextual, intercultural, cortante, multifuncional e mesmo plurilingüe

O problema ou, mellor dito, a eiva dáse cando un tipo de lectura é excluínte con respecto aos outros (en calquera das súas direccións). Sen dúbida, ler unha novela, un ensaio filosófico ou un libro de poemas sitúanos ante un tipo de lectura máis tradicional: profunda, horizontal, monográfica, sistemática, que require de nós un tipo de esforzo determinado. En cambio, ler unha información web, ler un correo electrónico, seguir un xornal online, ler un pdf ou epub na pantalla dun ordenador remítenos a un tipo de lectura distinto, vertical, moito máis superficial, hipertextual, intercultural, cortante, multifuncional e mesmo plurilingüe, que responde a outro tipo de necesidades. Certo é tamén que a tendencia é que nos soportes todo se hibridice: as pantallas dos teléfonos medran e os portátiles fanse flexibles e multiformes.

Ao meu ver, son os propios contidos os que van condicionar o soporte, de xeito que se ben non atopamos (eu non atopo, na miña experiencia lectora) diferenzas substanciais no tipo de lectura  que facemos cando se aborda esa novela, ensaio filosófico ou libro de poemas en formato papel con cando se aborda nunha tableta ou nun e-reader de tinta electrónica, si atopamos esas diferenzas se pretendemos realizar ese tipo de lectura na pantalla dun ordenador de mesa. Xa que logo, a profundidade lectora non debería estar condicionada polo soporte, se o soporte (tecnoloxizado ou non) é apropiado para ese contido. Se a tecnoloxía acerta, o tipo de lectura estará moito máis condicionada polos contidos que polo propio soporte.

É unha evidencia que as novas tecnoloxías están a crear novos tipos de lectura, pero non creo en absoluto que eses novos modos supoñan a eliminación do que poderiamos denominar lectura profunda para as novas xeracións

É unha evidencia que as novas tecnoloxías están a crear novos tipos de lectura, pero non creo en absoluto que eses novos modos supoñan a eliminación do que poderiamos denominar lectura profunda para as novas xeracións. Teño a impresión de que este tipo de lectura estará máis vencellada co que hoxe coñecemos como lector habitual; é dicir, unha persoa que ten a lectura como unha das súas actividades cotiás na vida diaria. Ora, existirán outro tipo de lectores, probablemente moito máis numerosos, que poderiamos encadrar dentro do que hoxe coñecemos como lectores ocasionais para os que a lectura será (en relación ao seu perfil, non en relación á súa frecuencia lectora) unicamente a que se realice no ámbito da verticalidade, da superficialidade (e non o entendo como un termo despectivo senón descritivo), da hipertextualidade. Evidentemente, se non complementan ese tipo de lectura coa anterior, serán lectores menos críticos, menos analíticos, con menor capacidade relacional, pero, con todo, terán na lectura unha das súas actividades primordiais.

Estou convencido de que os índices de lectura (incluíndo no cómputo os novos xeitos de ler) van medrar de xeito espectacular, porque viaxamos cara a unha sociedade informacional

Estou convencido de que os índices de lectura (incluíndo no cómputo os novos xeitos de ler) van medrar de xeito espectacular, porque viaxamos cara a unha sociedade informacional e informatizada onde xa non vai ser posible desenvolverse sen dominar, cando menos, ese tipo de lectura.

Evidentemente, o uso que se lle dea ás novas tecnoloxías será determinante no comportamento crítico e selectivo dos lectores e lectoras, pois a partir do momento en que se convertan nun medio de masas sufrirán as mesmas tensións e contradicións que sofre hoxe a televisión e estarán sometidas a unha forte presión de poder –ideolóxica, política e comercial– que invalida, vocacionalmente, calquera atisbo de transmisión crítica. E aí é onde adquire importancia a nosa capacidade para espir o discurso e asumilo cunha óptica analítica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.