0 Gardados para despois

Lara Graña

E é unha praza pública

“A primeira causa da servidume voluntaria é o costume” (Étienne de La Boétie)

A asunción das verdades absolutas e das certezas incontestables é un problema do que, ás veces, pecamos os xornalistas. Permitídeme que hoxe, e escribíndovos directamente a vós, engada que ese mal maior tamén prolifera na sociedade –da que formo parte–. Deixádeme que, así, compartamos un chisco de culpa. “Toda carga suportada por moitos se leva mellor”, dixo Eloísa. Non teño experiencia vital nin profesional para divulgar dogmas, pero gusto de espertar esa parte da cabeza que ás veces dorme conscientemente: a curiosidade, a ousadía, a capacidade de sorpresa...

Gusto de espertar esa parte da cabeza que ás veces dorme conscientemente: a curiosidade, a ousadía, a capacidade de sorpresa...

Compartimos, desde o 1 de febreiro, unha praza pública. Un espazo no que, persoalmente, tentei aplicar o que La Boétie defendeu a mediados do século XVI: a única tiranía é a que voluntariamente temos permitido. A única submisión é a que, con explicacións máis ou menos estruturadas, temos creado.

Praza xa ten achegado algo ao panorama dos medios de comunicación. Iso non é submisión. E fíxoo en galego sen máis reivindicación que a dun acto de normalidade. Con todos os temas, sen deixar medrar prexuízos ou limitacións sen sentido. Coa única intención de informar a xente e coa xente. Con e para vós. Iso non é servidume.

Esta é a miña opinión, claro está, e que será compartida ou criticada por moitos. Mais diso se trata, verdade? De ter un espazo onde disentir, onde aprender da diferenza, onde compartir as opinións. Eu aprendín moito de vós, e por iso estou moi agradecida.

A partir de agora, somente serei unha lectora de Praza

Nunca gostei das despedidas. Máis cando un xornalista nunca debe ser o protagonista dunha nova, dun contido informativo... Temos o labor da testemuña, da divulgación, do respecto ás fontes e de dar cumprimento a un dereito universal. Pero quería explicarvos que, a partir de agora, somente serei unha lectora de Praza.

Afortunadamente, Praza xa existe.

Comezo outra aventura, orgullosa de ter formado parte dun proxecto tan especial. Agradecida a Marcos, David, Filipe e Manolo. Ao equipo da Navalla Suíza. Á Fundación Praza Pública. A vós, a todos.

“Nunca lamentamos carecer do que nunca tivemos”. Afortunadamente, Praza xa existe.

Grazas e boa sorte.

 

Acerca de Lara Graña