0 Gardados para despois

Manuel Monge

“Resurrección” de Paco Vázquez?

A presenza de Paco Váquez no lanzamento na Coruña da candidatura de Movimiento Ciudadano, impulsada por Albert Rivera, líder de Ciutadans, pode parecer a resurrección política do ex–alcalde coruñés, pero non hai tal porque nunca estivo, politicamente, morto, senón moi activo, defendendo sempre os intereses dos seus, é dicir, da dereita.

Pode parecer a resurrección política do ex–alcalde coruñés, pero non hai tal porque nunca estivo, politicamente, morto, senón moi activo, defendendo sempre os intereses dos seus, é dicir, da dereita

Estamos ante unha actuación política moi meditada e de longo alcance. Paco Vázquez sabe perfectamente que nas próximas eleccións municipais o PP pode ter na Coruña un descenso importante e a súa alcaldía estar en perigo. Cómpre garantir a alcaldía do PP como sexa e por iso certos sectores empresariais, cun potente apoio mediático, promocionan desde hai tempo a Unión Coruñesa (UC) para que recolla o malestar da cidadanía co PP e, á hora da verdade, preste os seus concelleiros ao candidato ou candidata do PP para que a dereita conserve a alcaldía.

Cómpre garantir a alcaldía do PP como sexa e por iso certos sectores empresariais, cun potente apoio mediático, promocionan desde hai tempo a Unión Coruñesa (UC) para que recolla o malestar da cidadanía co PP e, á hora da verdade, preste os seus concelleiros

Non é a primeira vez que Paco Vázquez promociona esta candidatura. Lembremos que pouco antes das eleccións municipais de 2011 o embaixador no Vaticano regalaba a Carlos Marcos, líder de UC, a foto de Paco Vázquez coa súa familia en Roma.

Paco Vázquez leva moitos anos traballando para o PP, o mesmo que a agrupación coruñesa do PSOE, co silencio cómplice e vergoñento da dirección nacional do PSdeG-PSOE. Cando os socialistas chegan a pactos con BNG, Vázquez asociaba a Touriño cos “cómplices de Lizarra”. E cando Francisco Caamaño encabeza en 2011 a candidatura ao Congreso do PSOE, dicía Vázquez: “El PSOE tiene un problema tremendo porque es un partido con okupas”.

Paco Vázquez leva moitos anos traballando para o PP, o mesmo que a agrupación coruñesa do PSOE, co silencio cómplice e vergoñento da dirección nacional do PSdeG-PSOE

No terreo político o ex–embaixador fixo pasar un auténtico viacrucis ao alcalde socialista Javier Losada, desprezando o traballo do goberno municipal PSOE-BNG, non asistindo ao mitin central con Zapatero e promocionando descaradamente a candidatura de Carlos Negreira. O día da investidura estaba contentísimo e fundíase nunha aperta co alcalde do PP –como antes con Aznar ou Álvarez Cascos, con motivo do Prestige– porque, non nos enganemos, os auténticos valedores de Carlos Negreira, o mesmo que de Paco Vázquez, son os poderes fácticos da Coruña e o capital. Converteuse na práctica nun asesor de Negreira e Vázquez confraterniza co alcalde da Coruña en comidas, acompañado de Romay Beccaria

Vázquez non dubidou en saír en defensa de Feijóo cando apareceron as fotos do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado; dixo que eran unha “ignominia” e que “se intenta sacar réditos políticos”. Feijóo anunciaba que rebaixaría o número de deputados no Parlamento Galego de 75 a 61 e a Vázquez faltoulle tempo para apoiar esta proposta, utilizando os mesmos argumentos do PP –“é un clamor popular” – e declaraba: “Incluso se queda un poco corto porque con una población de algo más de dos millones de habitantes se podría tener un parlamento de entre 30 o 35 diputados”. Ninguén no PSOE descualificou publicamente a Paco Vázquez por facer campaña a favor do PP.

Paco Vázquez acusaba a Rubalcaba de “anticlericalismo casposo”, cando este falaba de revogar os acordos coa Santa Sede. Por outra banda, Vázquez continúa coa súa campaña particular, defendendo as posicións máis reaccionarias da xerarquía da igrexa católica e o novo proxecto do PP sobre o aborto.

Que ninguén espere a apertura de expedientes ou desautorizacións por parte da dirección do PSOE, nin de Santiago, nin de Madrid

Que ninguén espere a apertura de expedientes ou desautorizacións por parte da dirección do PSOE, nin de Santiago, nin de Madrid; o mesmo Besteiro, secretario xeral do PSdeG, desculpaba a presenza de Vázquez en actos de apoio a outro partido, como o de Albert Rivera.

A dirección da actual agrupación coruñesa socialista non é partidaria de romper co vazquismo, a pesar dos importantes custes electorais e de imaxe que poida ter a actuación política do ex–alcalde

Mar Barcón, actual secretaria xeral da agrupación coruñesa, xa explicara moi ben  por que había ese vergoñento silencio, que ninguén se atreve a romper: “Estoy orgullosa de haber sido cómplice, aliada y parte de las decisiones de Vázquez. Desde la agrupación socialista coruñesa no saldrá jamás una palabra de polémica o desencuentro de quien ha sido y es un referente político para los socialistas y para todos los coruñeses. Nunca habrá una palabra de crítica hacia quien es y fue un querido y magnifico compañero”.

A dirección da actual agrupación coruñesa socialista non é partidaria de romper co vazquismo, a pesar dos importantes custes electorais e de imaxe que poida ter a actuación política do ex–alcalde. E o grupo que se presenta como alternativa a Mar Barcón, tampouco. No fondo, todos son fillos e fillas políticas de Paco Vázquez,  consideran que aínda é unha referencia socialista e non van romper o pacto de fidelidade co pai.

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.