Nin un paso atrás

Aínda sendo eu rapaza, no mundo rural non se usaba a palabra aborto, pero existía como existiu sempre. E había ben deles. A muller que abortaba de xeito natural "malparíase". A que o facía polo método de expoñer a propia vida ao que lle quixeran ou puideran ofrecer persoas iniciadas nesa práctica, "desfacía un fillo". É bo traer estas cousas á memoria, recuperar estas palabras tan gráficas e terribles para todas nós nun momento en que se está xestando fóra de úteros maternos –nunca mellor dito- unha lei que se ocupa de crearnos ás mulleres serias dificultades e debería acabar en aborto canto antes.

Aínda sendo eu rapaza, no mundo rural non se usaba a palabra aborto, pero existía como existiu sempre. E había ben deles

Moitas daquelas “desfeitas” procedían de esforzaduras –violacións– ou de mulleres que non podían alimentar máis fillos e arriscaban todo a última hora. As primeiras vivían unha experiencia dramática: someterse a un home pola forza e non atreverse a denuncialo por vergoña, xa que a sociedade as acabaría culpando de non se gardaren dabondo. Traio ao recordo unha rapaza ben coñecida de meu. Soportou en silencio ese drama e levouna ao suicidio ao se saber preñada. Non conseguiu superar a situación da que ninguén pareceu enteirarse, pero enterrárona vestida de branco. Quen sabe se buscou como solucionar a súa desgraza. Quen sabe se non atopou. O que si sei é que a cadea de pesadelos lle trouxo a morte a unha muller que andaba na flor. As mulleres do segundo suposto sabían –como o saben os inmigrantes que intentan entrar en Europa cruzando fronteiras a cadora máis reforzadas por inhumanas coitelas– que xogaban unha vida necesaria. Podían deixar orfos os fillos que tiñan, pero arriscábano todo.

Moitas daquelas “desfeitas” procedían de esforzaduras –violacións– ou de mulleres que non podían alimentar máis fillos e arriscaban todo a última hora

Para ambos os grupos de mulleres, solteiras ou casadas, xa acabaran os tempos de marcharen polo mundo como amas de cría. Moitas das súas antepasadas abandonaran a criatura recén nada a recibir leite e agarimo de mans alleas. As que tiñan algo de fortuna, volvían con roupa e algún diñeiro que amainaba tanta tristeza. Pero vender o leite propio en domicilio alleo xa hai tempo que deixou de ser unha fonte humillante de traballo para as pobres en mans das ricas. 

As mulleres e os homes racionais apoiamos todo o que sexa buscar solución para amañar do mellor xeito posible e co menor trauma un problema que non desaparecerá por máis que un goberno, a través dun seu ministro retrógrado, endureza a lei do aborto

Por iso, as mulleres e os homes racionais apoiamos todo o que sexa buscar solución para amañar do mellor xeito posible e co menor trauma un problema que non desaparecerá por máis que un goberno, a través dun seu ministro retrógrado, endureza a lei do aborto para que unha muller que non quere seguir un embarazo lle poida poñer fin canto antes minimizando o risco e na sanidade pública. Xa non digamos se a xestación e o parto supoñen ameaza para a vida ou se o feto sofre malformacións que o fan inviable ou nacer con tan serios problemas de saúde que o fagan depender de coidados alleos que ninguén lle garante.

Como a muller é quen debe asumir a responsabilidade do seu embarazo, a liberdade de cada unha decidirá que facer en cada caso. Así o contemplan as leis dos países veciños e así o tiñamos resolto na nosa lexislación. Pola dignidade das mulleres, pola súa saúde e a súa vida nin un paso atrás!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.