Arranxádevos

Ao ver que as organizacións nacionalistas que se presentan ás eleccións europeas chegan a alianzas foráneas antes que ás propias (sen que elo prexuzgue outras alianzas) puidendo xerar un desánimo ao complicar a cousa do voto, decido escribir estas liñas considerando que a xenerosidade debería ser un  principio fundamental do nacionalismo. Se non a súa voz non se entende.

O desgaxamento do nacionalismo do nucleo principal, o BNG, deu lugar a tres organizacións que coincidentes nos seus fins de soberanía nacional, auténtica democracia e igualdade social, danse as costas nas estratexias para conseguilas. Pero considerando o tempo incalculable para chegar a eses fins estratosféricos, porén outras reivindicacións de oprobios, humillacións, inxustizas que afectan a maioría da cidadanía na súa vida cotiá, son posibles de acadar en menos tempo, o que en boa lóxica permitiría unha solidariedade táctica eficiente entre os tres grupos máis afíns.

O desgaxamento do nacionalismo do nucleo principal, o BNG, deu lugar a tres organizacións que coincidentes nos seus fins de soberanía nacional, auténtica democracia e igualdade social, danse as costas nas estratexias para conseguilas

Castelao dicía  “son galeguista (nacionalista) e estou orgulloso de selo pero a pesar das miñas fondas convicións políticas, non me atrevería a discutilas sabendo que a discusión podería debilitar a solidariedade”. Efectivamente, exercer a solidariedade entre as tres organizacións sería un bó comezo para avanzar no logro, ao menos, dunha alianza fortalecedora dun nacionalismo peculiarizado. Solidariedade expresada no falar,  respectar, valorar, transixir cooperar, e non  ignorar, desprezar, vilipendiar, obstinar, competir. Ver unha manifestación encabezada por unha pancarta asinada polas tres organizacións levada polos seus dirixentes cóbado con cóbado (non o fai a CIG con CCOO e UXT ás veces?)  sería outro efecto de solidariedade favorable para  devolver a esperanza a tanta desafección, promover a autoestima interior e contestar ao ninguneo exterior do noso nacionalismo fronte ao vasco e o catalán.

Non se trata de pensar nunha reunificación prematura, pois os tempos aínda non son chegados, pero ao menos sono dunha reconciliación reflectida en procurar espazos de diálogo, colaboración e accións comúns

As tres organizacións gozan hoxe de tres líderes (Xavier Vence, Xosé Manuel Beiras, Xan Bascuas) razoables, capaces e intelixentes dabondo para propiciar acordos, e diría máis, creo que con desexo de chegar a eles. Non se trata de pensar nunha reunificación prematura, pois os tempos aínda non son chegados, pero ao menos sono dunha reconciliación reflectida en procurar espazos de diálogo, colaboración e accións comúns que xeren unha relación política fraterna e agradable (o contrario de antipática) entre si,  de xeito que transmitan á cidadanía galega  a sensación dun nacionalismo que aínda que parcelado camiña en concordia.  Doutro xeito, dando a sensación de rivalidade cando non de enfrontamento, en definitiva de imposibilidade reconciliadora, a desilusión e a desesperanza para moita xente proclive está servida, e polo tanto auguro que os tres grupos  irán de derrota en derrota ata o desastre final.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.