Ferrol: un flotel camiño a Detroit

É de todos coñecido o exemplo da cidade estadounidense de Detroit, que despois de ter sido unha das áreas máis industrializadas, poboadas e ricas de EEUU, o ano pasado declarou a bancarrota (18/07/2013). Con grande dependencia da industria automotriz, a área de Detroit pasou a ser máis vulnerable aos ciclos económicos que a maioría das cidades grandes. A alza na fabricación de automóbiles con novas tecnoloxías, o traballo barato noutras partes do mundo e o aumento da competencia conduciron ó peche de moitas empresas. En 2013 o desemprego era oficialmente do 17,7% moi por enriba de Michigan e da media de EEUU (aínda que as autoridades locais admiten que esa cifra está desinchada e que o índice real de paro está no 40%  a pesares da mingua de poboación activa debido ao proceso migratorio que está a sufrir). Unido a estas cifras, Detroit está inmerso nun proceso de empobrecemento social e de abandono da cidade, on valores superiores aos do seu estado e aos do ámbito nacional.

Como no caso de Detroit, eses lugares amosan unha serie de consecuencias e impactos na súa estrutura social que seguen pesando anos despois das reconversións e que afectan tamén ás áreas próximas

Pero non hai que mirar cara América para poder ver a paisaxe que ofrece Detroit. En España hai moitas zonas que sufriron un proceso de desindustrialización similar, sobre todo co gallo das chamadas reconversións industriais. Procesos que levaron á desparición de miles de postos de traballo, especialmente na minería e no naval en lugares como Mieres, Langreo, Cádiz ou Ferrol. Como no caso de Detroit, eses lugares amosan unha serie de consecuencias e impactos na súa estrutura social que seguen pesando anos despois das reconversións e que afectan tamén ás áreas próximas. No caso de Ferrol (e por ende na súa comarca) estes impactos son:

 

Despoboamento e perda de capital humano activo

Dende 1981, Ferrol vén acusando unha sangría demográfica constante, pasando de 91.764 habitantes a 71.232 a finais de 2013, cifra que representa case un 12% menos con respecto á poboación do 2000

Dende 1981, Ferrol vén acusando unha sangría demográfica constante, pasando de 91.764 habitantes a 71.232 a finais de 2013, cifra que representa case un 12% menos con respecto á poboación do 2000. Soamente no ano 2013, Ferrol sufriu unha perda de 1.731 persoas. Tanto no caso de Detroit, como noutros das concas mineiras ou cidades da industria naval, a “sangría poboacional” é un elemento definitorio que leva á “morte” destes territorios. Así, Ferrol é hoxe o sétimo municipio de Galicia en número de habitantes, con 11.702 veciños menos que a seguinte cidade galega máis poboada, Pontevedra.

As cifras para a comarca de Ferrolterra non son moito mellores. Segundo contempla a enquisa de proxección da poboación do Instituto Galego de Estatística, para os próximos dez anos (de 2013 a 2023) a caída de habitantes no conxunto dos vinte municipios que componen Ferrolterra será dun  10% aproximadamente.

Pero centrándonos na cidade de Ferrol, este descenso de poboación queda explicado por tres factores fundamentais:

  1. A baixa natalidade (6,6 por mil habitantes), que está en valores inferiores a Galicia (7,7 por mil) e do Estado español (9,69 por mil), cando para países industrializados esta taxa debería estar entre 10 e 15 nacementos por cada mil habitantes.
  2. A alta mortalidade, vinculada ao proceso de envellecemento da cidade (12,27 por mil) con cifras superiores ás outras grandes cidades galegas, tendo un crecemento vexetativo, é dicir a diferenza entre nacementos e mortes, de –430.
  3. No caso do proceso migratorio, este indica que cada ano Ferrol perde aproximadamente 500 habitantes, que nun 45,38% están entre os 30 e os 54 anos. Os mesmos indicadores vemos na maioría dos concellos da comarca.

A taxa de atracción de Ferrol é negativa, polo que non só non atrae poboación senón que perde con respecto a outros  lugares

A taxa de atracción de Ferrol é negativa, polo que non só non atrae poboación senón que perde con respecto a outros  lugares. Feito que queda reflectido no dato de que o 60,8% da poboación sexa autóctona, sendo o dato máis alto de entre as principais cidades galegas.

 

Envellecemento da estrutura social

A cifra máis significativa para falar de envellecemento é a idade media da cidade, que supera incluso ao conxunto de Galicia (sendo  unha das rexións máis avellentadas de Europa). Ferrol ten unha ideade media de 46,6 anos fronte aos 45,4 anos da media galega. Ningunha das sete principais cidades supera esa media galega, salvo Ferrol. 

Temos dous indicadores que claramente poden dar unha idea do envellecemento que xa sinalaba a alta taxa de mortalidade. Trátase do índice de dependencia  e o índice de envellecemento.

O índice de dependencia sinala a carga pasiva dunha poboación en relación coa poboación activa, que no caso de Ferrol é moi alarmante cun 57%, é dicir que hai 57 persoas dependentes por cada 100 activos

O índice de dependencia sinala a carga pasiva dunha poboación en relación coa poboación activa, que no caso de Ferrol é moi alarmante cun 57%, é dicir que hai 57 persoas dependentes por cada 100 activos. En 2012 o índice de dependencia era do 53,1% e en 2022 esa porcentaxe será do 62,5%. Con respecto a Ferrolterra,  para o ano 2022 as previsións son igualmente preocupantes, cunha taxa de dependencia do 71,9%. Ferrol, das sete urbes galegas, é a que presenta un maior peso de maiores de 65 anos cun 25,16% sobre a poboación total.

O segundo indicador relevante é o índice de envellecemento, que está en 227 maiores de 65 anos por cada 100 persoas novas (poboación de 0-14 anos), reflectindo así unha grande incapacidade de reemprazo xeracional, agudizada non só polo baixa natalidade senón pola perda de poboación nova a través da migración.

 

Desemprego estrutural en cifras moi altas e con diminución de poboación activa

O desemprego constitúe a manifestación máis grave e inmediata da crise do naval na Comarca. Ferrol pechou o pasado ano cunha taxa de paro segundo a EPA do 31,9%, moi por enriba da taxa de Galicia e de España, e presenta o peor balance das sete grandes cidades galegas. Isto está en clara relación coa mingua da actividade nos estaleiros da ría e o despedimento de miles de traballadores nas compañías auxiliares. Aínda así, o naval non chega para explicar o problema de paro estrutural que ten a comarca dende hai 30 anos, tendo en conta que ten unha perda considerable de poboación activa pola emigración que debería servir para suavizar esa cifra de desemprego.

No total da Comarca aumentaron os expedientes de regulación de emprego nun 33,3%, concentrados sobre todo na industria (nomeadamente na industria auxiliar) e sendo a área de Galicia que máis afectada estivo por este tipo de medidas

Durante o pasado ano, no total da Comarca aumentaron os expedientes de regulación de emprego nun 33,3%, concentrados sobre todo na industria (nomeadamente na industria auxiliar) e sendo a área de Galicia que máis afectada estivo por este tipo de medidas. De feito, nos últimos datos de paro rexistrado (xaneiro de 2014)  a Comarca aglutina o 11,4% dos novos desempregados galegos, cun total de 8.099; sendo a industria auxiliar a que aglutinou maior cantidade de despedimentos.

Aínda que a crise económico–financeira axudou a aumentar esas cifras do desemprego, xa antes de comezo da crise Ferrol historicamente sempre presenta peores datos que a media da provincia, da Comunidade Autónoma e do Estado español.

A taxa de actividade que amosa Ferrol tamén é das máis baixas do Estado español, cun 44,2% e con valores similares a outras zonas como Mieres, Langreo ou Cádiz, estando o resto das urbes galegas en torno a valores entre os 50–60%. A taxa de ocupación que presenta Ferrol (o 30,1%) é a máis baixa en relación coas outras grandes urbes galegas e inferior á media galega e de España.

 

Empobrecemento da sociedade e conseguinte caída do consumo (desaparición do pequeno comercio)

Nunha cidade cunha taxa de desemprego tan elevada aumenta o número de persoas que teñen dificultades económicas. No caso de Ferrol, segundo o IGE, preto dun 40% de fogares ten dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes. Respecto á orixe dos ingresos nos fogares da cidade,  hai máis dun 39,19% que proceden nun 100% das prestacións, e no 41,92% dos fogares os seus ingresos están compostos nun 75% por algún tipo de prestación social. Máis significativa en todo caso é a taxa de risco de pobreza e exclusión social, que está nun 22,97%, tendo unha lixeira subida con respecto ao ano anterior e sendo a máis alta das sete grandes urbes galegas.

Outro aspecto vinculado coa falta de riqueza é o consumo e a súa influencia no pequeno comercio: dende 2012 houbo unha redución do 10% de locais do pequeno comercio (non só pola competencia das grandes superficies comerciais)

Outro aspecto vinculado coa falta de riqueza é o consumo e a súa influencia no pequeno comercio: dende 2012 houbo unha redución do 10% de locais do pequeno comercio (non só pola competencia das grandes superficies comerciais) e unha diminución do consumo como produto da situación económica global. Segundo un estudo diagnóstico sobre o comercio nas cidades (Empresa Auren Consultores BIO), o número de locais pechados son 428 aumentado nos últimos tempos. A porcentaxe de desocupación pasou de ser do 26% no 2012 ao 35,2% en 2013, deixando o centro da cidade totalmente desolado.

Estas, entre outras consecuencias da desindustrialización, fan que Ferrol cada vez sexa máis similar á mediática cidade de Detroit. O que queda por saber é se finalmente Ferrol seguirá á deriva, ou reflotará económica e socialmente.

“Falar de crise é promovela, e calar na crise é exalta-lo conformismo” (Albert Einstein).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.