0 Gardados para despois

Manuel A. Fortes Torres

Podemos: Medios e fins

Co presente texto o que pretendemos é entrar nun debate que se está a realizar, sobre todo en medios alternativos, nos que se teñen manifestado diferentes posicións ao respecto. O que vén a continuación  non é outra cousa que o que entende que é PODEMOS o autor do artigo. E isto faise ao redor de catro puntos que, segundo pensamos, son o núcleo do debate existente (1. PODEMOS e a des-unión da esquerda; 2. PODEMOS e os liderados mediáticos; 3. PODEMOS, arriba e abaixo; e, 4. PODEMOS e o electoralismo). Aínda que a forma semelle que se trata dunha exposición das características do proxecto, en realidade consiste en reflexionar e argumentar (e contraargumentar) ao respecto dalgunhas das cuestións máis repetidas no moito que xa se ten escrito en referencia ao proxecto PODEMOS.

 

1. Desunión da esquerda

1.1. Que esquerda se des-une? Que esquerda estaba unida? Ou máis aínda, que esquerda?

1.2. Gran parte dos que critican a desunión da esquerda fano desde unha concepción electoralista da unión da esquerda. Non en base a programas, proxectos, políticas: aí seguro que poderiamos unirnos a esquerda (de querer); pero non ten sentido falar de unión da esquerda se a cuestión clave, así se presenta, é de votos e escanos exclusivamente.

1.3. A unión en base a programas e procedementos aclararía, precisamente, que estamos a entender por esquerda; ou sexa, cal é o proxecto e quen é o seu suxeito, quen entendemos que o debe dirixir.

1.4. Pero moitos dos que denuncian a desunión preséntanse eles como a esquerda: non están dispostos a discutir e debater que esquerda e como se é esquerda (lembremos a risíbel “casa común da esquerda”).

1.5.  Moitos dos que denuncian a desunión da esquerda están (como estiveron no pasado) dispostos a pactar (coa dereita) os seus programas de esquerda, que van á papeleira de reciclaxe: iso é unha estafa aos seus electores; é unha tomadura de pelo cando non deixan ben claro que límites son intranspasábeis. Desgrazadamente, temos demasiada experiencia de esquerda “disposta a unirse” que logo, debido xustamente a esa “unión” o que aplica son os programas da dereita coa que se “uniu”, e á que se subalternizou. Temos demasiados “desencantos”.

1.6. O Manifesto establece un marco dun programa de esquerdas, anticapitalista; e establece un procedemento de acción política; isto é, establece un fondo (un contido político, as liñas dun proxecto) e unha forma (un procedemento político, de acción política, de intervención), en base aos que establecer una unidade de esquerdas. Dito doutro xeito, presenta unhas liñas programáticas de esquerdas (quen van desde propostas antiausteritarias, até unha democracia participativa, pasando polo dereito a decidir, tanto dos pobos -dereito de autodeterminación- como das persoas); e presenta tamén un procedemento de esquerdas de intervención política, sendo consecuentes coa proposta de democracia participativa, unha acción opositora participativa, baseada, pois, nunha política que regrese ás rúas, en vez de estar secuestrada por “profesionais da política”.

Naturalmente, unha orientación política neste sentido resulta contraditoria con calquera pacto coa dereita, pois sería a negación dos dous eixes que caracterizan o que é facer política de esquerdas. É, en consecuencia, un proxecto aberto ás persoas de esquerdas, organizacións, colectivos, movementos sociais ...; ou sexa, é, así, unha proposta de unidade real da esquerda: Unha esquerda de ruptura do réxime da transición: Unidade en base a contidos (programas) e procedementos (forma e fondo: non illados).

1.7. Finalmente, o carácter asembleario de PODEMOS exprésase, xa o dixemos, en que a concreción do programa o farán os que participen nos Círculos (o nome dado á asemblea do lugar de que se trate). O programa non é un programa electoral, senón un programa político, que faga referencia, pois, ás reivindicacións e problemática política do ámbito do círculo en cuestión. Que logo iso poida ser a base dun programa electoral será algo que tamén asembleariamente se decida.

Naturalmente, o razoábel e o desexábel é que os círculos de cada nación establezan relacións de coordinación, de modo que o proxecto nacional poida plasmarse no proxecto desa coordinadora. Isto é, os círculos galegos que se cheguen a formar nas diferentes localidades galegas e que contemplen as circunstancias políticas de cada unha delas, deberán establecer unha coordinación nacional, plasmándose o proxecto na concreción nacional galega que as esixencias dos nosos propios “tempos políticos” reclame. En suma, unidade nacional da esquerda, pero unidade pola base.

 

2. Liderados mediáticos

2.1. Aínda que a algúns lles pareza imposíbel, por ser mediático non se é de dereitas; tamén pode terse proxección e ser de esquerdas. Contar con persoas de proxección mediática axuda a facerse oír, a loitar contra o “peche informativo” por parte dos medios da dereita das opcións de esquerda. Trátase, tamén, de forzar o acceso aos medios aproveitando a relevancia mediática, pois non só hai que chegar aos activistas, ás persoas comprometidas, senón a todo o mundo, tamén aos “cautivos e desarmados” pola sofistería mediática. Por exemplo, sería de moito interese que este proxecto aparecese no País, no Mundo e en demais medios da dereita; pero non porque ese sexa de seu un obxectivo, senón porque de pasar iso é que non o poden silenciar; isto é, sería unha medida, un síntoma, da súa relevancia social.

2.2. Pero o liderado real son as ideas e os proxectos; e as persoas poden ser medios para construír e transmitir ideas e proxectos; e ese é o sentido do liderado, facerse portavoz de ideas e proxectos, non ser un substituto das ideas e proxectos. En consecuencia, non é o obxectivo a promoción dun líder; pola contra, o líder mediático é o que promociona ideas e proxectos pola súa “facilidade comunicativa”.

2.3. Entender o carisma como medio, como axuda; aproveitar a ideoloxía do carisma e as posibilidades, pero para transmitir unha mensaxe alternativa. Non será ningún líder carismático quen dirixa este proxecto, senón que será un instrumento de difusión do mesmo; ese liderado en función da política, do proxecto; o proxecto non é construír un líder carismático, como procura sempre a dereita. O contrario iría precisamente en contra do sinalado anteriormente como o procedemento de esquerdas que reclama o manifesto: a democracia participativa tamén na construción deste proxecto.

2.4. Finalmente, que isto é así, tamén o ten recoñecido o “líder carismático”; tamén é pública a súa disposición a “poñerse a disposición” do proxecto. O líder é o proxecto.

 

3. Arriba e abaixo

3.1. Os proxectos parten de persoas, os promocionan persoas, os propoñen persoas. Son produto da reflexión dun pequeno grupo. A cuestión é o contido do proxecto e a súa realización: elitista, meramente partidaria, ou participativa. Xa insistimos reiteradamente na característica esencial deste proxecto dunha democracia participativa, pero non só como obxectivo, senón tamén como característica do proceso de construción.

3.2. O proxecto implica, por tanto, un “baixar” á base. Un proxecto aberto e participativo. Recorrer a “abaixo” para a concreción e a toma de decisións. Un proxecto transparente que utilice as posibilidades que a tecnoloxía ofrece. Un proxecto que se constrúe coa participación activa de todos os que queiran, de todos os que asumen as súas liñas de esquerda (o Manifesto) e desexen intervir na súa concreción e na súa posta en práctica política. Só así poderemos falar dun proxecto alternativo e de esquerdas, un proxecto de ruptura co “réxime da transición”.

3.3. Neste sentido, resulta confuso falar de “primarias” para a elección de “líderes” ou candidatos. Non só porque ese nome lembra a outras situacións nada exemplarizantes (as “primarias” estadounidenses, por exemplo), senón porque, nin se trata de elixir líderes nin de elixir candidatos, porque, insistiremos niso, non se trata dun proxecto electoral. O que se quere dicir con esa expresión, máis ou menos “afortunada” (eu diría que desafortunada) é que as decisións as tomarán as “bases” (os “círculos”), as persoas que participan no proxecto, que a estrutura participativa (o funcionamento democrático, participativo) decidirá que compañeiros asumirán unhas ou outras responsabilidades para tarefas concretas, o que nada terá que ver con ningunha xerarquía que se poida establecer illada, “por riba”. E se no camiño do proxecto se decide que a presentación a un proceso electoral pode resultar un medio (non un fin), pois tamén haberá que decidir esas listas. Pero tamén sobre iso hai algo dito no Manifesto (rotatividade, salarios); pero, en todo caso, os “candidatos” o son do proxecto; este preséntase, e os candidatos están, pois, en función del e das “bases”.

 

4. Electoralismo

4.1. O “electoralismo” posíbel máis inmediato, as eleccións europeas, non é outra cousa que aproveitar as eleccións como oportunidade de facer política, de propoñer alternativas, de lanzar ideas. Aproveitar as canles que un proceso electoral abre para facerse oír. Aproveitar que nun proceso electoral hai unha maior disposición cidadá e mediática para coñecer e dar a coñecer. Non estar calado cando hai unha maior posibilidade e disposición a escoitar. Nun proceso electoral tamén hai expectativas por parte da xente común; e a política non é só de activistas. Polo que debemos tentar responder a estas expectativas. Ou sexa, mostrar nun proceso electoral, no que supostamente compiten alternativas, que hai unha alternativa de esquerdas, aproveitando todos os medios que a política burguesa ofrece.

4.2. Pero ter claro que as eleccións son un medio, un instrumento, para todo o anterior, para dar a coñecer un proxecto. Isto é, o obxectivo non son os votos, pero estes si son indicativos de que se oíu unha proposta e dunha disposición de apoio, dunha ilusión, dunha confianza nunhas novas ideas rupturistas. Se non hai votos, por pequeno que poida entenderse ese compromiso, hai silencio. Non hai que considerar a fin os votos e escanos, pero tampouco esquecer que eles son un síntoma de influencia social.

4.3. Está claro que só coas mobilizacións se inflúe nas políticas públicas e que precisamente por elas se conseguen vitorias. Son a base. Só por mor das mobilizacións populares PODEMOS  modificar tamén as correlacións de forzas nas institucións; non porque este sexa o obxectivo, senón porque tamén é un resultado da intervención das masas na política.

4.4. En suma, o “poder” ou a participación en ámbitos institucionais de poder non é desprezábel. Non é que o obxectivo sexa ganar eleccións, senón que ganar eleccións será un síntoma dun estado de conciencia social; pero, tamén, da posibilidade de facer determinadas políticas desde as institucións. Os votos son un síntoma, non un substituto da mobilización; pero é un absurdo, cando non un suicidio, entregar as institucións todas, sen loitar, á burguesía.

Conquistar a democracia, impoñer unha democracia participativa, tamén se fai lexislando e, desde logo, máis doado será o camiño se os lexisladores van da man dos movementos sociais, dos movementos populares. E, desde logo, máis complicado será impoñer políticas contra as institucións, por iso non debemos en modo algún deixar de lado ese ámbito político, non debemos deixar que estean gratuitamente nas mans da burguesía; debemos tentar de quitarlle cantas máis armas mellor: loitar en todos os campos. Poñer pedras nos mecanismos deseñados pola dereita para manter o seu poder de clase.

Hai unha relación de interdependencia entre mobilizacións cidadáns e acceso a espazos institucionais: só se accede se hai mobilizacións, e este acceso debe responder aos que fixeron posíbel a conquista deses espazos, ou, cando menos, se non conquista, si impedir a súa irrestrita utilización pola dereita.

Non estamos, pois, a pensar que os cambios se fan nas institucións por medio dos votos; estamos a pensar que o votos reflicten un estado de ánimo e unha disposición mobilizadora, unha intervención real na política; e estamos a pensar que tamén se poden empregar eses espazos para impulsar políticas alternativas, de defensa dos intereses dos traballadores. 

Non só defensa, senón ataque:  debemos construír, pero iso require estar en todos os lugares onde se constrúe (como tamén para evitar que se destrúa): pero só se constrúe como efecto ou síntoma de esixencias desde abaixo, dos que queren construír e dos que queren que se constrúa para a maioría social, para o 99%.

4.5. Pero non esquecer que ás veces non se toma o poder, senón que o poder nos toma (precisamente non é casual o seu deseño). Por iso, é imprescindíbel a esixencia e a realidade da democracia real e participativa, o poder real na base, dependencia dos de abaixo, con absoluta transparencia e mecanismos de control popular.

4.6. En conclusión, PODEMOS non é un proxecto electoral, senón un proxecto político (que vai máis alá da próxima e de calquera consulta electoral), pero que pode presentarse a eleccións se así o considera a maioría dos que participan dese proxecto, por consideraren que pode ser un instrumento político utilizábel.

PODEMOS debe entenderse, pois, como ferramenta de cambio, nas mans dos de abaixo. Os de abaixo deben tomar PODEMOS: esa é a idea.
E nada vai cambiar se non nos mobilizamos. Pero para iso tamén se precisa convición, confianza, ilusión, expectativas.

PODEMOS.

Acerca de Manuel A. Fortes Torres

Manuel A. Fortes Torres (Vilagarcía de Arousa, 1957). Doutor en filosofía e Catedrático de filosofía de Instituto. Sobre temáticas de filosofía política ten publicado en www.rebelion.orgÁgora. Papeles de filosofía, A trabe de ouro, Aula Castelao de Filosofía, Bahía edicións... Militante de Anticapitalistas de Galicia