Os da casa e os de fóra

“No nacionalismo, a alianza co da casa vai primeiro que co de fóra”. Tal era o encabezamento dunha entrevista concedida a La Voz de Galicia polo compañeiro Francisco Rodríguez, publicada por este xornal o pasado 12 de xaneiro.  E eu concordo: o principal é procurar alianzas e confluencias coas forzas políticas galegas e non andar a ver con que forza foránea imos concorrer, en posición secundaria, ás próximas eleccións europeas.

Se nada o remedia – e a estas alturas semella difícil – BNG, Anova e CxG tentarán amolarse mutuamente colocándose detrás de forzas foráneas

No pasado mes de outubro xa expuxen o meu ponto de vista: o BNG debería promover unha candidatura galega, aberta a todas as forzas e todas as persoas que asumisen un programa de mínimos nacionalista e de esquerda. Dixen daquela, e manteño hoxe, que esta candidatura non só aseguraría a presenza de Galiza no Parlamento Europeu mais tamén sentaría as bases de confluencias e alianzas que para min seguen a ser imprescindíbeis para estarmos  á altura dunha sociedade que demanda unidade e alternativas reais ao bipartidismo.

Mais non será desta volta. Nas próximas europeas cadaquén irá pola súa conta. Se nada o remedia – e a estas alturas semella difícil – BNG, Anova e CxG tentarán amolarse mutuamente colocándose detrás de forzas foráneas. Asistiremos de novo a un confronto electoral estéril entre nacionalistas galegos, actores secundarios todos eles dunha historia contada noutra lingua. Para o caso tanto ten que sexa español, eusquera ou catalán. Seica eran antes os da casa que os de fóra … mais non será desta volta.

Voltamos aos anos oitenta. Voltaremos logo aos votos e ao apoio social dos anos oitenta. Coa diferenza de que imos máis vellos, máis resabiados e que, ao fin, daquela houbo unha capacidade de rectificar que hoxe semella esquecida

Non é cuestión de procurar responsábeis, busca que debe sempre comezar por un propio. Tempo haberá para que os historiadores o fagan se, para entón, estes asuntos interesan a alguén. É cuestión apenas de dar conta dun inmenso sentimento de impotencia, de tempo perdido, de volta atrás, de repetición dun ciclo que pensabamos superado. Voltamos aos anos oitenta. Voltaremos logo aos votos e ao apoio social dos anos oitenta. Coa diferenza de que imos máis vellos, máis resabiados e que, ao fin, daquela houbo unha capacidade de rectificar que hoxe semella esquecida.

E, porén, algo haberá que facer. Tentalo, contra toda esperanza, para estas eleccións europeas. Comezar a construílo, xa agora, para as municipais do próximo ano. Si, o noso amor non pode ser inútil. Mais, como alguén dixera, cabe perguntarse se tanta inutilidade pode ser amor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.