0 Gardados para despois

Miguel Anxo Abraira

Reformismo ou roturismo coa Unión Europea

Antes de entrar na análise das políticas e funcionamento da Unión Europea, compre repasar as súas orixes e dar unhas pinceladas do seu funcionamento:

A Unión Europea é unha superestrutura que nace da refundición doutras xa existentes no pasado tendo a súa orixe na declaración de Schuman ou máis concretamente nas negociacións secretas e escuras impulsadas polo goberno francés para a sinatura dun acordo coa intención de instaurar unha organización supra-estatal que regulase a produción, comercialización e condicións do carbón e do aceiro. Este acordo que ía ser asinado inicialmente por Francia e Alemaña sumáronse finalmente Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Luxemburgo e os Países Baixos e contou co visto bon do  Goberno dos EE.UU.; deste xeito conformouse a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro o 18 de Abril de 1951 que se coñece como o Tratado de Paris. A creación da Comunidade Europea de Defensa -Unión Europea Occidental- (ten como principal misión a defensa mutua e rexese baixo a sombra da OTAN) son froito de distintos acordos Bruxelas (1948), Amsterdam (1999). O principal impulso para o nacemento da actual Unión Europea vai vir da man do tratado de Roma de 1957 que ten como finalidade a aceptación da libre circulación de persoas, mercadorías e capitais  - C.E.E. (Comunidade Económica Europea)-.

É no ano 1965 cando se asinan a fusión das tres comunidades europeas (CECA, UEO, CEE) dando lugar a Comisión Europea e ao Consello da Unión Europea. A Acta Única Europea asinada en 1986 e que entra en vigor en 1987 ven a ratificar o comercio interior da unión Europea e a libre circulación de persoas, mercadorías e capitais. En 1997 mediante a Acta Única entra dentro dos dominios da supere-estrutura a aspectos como a investigación, medio ambiente, desenrolo tecnolóxico e política social e impulsa unha política común en materia de política exterior e en materia de “seguridade”. O tratado de Maastricht  (1992) introduce unha nova estrutura que é modificada posteriormente polo tratado de Lisboa. É o tratado de Maastricht o que introduce o Euro e da lugar a aparición do BCE.

O 20 de febreiro de 2005 celebrouse no Estado Español un referendo para decidir se o Estado Español debía ou non ratificar o Tratado de Roma que establecía unha constitución para Europa. O resultado da participación foi inferior ao 43% o que supuxo que só o 32% das persoas con dereito a voto ratificasen a pregunta. Debido a que o Tratado de Roma non foi ratificado por todos os estados membros o 13 de decembro de 2007 os representantes de todos os estados da Unión e sin a realización de ningún tipo de consulta aos cidadáns asinaron o Tratado de Lisboa que substituíu o Tratado de Roma e a Constitución Europea prevista inicialmente.

O funcionamento da Unión Europea no que se refire a toma de decisións recae principalmente nas Comisións Europeas que son órganos nos  que se reúnen os ministros dos estados membros por áreas. Son as Comisións Europeas  as verdadeiramente encargadas do debate e toma das decisións que ao final se van converter en Directivas de obrigado cumprimento para os estados. Está, tamén, o Consello Europeo que é o órgano que reúne aos presidentes dos estados membros e que ten principalmente as finalidades de desbloqueo político  e representativo.

O europarlamento non ten competencias reais de parlamento democrático pois as súas competencias na maioría dos casos non van máis aló que a de debater e suxerir cambios lexislativos as distintas Comisións Europeas. Si é certo que o europarlamento aumentou funcións e competencias desde a súa creación pois este ao seu inicio estaba totalmente baleirado de contido lexislativo real.

Compre dicir que a Unión Europea se dotou dunha Constitución  aprobada polos estados membros sen terse realizado consulta algunha sobre a mesma aos cidadáns e cidadás; algo insólito e indefendible no modelo de democracia occidental.

 

Análise Política

O feito innegable da existencia de Europa e mesmo dunha relación económica, cultural e social entre estados fronteirizos son empregados como argumento irrefutable na defensa da existencia dunha supere-estrutura como a UE, mais sendo certo a existencia de Europa tamén o é que as relacións (económicas, sociais,...) entre estados e sociedades tan aloxadas como a do Estado Español e a Croata non existen salvo na Europa da fantasía que pretende xustificar a UE.

O espírito e a política de fondo para o que foi a creada a UE (CECA) obedece a estritos intereses comerciais que teñen como finalidade o establecemento de medidas políticas que favorezan a concentración de capital. A existencia de estados independentes con lexislación protectora dos seus intereses chocou e choca cos intereses do gran capital de acumulación de riqueza. A UE non se vertebra na existencia natural dunha Europa con intereses comúns senón  coa intención de destruír as políticas proteccionistas que os vellos estados do principio da era industrial articularan co obxectivo de protexer os seus  intereses de ataques externos. Ademais hai que engadir que  o modelo capitalista europeo baseado nun modesto intervencionismo do estado para garantir unha mínima cohesión social esta sendo suplida polo modelo americano  que consiste na eliminación do que se denomina “estado do benestar” a costa da privatización absoluta a imposición de políticas beneficiosas para os intereses das grandes corporacións (neoliberalismo salvaxe). Temos pois que diferenciar entre Europa e o seu pasado común da existencia  e imposición do aparato político-administrativo-xudicial-policial  que se chama actualmente Unión Europea.

A actuais negociacións secretas entre a UE e os EE.UU para o establecemento do TAFTA (Acordo Trasatlántico sobre comercio e inversións entre EEUU e a UE) podemos igualalas cos acordos que en 1951 deron lugar á Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro e non teñen outra finalidade que a eliminación das trabas políticas e administrativas para que o gran capital tras-oceánico poida continuar coa  acumulación de riqueza   en cada vez menos persoas e corporacións. Son poucos os informes que reflicten a concentración de capital que se produciu desde o inicio da era industrial pero os poucos existentes deixan ver as claras esta pauta. Hai estudios que falan que máis do 30% do PIB mundial esta en mans de tan só 500  corporacións ou que o 85% do PIB mundial o controlan aproximadamente 5000. Faise preciso sinalar que o gran capital non só existe e domina a maioría da riqueza mundial que se xera ano tras ano senón que esta ten  “estruturas organizativas” que toman decisións para favorecer os seus intereses de acumulación de riqueza. Decisións que poden ir desde  exercer as máximas presións para a sinaturas de leis, directivas, acordos, …. ate a  introdución de persoas asalariadas (deputados, ministros, presidentes do goberno, principalmente comisarios da UE) no mundo político para favorecer os seus intereses. Proba disto son os altos cargos políticos que tras o seu abandono do mundo político son premiados por estas corporacións con postos moi ben pagados como asesores externos ou similares.

A denuncia de que a UE non é unha unión de estados que teña como finalidade o impulso común de políticas económicas, sociais, medio ambientais, ..... para aumentar a calidade e nivel de vida dos cidadáns europeos queda mais que a vista si repasamos as principais directivas aprobadas.  Medidas como a de saneamento da grandes corporacións da banca a conta dos cartos dos contribuíntes mediante a intervención dos estados  e que trae aparellado fortes recortes nos dereitos materiais dos cidadáns, acompañados con recortes no social e nas liberdades colectiva e individuais son claros exemplos do antes dito. A salvagarda das grandes corporacións do sector da alimentación con medidas como a de prohibición da produción e comercialización de sementes e tamén de plantas menciñas ou a creación de corpos policiais supra-estatais para a defensa das regras de xogo impostas polos gobernos títeres son claros exemplos do antes dito.


Principais medidas lexislativas da Unión Europea

-1957: Fundase a CEE que elimina as traba aduaneiras para favorecer as grans corporacións.
-1962: Posta en marcha da PAC (política Agraria Común) que aposta polo agro-negocio fronte a agricultura tradicional e familiar.
-1985: Creación da Comunidade Europea coa conformación do Mercado Único mediante a unificación de normativas de carácter económico.
-1993: Crease a actual Unión Europea, rexida polo tratado de Maastricht . Nace o Euro. Imponse o límite de débeda pública e de déficit para todos os estados do euro. Non hai requisitos sociais, ambientais e de dereitos individuais e colectivos para a entrada no euro, son só políticas neoliberais. Reforzase a libre circulación de capitais sen carácter impositivo para estes. Co Tratado de Maastricht  crease o Banco Central Europeo, que se encarga de emitir diñeiro. O seu presidente non é elixido democraticamente  (o actual presidente -Mario Draghi- proven do banco Goldmans Sachs). O diñeiro emitido vai directamente a banca privada e non aos estados antepoñendo a especulación aos intereses dos estados e dos seus cidadáns.

-2000. Diante do fracaso da aprobación do Tratado de Roma en todos os estados membros ponse en marcha a Axenda de Lisboa sen consulta algunha aos cidadáns. Ponse en marcha un programa de des-regulación laboral que aumenta a precariedade laboral dos traballadores asalariados por conta allea. Aprobase unha serie de normativas de carácter neoliberal que axiliza a toma de decisións e concentra o poder nos estados centrais principalmente Alemaña.
-2004: Intento de impor unha constitución europea sen consulta previa aos cidadáns.
-2007: Reforma da constitución europea (tratado de Lisboa) sen consulta algunha aos cidadáns dos estados membros.
-2010: Estratexia UE-202 na que se profunda na flexibilidade laboral e a austeridade fiscal. Apostase polo atraso da idade de xubilación e polos impostos indirectos fronte aos directos
2011: Pacto polo Euro, que impón  axustes orzamentarios a través de medidas como: 1) recortes das condicións laborais; 2) privatización dos servizos públicos; 3) Atraso da idade de xubilación; 4) recorte das inversións sociais e ambientais; 5) sostemento da banca con axudas públicas e liñas ilimitadas de liquidez a baixo interese.
2011: Restricións e prohibicións da comercialización de plantas menciñas usadas polas persoas durante centos de anos na liña de favorecer as grandes corporacións farmacéuticas.
-2012 : Creación da EUROGENDFOR por parte dos estados francés, español, portugués, italiano e países baixos con capacidade de intervención dos estados que a conforman sen o consentimento expreso dos seus gobernos. A EUROGENDFOR esta á disposición UE, ONU, OSCE e OTAN. A EUROGENDFOR é unha policía antidisturbios que pode intervir nos estados citados sen a autorización do seu goberno. O obxectivo e estendela aos demais estados membros da UE.
-2013: Prohibición da venda e reprodución de sementes autóctonos e tradicionais para favorecer as grandes corporacións agro-alimentarias.

-2014 Actualmente en negociación o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU (TAFTA) vai permitir as grandes corporacións estar por encima dos estados e das súas lei e vai prever indemnizacións millonarias para as grandes multinacionais en caso de que non obteñan os beneficios previstos.

Faise preciso citar nesta apartado que a Directiva de Concesións contemplaba nun primeiro momento a posibilidade de incluír as augas dentro do seu articulado e que ao final foi desbotada esta idea por mor da presión popular produto da recollida de máis de millón e medio de sinaturas en 11 estados da UE. Nesta recollida de sinaturas defendeuse como un dereito humano o acceso á auga.


A Unión Europea e a aposta polo crecemento económico infinito

O crecemento económico infinito nun planeta finito e de recursos finitos é imposible, polo tanto seguir apostando por un modelo económico como o instalado nas políticas da UE pode por en perigo a propia supervivencia da humanidade. A transformación a que se ve sometido o ecosistema no que vivimos para poder  crear a riqueza medible polos estándares do capitalismo están dando lugar a unha crise do ecosistema planetario. Esta crise non só é produto da contaminación senón que, tamén, e consecuencia de que a humanidade consuma todos os recursos renovables que se producen no planeta nun ano en menos de 8 meses (20 de agosto en 2013). O déficit  entre o que é capaz de producir o planeta e o que a humanidade consume esta sendo suplido polo uso masivo de recursos non renovables principalmente carbón, petróleo e uranio.

O recoñecemento por parte da AIE (Axencia Internacional da  Enerxía ) que no ano 2006 se superara o peak-oil do petróleo convencional, ou que o 2018 sexa considerado o ano en que a humanidade vai superar o consumo do 50% dos recursos non renovables de enerxía almacenados no planeta unido isto ao crecemento exponencial da poboación e sobre todo ao consumo exponencial da enerxía  deixan ver claramente que as política económicas da UE son claramente un perigo para a supervivencia da humanidade. Seguir apostando polas mesmas políticas económicas disfrazándoas con termos contraditorios como “crecemento sostible” ten que pasar a ser visto polo conxunto da poboación como un suicido colectivo. O único crecemento sostible que é posible realizar no planeta a día de hoxe e aquel que leve a humanidade a consumir os recursos renovables nun  prazo non inferior a rexeneración dos mesmo. Este tipo de crecemento sostible chamase hoxe por hoxe DECRECEMENTO. Se ao antes dito lle engadimos que a UE esta situado no cerne do problema que supón que o 20% da poboación mundial consume o 80% dos recursos naturais e de reservas non renovables do planeta ben podemos concluír que as políticas impulsadas pola UE están levando ás sociedades non só europeas senón do todo o planeta a un camiño  sen retorno  que vai traer graves consecuencias para o conxunto da humanidade.

 

A necesidade da existencia da Unión Europea

Unha das principais características dos críticos coa UE é a actitude de asumir de feito a necesidade da existencia desta supere-estrutura. Non se da argumentación para a necesidade da súa existencia máis aceitase que a mesma debe existir iso si reformulando a mesma en base a filosofías e a discursos ocos do estilo da Europa dos pobos ou Europa Social. Propoñer a reformulación da UE ten que vir dotado de propostas concretas do estilo das institucións coas que se vai dotar a nova UE, que competencias vai ter, como se vai lexislar, como se van tomar as decisións, como van influír os cidadáns e as cidadás nos seus órganos de goberno, que dereitos van ter, que estados a van conformar, etc, etc.  Non criticar a mesma existencia da UE, o modo en como se creou a mesma e que esta  estea dando os primeiros pasos cara a creación dun ente superior non supón máis que  aceitar o proceso de globalización que esta rematando coa diversidade cultural, ambiental, económica, .... do planeta, senón que tamén significa aceitar no fondo as condicións resultantes das súas políticas.

A UE mediante as súas directivas demostrou por activa que a súa existencia obedece tan só a motivos económicos (Europa dos mercaderes) e non a supostos motivos sociais e medio-ambientais. A actitude da UE diante dos verdadeiros retos globais cos que se enfronta a humanidade non son para nada elementos a ter en conta na axenda da Unión. Así é que o cambio climático, a superación do cumio do petróleo, a baixa TRE (Taxa de Retorno Enerxético ) das enerxías renovables, a máis que probable chegada de tormentas xeomagnéticas, o belicismo nuclear, os millóns de mortes por fame ou a ausencia duns mínimos de saúde, as continuas guerras, invasións e saqueos apoiados e promovidos  por estados membro da propia UE non forman parte nin sequera dos debates da Unión. Para exemplos próximos  temos o silencio cómplice da mentira da tenencia de armas de destrución masiva do goberno iraquí e da destrución deste estado. Esta, tamén, a ausencia de medidas diante do peak-oil ou por citar algo máis próximo o desprezo que a UE fai ao bosque de clima atlántico mellor conservado de Europa (Fragas do Eume). Tampouco podemos esquecer o desprezo que a Unión ten co respecto a culturas e idiomas como o galego e o silencio cómplice  na aprobación de medidas que atentan contra os dereitos das mulleres como é a lei do aborto que pretende aprobar o PP.


Reformar ou disolver a unión europea

Chegado a este punto compre analizar si é preciso e bon dotarse de supere-estruturas do estilo da UE e permitir evolucionar estas cara supere-estruturas máis complexa ou pola contra debemos fomentar o proceso contrario?.

Desde os principios da humanidade teñen existido un bo número de civilizacións que teñen aparecido, evolucionado e posteriormente desaparecido (exipcia, romana, maia, etc). Non sendo os únicos motivos para a desaparición destas civilizacións o esgotamento dos recursos naturais e a complexidade no seo do seu  funcionamento que as levaba a un consumo de recursos e enerxía a cada paso maior parecen ser as causas principais para a súa desaparición abrupta ou o seu esmorecemento paulatino pero non por ilo non traumático.

No presente momento histórico da humanidade a civilización occidental que  naceu coa revolución industrial esta instalada en case todos os territorios e culturas do planeta. Este modo de vida fixo posible  as  evolucións que se deron desde os vellos estados cara  organizacións cada vez máis complexas  (UE, acordo comerciais dos estados BRICS, ALBA)  e son todas produto da posibilidade de empregar gran cantidade de recursos enerxéticos. As crises nas que se atopa estes modelos organizativos só lles quedan dous camiños ou evolucionar a estruturas máis complexas ou pola contra caer e desintegrarse en modelos máis simples e próximos. O gran problema ao que se enfronta a humanidade nestas ocasión e que a civilización occidental industrial empeza a ser a única existente  e polo tanto  esta en risco que o colapso da mesma poña en perigo a mesma supervivencia da humanidade.

Se aceitamos a “realidade científica” de que a humanidade esta entrando nunha era na que vai contar cada vez con menos enerxía dispoñible, tamén temos que aceitar que para que o  proceso de globalización continúe  ou incluso se manteña temos que asumir que cada vez  queden máis persoas fora do mundo tecnolóxico e do uso habitual da enerxía, tal e como o facemos a día de hoxe.

Tamén e preciso reflexionar da capacidade organizativa que os seres humanas temos para a construción de sociedades democráticas, tendo en conta as nosas orixes tribais (100-200 persoas). As clases traballadoras para influír en supere-estruturas como as da UE temos que facer un enorme esforzo organizativo e ceder a nosa capacidade individual de decisión e de influencia a estruturas verticais, pois como é lóxico doutro xeito é imposible articular de xeito unitario centos de millóns de persoas. Pola contra o modelo organizativo das corporacións non ten que facer esta cesión, pois estamos falando duns centos de persoas as que teñen que chegar a acordos; teñen, iso si, o problema da execución das decisións tomadas por carecer do voluntarismo co que nos dotamos na esquerda pero a gran riqueza económica  que acumularon durante xeracións en moitos casos permítelles ter milleiros de asalariados (políticos, periodistas, xerentes de empresas, etc) para levar a bo porto as súas decisións.

Debemos lembrar que a UE toma as decisións con métodos bastante complexos na súa tramitación pero que no fondo se reduce a que son os gobernos dos estados membros os que teñen as competencias reais na toma das decisións importantes e sobre todo na aplicación das mesmas; correspondéndolle ao europarlamento unha función menor consistente no debate das propostas emanadas do CONSELLO EUROPEO (presidentes dos estados membros) e da COMISION EUROPEA (ministros dos estados membros). Tendo en conta que o Europarlamento apenas ten capacidades lexislativas reais e que cumpre a función de transmitir unha imaxe de democracia representativa -lembrar que mesmo se lle negou aos  cidadáns e cidadás a posibilidade de ratificar en furna a Constitución Europea- faise preciso sinalar que o mellor xeito de influír nas políticas da UE non é mediante europarlamentari@s senón mediante ministr@s e presidentes de estados.

A existencia da UE son produto das posibilidades históricas de crear organizacións sumamente complexas grazas a existencia de grandes cantidades de enerxía abundante e barata e  teñen como finalidade a creación das medidas lexislativas e políticas que permitan a acumulación da riqueza en cada vez menos persoas e/ou corporacións. Este proceso de globalización non se produciu no social, nin na homologacións das condicións laborais por arriba, máis ben todo o contrario. A globalización produciu  fortes modificacións dos ecosistemas  produto do monocultivo da agricultura, gandería e pesca. Tamén forzou a des-localización de procesos industrias e comercias producindo  a extrema pobreza de grandes porcentaxes da poboación. 

Compre tamén sinalar os movementos organizativos que se esta dando a nivel europeo nas bases sociais da esquerda e que se caracteriza na posta en marcha de proxectos de distinta índole  que xiran entorno a auto-organización, auto-xestión, a aposta pola economía de proximidade  e moedas alternativas e que son unha verdadeira alternativa social e económica as políticas emanadas da UE.

 

A necesidade dun movemento rupturista coa unión europea

Fronte a existencia dun organismo que lexisla para retirarnos dereitos fundamentais sobre aspectos tan básicos das nosas vidas como pode ser a alimentación, auga, e menciña faise imprescindible  intervir no debate e nas medidas favorecedoras do seu derrocamento e disolución.
A UE encarna á perfección o modelo de democracia que esta en crise que non é outra que a democracia representativa fronte ao modelo que cada vez máis cidadáns e cidadás defende que é a democracia participante. Canto máis grandes e lonxe estas as estruturas organizativas da sociedade máis difícil ou imposible se fai a democracia participante e, ademais, nunha democracia representativa como a da UE os lobbies de presión das grandes corporación atúan con total impunidade.

O distanciamento que os cidadáns e cidadás teñen sobre toda a clase política ten que romperse no que se refire a participación organizada  para demostrar o rexeitamento ás políticas emanadas desde a UE. A aposta polo reformismo da UE que están facendo as distintas organizacións da esquerda no ámbito galego, do Estado Español e dos demais  estados membro da UE unido a incapacidade que está  ten para entenderse nun proceso de acumulación de forzas que supere a estratexia das siglas para poder facer fronte  común ás políticas neo-liberais son sumamente irresponsables. Diante dunha alternativa reformista das organizacións políticas tradicionais compre artellar e activar un rexeitamento a marxe dos partidos e compre que este rexeitamento sexa organizado  e o máis visible posible deixando de lado  propostas reformistas e, pola contra, apostar por un discurso ruturista baseado na necesidade da disolución da Unión Europea para encarar as políticas neo-liberais que non só nos estas empobrecendo senón que nos están  escravizando e  roubándonos as vidas e as vidas dos nosos descendentes.

Acerca de Miguel Anxo Abraira

Político e activista social