Sobre marchas e procesos

Soe acontecer que os tempos electorais marcan ou intentan marcar a axenda dunha sociedade dada. Intentan controlar e instrumentalizar as forzas activas e activistas que día a día traballan nos lugares dos nosos barrios, bisbarras, parroquias e concellos. Nun tempo gris e escuro como o actual, que se presta á dinámica do xa e agora capitalista para medir o alcance dun logro. Pérdese de vista que as nosas vitorias enraizan no tempo e hexemonízanse no espazo.

Nesa premura resultadista, o ritmo social, o movemento como forma de coordinación no xurdimento do 15M, comezou sendo anecdótico polo que semellou espontáneo no seu contaxio

Quizais, nesa premura resultadista, o ritmo social, o movemento como forma de coordinación no xurdimento do 15M, comezou sendo anecdótico polo que semellou espontáneo no seu contaxio. Xentes acudindo ás rúas e prazas do país tomando o espazo como reclamo. Demandando o cese das agresións en formas de recortes sociais acompañados dun empobrecemento constante das condicións de vida. Poñendo en común as experiencias persoais do seu día a día: o desemprego, a falta de cartos, a emigración, a explotación, a violencia estrutural... nun collage onde a estrañeza e desconfianza  co descoñecido mudou polos afectos entre a colectividade.

Os apoios ás accións de desobediencia civil como resulta deter un desafiuzamento, son unha realidade froito da sensibilización coa necesidade e vulnerabilidade allea que xa se sente como propia

Moitas poden ser as interpretacións políticas, sociolóxicas, antropolóxicas, psicolóxicas  que intelectualmente fagamos deses días, neses lugares, pero o verdadeiro alcance vai alén da propia grafía 15M. O acontecemento, ese momento que muda as formas e condicións do posíbel, seguiuse desenvolvendo no tempo. Os apoios ás accións de desobediencia civil como resulta deter un desafiuzamento, son unha realidade froito da sensibilización coa necesidade e vulnerabilidade allea que xa se sente como propia. Os cadros de persoal sanitario que se autoorganizan non só para protestar polas políticas de redución de recursos para o desempeño do seu traballo, senón para atender pacientes nun servizo básico universal alén da súa categoría administrativa de sen tarxeta sanitaria.

As mareas cidadás que percorren as diferentes territorialidades do Estado coa sensibilidade como vector e o empoderamento popular como coordenada, mostran ás claras que o sentido de actor político, clase subalterna, pobo sen estado nunca se inoculara a través dunha inteligetsia clasista e doutrinaria. Senón que emana na práctica destituínte ante a agresión da oligarquía político-financeira e fortalécese na empatía de clase. Empatía que fai sentir como propias as feridas nos aramados ceutís, a violencia machista e estrutural que se reprega sobre o corpo das mulleres, a exclusión social e económica dos desempregados e precarizados, na desobediencia ao devir capitalista que suprime oportunidades de existencia e subsistencia a cambio de garantía lucrativa e beneficio privado. Tal sucesión de aldraxes non acontece só dende o 2007, ese quizais sexa o marco-tempo que encadra o significado a curto prazo da manifestación da desigualdade social como vertebrador da estrutura de clases; pechada na súa mobilidade interna e determinada na súa pertenza e adscrición individual. Senón que esta orde social é o signo da evolución nas sociedades industrializadas onde os diferenciais de poder existentes entre gobernante e gobernado medran exponencialmente en relación ao aumento da pobreza socializada. Do control da liberdade. Da disciplina dos corpos e dos pensamentos.

É a potencia manifesta da comunidade, da multitude ou clase desposuída global que instaura e define as coordenadas non dun proceso, senón dun proxecto económico alén do funcionalismo capitalista

Perante o citado escenario, moitas son as voces que falan dun proceso constituínte que conflúa nun escenario refundador do sistema, o estado, os partidos... Sensíbel erro, xa que como di o filósofo italiano Antonio Negri, o poder constituínte é no seu seo ilimitado e cunha tendencia intrínseca a ampliarse e amplificarse. O citado poder rebasa o marco constituído: constitución, axentes vertebradores desa orde social e non pode ser controlado, cooptado nin patrimonializado por siglas ou ordes referenciais. É a potencia manifesta da comunidade, da multitude ou clase desposuída global que instaura e define as coordenadas non dun proceso, senón dun proxecto económico alén do funcionalismo capitalista.

Dun modelo afectivo que substitúe a posesión do obxecto pola empatía co suxeito. Dun proxecto cultural e social que rebasa o local-individual para situarnos no global-colectivo.

As rúas xa non son altofalante, son campos de loita comunitaria. As verdadeiras ágoras da política constituínte que xa entoan o “somos las pobres” que queremos xustiza e  restituímos o noso dereito a vivir dignamente

A fin de contas, un tempo que se rexe polos erros do pasado para non repetilos. Un espazo no que xa se efectúan os posíbeis como realidades conquistadas en batallas constantes nas rúas das nosas vidas. Formas de producir socialmente un pequeno recuncho do mundo onde a corrupción e o nepotismo que ensina a xocosamente chamada operación Pokemon sexan ecos dun pasado escuro que convén deixar atrás pola súa nefasta cualidade de senso común benefactor do poder clasista imperante.

Por iso, nas revoltas populares, atrás fican as marcas de pureza identitaria cando o antagonista visibiliza con toda a súa virulencia e o seu sentido democrático na colectivización da pobreza e a socialización da carestía. As rúas xa non son altofalante, son campos de loita comunitaria. As verdadeiras ágoras da política constituínte que xa entoan o “somos las pobres” que queremos xustiza e  restituímos o noso dereito a vivir dignamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.