O cambio climático era isto

Algunhas veces toca avergoñarse de onde a un lle tocou vivir. A min pasoume dende finais da pasada primavera ata o outono. A historia comezou como moitas o fan hoxe, cunha absurda información xornalística, carente de rigor e, xa non digamos, de profundidade. O resumo que algún –quero pensar- bolseiro fixo foi que “os franceses” dicían que podíamos pasar un ano sen verán e que esa primavera anómala que tivemos, con chuvia intensa e mesmo frío ata xullo se prolongaría indefinidamente. Como se a guerra da Independencia tivera rematado o día anterior, foron moitas as voces que se apresuraron a desmentir esta suposta información francesa. Aínda en setembro, con sol e bo tempo, era frecuente escoitar conversas burlonas sobre as hipotéticas predicións dos “gabachos” cunha carga de desprezo xenófobo digna de preocupación.

Os meteorólogos trataban de contar que tal primavera podería ser explicada por unha anomalía no jet stream debida a unha menor diferenza de temperatura entre os polos e o ecuador o que, a súa vez, era unha das consecuencias do famoso cambio climático

Que estaba a pasar en realidade? Que había detrás desa suposta nova? Moi sinxelo de comprobar. Na Europa atlántica, sometida á mesma primavera anómala que nos, estábase a debater sobre as posibles causas da mesma. Para comprobalo non había máis que pinchar nas webs dalgúns xornais, por exemplo The Guardian ou Le Monde. Non vale a escusa de non saber inglés ou francés: Google traduce suficientemente ben como para poder seguir o fío das novas. Editores e xornalistas aliados, neste caso, con meteorólogos trataban de contar didáctica e sosegadamente que tal primavera podería ser explicada por unha anomalía no jet stream, ou corrente de chorro, e que tal alteración no jet stream era debida a unha menor diferenza de temperatura entre os polos e o ecuador o que, a súa vez, era unha das consecuencias do famoso cambio climático.

Cando era apenas un crío, alá nos 80 do século pasado, algúns falabamos deste tema e mesmo os medios de comunicación timidamente comezaban a tratalo, mais a realidade é que nada se fixo

Respecto ao cambio climático son moitos os momentos que teño gardados na memoria e permítome rescatar algún. Cando era apenas un crío, alá nos 80 do século pasado, algúns falabamos deste tema e mesmo os medios de comunicación timidamente comezaban a tratalo, mais a realidade é que nada se fixo. E hai non moito tempo, unha vez popularizado o concepto/negocio (véxase Al Gore, mercado de emisións, por exemplo) aínda nun xornal coruñés había viñetas cómicas nas que uns vellos dicían que o cambio climático non estaba tan mal tras ollar unhas señoritas en biquini, algo similar ao panorama pintado nunha conferencia aló polo ano 2007, creo lembrar, polo único representante galego entón no Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático: faría máis calor pero teríamos oliveiras e mellores viños… En fin.

Vaia por diante que a miña profesión é a bioloxía non a meteoroloxía polo que non quixera meterme onde non me chaman. Creo que o máis importante que cómpre saber sobre o cambio climático é que co quecemento global hai máis enerxía na atmosfera polo que os fenómenos vanse facer máis frecuentes, extremos e impredicibles, ademais de que, efectivamente, globalmente vai facer máis calor polo que os polos, por exemplo, estanse a derreter e iso eleva o nivel do mar. O jet stream é unha corrente circular de aire a gran altitude próxima a cada polo terrestre; prodúcese como consecuencia do rotación da terra e da diferenza de temperatura entre os polos e o ecuador, como dicía, e que esa diferenza é menor tras o quecemento global, así a corrente viaxa máis a modo e ademais as súas ondulacións son máis profundas o que provoca o estancamento do tempo na súa área de influenza. Mentres na primavera pasada a chuvia non paraba na fachada atlántica de Europa, en Oriente Medio chegaban aos 50ºC nunha situación, tamén, impropia da época. Neste inverno, que nos transforma en grises animais anfibios, podemos contemplar como o leste do continente norteamericano queda sepultado baixo sucesivas vagas polares ao mesmo tempo que en California sofren a maior seca en anos, mentres ondas de calor golpean Brasil ou Australia. Non todo eran señoritas en biquini e viños.

Os medios de comunicación maioritarios e convencionais informan das consecuencias da anómala situación mentres que da orixe dan explicacións superficiais

Ante esta situación climatolóxica, os medios de comunicación maioritarios e convencionais informan das consecuencias da anómala situación mentres que da orixe dan explicacións superficiais. Por iso, e tal e como acontecía en tempos de Franco, hai que recorrer á prensa estranxeira para entender o que está pasando, por exemplo podemos ler The Guardian esta nova asinada por un tal Nicholas Stern, membro da Grantham Research Institute on Climate Change and the Environment na London School of Economics e presidente da British Academy.

Non é cuestión facer un inventario sobre os danos que o cambio climático leva aparellados: mariñeiros e labregos xa comezan a intuílos. Menos coñecida é a mortalidade de aves mariñas no Cantábrico e Atlántico tras meses de temporais, por exemplo: problemas para a biodiversidade anuncian problemas para as persoas. Tan só un apunte, unha case inapreciable subida do nivel do mar modifica a altura de onda significativamente, o suficiente para destruír infraestruturas e bens no litoral: un paseo marítimo destruído, unha farola derrubada, simplemente non deberían estar aí, pero a teimosa ignorancia dos nosos representantes (e a nosa, claro) farán que se repoñan, quizais para distraer algún que outro sobre.

Mentres aos políticos, solucionar isto quédalles moi grande, a natureza ten preparada xa unha solución simple: o petróleo acabará bastante pronto polo que as emisións da súa queima diminuirán. Isto colapsará a civilización tal e como hoxe a coñecemos

E como nos peores pesadelos, as cousas poden ir a peor: o que causou o cambio climático foi sobre todo, a queima dos combustibles fósiles, carbón e petróleo. Mentres aos políticos, solucionar isto quédalles moi grande, a natureza ten preparada xa unha solución simple: o petróleo acabará bastante pronto polo que as emisións da súa queima diminuirán. Isto, por se aínda alguén non o sabe, colapsará a civilización tal e como hoxe a coñecemos, loxicamente, tamén a nivel económico. Xusto no momento que precisaremos unha inxente cantidade de recursos para facer fronte ao cambio climático. Non, parece que non nos decatamos: pais e nais afán aos seus nenos a ir en coche á escola, o Ministerio de Fomento pretende construír unha autovía máis a meseta (suxiro que valoren poñer un carril para cabalos e outros animais de tiro), a Xunta destrúe un dos mellores bancos de bivalvos na ría de Noia, fai circunvalacións e portos exteriores, grupos financeiros pretenden empregar o fracking para obter unha enerxía que nos dea uns segundos máis de vida... o pasotismo co que foi acollido o cambio climático reprodúcese agora co teito do petróleo.

O cambio climático era isto, afáganse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.