0 Gardados para despois

Alberte Blanco Casal

Euromaidán

A manipulación informativa que estamos padecendo en relación coa crise ucraína está alcanzado niveis só comparábeis coa intoxicación masiva acontecida para xustificar as intervencións occidentais en Libia e Siria, ou máis recentemente coas mobilizacións da dereita venezolana. Incluso hai articulistas que escribindo dende unha suposta imparcialidade dan unha visión na que amosan unha clara distorsión dos acontecementos —reducindo o conflito a unha película de bos e malos—, algo que calquera espectador medianamente informado pode refutar con facilidade, pero non aqueles que só se fixan nos titulares e nos vídeos de televisión.

A manipulación informativa que estamos padecendo en relación coa crise ucraína está alcanzado niveis só comparábeis coa intoxicación masiva acontecida para xustificar as intervencións occidentais en Libia e Siria

As consecuencias da situación en Ucraína veñen de lonxe e teñen a ver coa atropelada transición —na década dos 90 do pasado século— do modelo soviético ao voraz sistema capitalista. Nesa transición, liderada polo ex-soviético Leonid Kuchma, o país perdeu inicialmente preto do 60% do seu PIB, ademais de caer nunha avultada taxa de inflación. Xunto a ese grave deterioro económico implantouse un sistema administrativo cun alto nivel de corrupción apoiada nunha privatización masiva de propiedades públicas a favor da nova nomenclatura e baixo tutela occidental. Esta nova estrutura política foi o resultado do reparto do poder entre o vello establishment pro-ruso e os pro-occidentais, coincidindo co liderado de cada grupo na parte oriental e occidental do país, respectivamente. Ucraína tivo unha razoábel recuperación —tamén con Kuchma— a partir do 2000, pero á UE interesáballe un goberno decidido a integrar rapidamente á fértil e poboada Ucraína na Unión Europea converténdoa nun dócil cliente das multinacionais europeas e americanas como ocorrera con outros países do leste.

Así foi como —nun intento de apartar definitivamente o sector pro ruso do poder— Occidente, a través —entre outros— do financeiro internacional George Soros e a súa Open Society, lanzou en 2004 a Revolución Laranxa que instalou no poder a Víktor Yúshchenko como presidente e a Yúliya Timoshenko de primeira ministra. Estes presentáronse ao pobo como a garantía de democracia e de loita contra as mafias, pero ao pouco tempo —apenas uns nove meses despois da súa vitoria electoral— esta revolución entrou en crise con acusacións mutuas de corrupción e incumprimento de programa converténdose esa etapa nun gran desengano para os cidadáns que acabaron dándolle as costas. Despois duns gobernos de transición chega á presidencia en 2010 Viktor Yanukóvich, con experiencia nos antigos gobernos de Kuchma, mais tamén de Yúshchenko. A dependencia enerxética de Rusia e o duro axuste económico esixido pola UE para a súa integración van perfilando politicamente as opcións de futuro no país ponderando o goberno actual como máis viábel unha posición de colaboración comercial independente con Europa e Rusia sen sacrificar o seu débil tecido económico.

Nin a posición de equilibrio do goberno nin o debate democrático lle interesa á UE nin a Estados Unidos que soñan con instalar a Ucraína na OTAN e poñer a Rusia de xeonllos

Chegados a este punto, o que procedería sería un debate político no país avaliando os prós e os contras da posíbel integración na UE e decidindo, en calquera caso, mediante referendo cal é a opción maioritaria da poboación. Iso sería o esperábel de forzas democráticas. Pero, non nos enganemos, nin a posición de equilibrio do goberno nin o debate democrático lle interesa á UE nin a Estados Unidos que soñan con instalar a Ucraína na OTAN e poñer a Rusia de xeonllos.

Occidente pensou que chegara o momento de facer algo e —cos antigos políticos da revolución laranxa desprestixiados ou procesados— non tivo reparos en orquestrar unha nova revolta, a Euromaidán —en márqueting non hai que lle gane aos mercados—, para que Ucraína ingresase na UE, polas boas ou polas malas. Así, fronte á posición de cautela do goberno o que fai a oposición é esixir a dimisión do Presidente e a integración en Europa como única opción. Algo incríbel dende unha óptica democrática, e moi difícil de explicar, cando todo o aparello comunitario está notablemente desprestixiado ante os propios europeos e a crise económica estase a cebar con moitos millóns de cidadáns, especialmente os do sur e leste do continente.

Occidente pensou que chegara o momento de facer algo e non tivo reparos en orquestrar unha nova revolta, a Euromaidán —en márqueting non hai que lle gañe aos mercados—, para que Ucraína ingresase na UE, polas boas ou polas malas

Sen embargo, mais alá da mobilización lexítima e pacífica de milleiros de cidadáns, unha parte significativa dos manifestantes está actuando dunha maneira extremadamente violenta sen que se reflicta para nada nos principais medios occidentais. Todos puidemos ver o desfile de centos de manifestantes enmascarados e armados con cascos militares, escudos, barras de aceiro e centos de adoquíns arrincados da famosa Praza Maidán. Incluso puidemos asistir a unha montaxe televisiva onde se simulou un maltrato policial a manifestantes cando en realidade algún dos falsos policías era un coñecido opositor disfrazado co uniforme oficial da policía ucraína. Amais diso tamén soubemos de asaltos á edificios públicos, a comisarías e depósitos de armas, sen contar as ducias de activistas islamitas vidos de Chechenia e Siria, estraños aliados dos cristiáns ortodoxos ucraínos. Á luz desta información o actual conflito non parece serio presentalo coma un mero enfrontamento entre manifestantes pacíficos e desarmados fronte ao aparello policial.

Se o Presidente Víktor Yanukóvich non é un exemplo de político inmaculado —en calquera caso é o presidente democrático elixido polos ucraínos en 2010 fronte a todos os demais candidatos nunhas eleccións libres—, que dicir dos abandeirados da democracia do Euromaidán

Se o Presidente Víktor Yanukóvich non é un exemplo de político inmaculado —en calquera caso é o presidente democrático elixido polos ucraínos en 2010 fronte a todos os demais candidatos nunhas eleccións libres—, que dicir dos abandeirados da democracia do Euromaidán. Algúns dos seus referentes son o antigo colaborador nazi Stepán Bandera e outros símbolos das SS. O ex boxeador Vitali Klichkó, financiado polo partido de Merkel, ou o ultra de tendencia nazi Oleg Tiagnibok do movemento Svoboda poden ser considerados como un exemplo de demócratas? O que se pode dicir é que teñen moi boa relación coa embaixada americana en Kiev e que os democráticos Estados Unidos non lle fan ascos a nazis e a guerrilleiros urbanos de extrema dereita se iso é bo para os seus intereses.

A última noticia é que a oposición non respectou o acordo asinado o día 21 entre os seus líderes parlamentarios e o presidente ucraíno. Ademais, o parlamento ante a presión de centos de ocupantes violentos acaba de mudar a Constitución sen sometela a referendo, coma se fose unha lei máis. Terá esta estraña conduta o respaldo da UE? En Ucraína, lamentabelmente, todo parece indicar que está en curso un golpe de estado —baixo a aparencia de revolución popular— dirixido pola embaixada americana e algunhas europeas, cuxas consecuencias son aínda difíciles de predicir, pero que, en calquera caso, serán moi graves para Ucraína e para toda Europa se as autoridades lexítimas non son capaces de reconducir a situación.

Acerca de Alberte Blanco Casal

Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.