0 Gardados para despois

Ana Luísa Bouza

9M. As mulleres decidimos

Como teño xa una certa idade, na miña posición sobre a lei do aborto súmase ao ideolóxico a experiencia vivida, a propia e a doutras mulleres que coñezo. Lembro nos primeiros 80, as veces que colaborei en xuntar cartos para pagar o aborto dalgunha amiga ou acompañala a Portugal a unha clínica tamén ilegal. Eran tempos da clandestinidade, nos que as mulleres que abortaban incorporaban na súa vida un secreto estigmatizante, nos que puñan en perigo a súa vida e a súa liberdade. Antes da lei do 85, abortar en Galiza podía supoñer a cadea, pero iso non disuadiu do aborto a ninguén que eu coñecera, era simplemente un obstáculo a superar, cuestión fundamentalmente de cartos e de contactos. Debo recoñecer que xunto coa solidariedade daquelas colaboracións, sentía un certo reproche, como non tiveran máis coidado? Como non o tiñan evitado?

Antes da lei do 85, abortar en Galiza podía supoñer a cadea, pero iso non disuadiu do aborto a ninguén que eu coñecera, era simplemente un obstáculo a superar, cuestión fundamentalmente de cartos e de contactos

Até que, xa coa lei do 85 en vigor, tocoume a min. Por circunstancias da vida, un embarazo desexado converteuse nun día, nunha hora, nun compromiso imposible de asumir, e decidín abortar. Tomei a decisión sen considerar a súa legalidade, era o meu corpo e a miña vida e decidín, sabendo que algunha amiga pensaría de min "como non tivo máis coidado?". A lei permitíame abortar só en tres situacións, violación, malformación do feto ou grave perigo para a miña saúde física ou psíquica. A realidade é que no meu caso non se cumprían ningún dos tres supostos. A lei do 85 non atendía a realidade social, os tres supostos que despenalizaba, hoxe sabémolo, supoñen menos do 10% dos abortos, o resto seguían a ser tan ilegais como antes. Pero a sociedade era outra.

Eu abortei legalmente porque un médico asinou que corría grave perigo a miña saúde mental. Non era a clandestinidade, non parecía que correramos perigo de ir á cadea, pero era unha mentira e unha concesión, non un dereito. Era unha fraude

Coa combinación da presión feminista, das demandas das mulleres, da disposición de milleiros de profesionais, da visión de negocio das clínicas…, creouse e normalizouse un sistema de fraude ou engano xeneralizado á lei. Eu abortei legalmente porque un médico asinou que corría grave perigo a miña saúde mental. Non era a clandestinidade, non parecía que correramos perigo de ir á cadea pero era unha mentira e unha concesión, non un dereito. Era unha fraude. Podíase volver contra profesionais e mulleres en calquera momento.

A lei de 2010 marca tamén uns límites, toda liberdade individual ten límites, mais esta vez non son límites arbitrarios, non é a opinión doutra persoa, non provocan fraudes nin mentiras

Hai anos que a miña experiencia directa redúcese a participar en debates e mobilizacións. Máis aínda coa aprobación da lei de 2010 que recoñece ás mulleres o exercicio do noso dereito a decidir por nos nas primeiras 14 semanas do embarazo, que recoñece a capacidade, a liberdade e a responsabilidade que sustentan ese exercicio. Que marca tamén uns límites, toda liberdade individual ten límites, mais esta vez non son límites arbitrarios, non é a opinión doutra persoa, non provocan fraudes nin mentiras. Porque non é clandestino sabemos que en 2012 abortaron en Galiza 3655 mulleres, 3418 fixérono antes da semana 13 de xestación, o 93,5%.

Non se trata xa de perseguir o aborto e exculpar supostos, trátase de procurar ás mulleres o exercicio en liberdade da súa maternidade que a ONU asume dende 1995: "Os dereitos humanos das mulleres inclúen o dereito a ter o control e a decidir libre e responsablemente sobre a súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, libre de presións, discriminación e violencia". Sitúanos nun marco legal semellante ao da media europea. Abre o debate sobre outras cuestións relacionadas, que estaban en segundo plano pero moi importantes como a educación sexual, a prevención de embarazos non desexados e a regulación da obxección de conciencia de profesionais da saúde involucradas. A lei 2/2010 vai da man da realidade.

Dende o principio, o lobby radical católico español reaccionou contra esta lei. Prodúcense continuas inxerencias da xerarquía católica, manifestacións e escraches ás mulleres diante das clínicas,  interponse un recurso de inconstitucionalidade do PP ante o Constitucional que está aínda pendente de resolución e que non impediu que a lei entrara en vigor, a Xunta encarga á Red Madre o traballo de información preceptiva para mulleres que abortan ao tempo que reorienta os Centros Quérote e recorta os recursos do Centros de Orientación Familiar. Coa chegada ao goberno do Estado, o PP anuncia o cambio da lei e finalmente presenta a súa alternativa: non se trata de derrogar a vixente lei, senón de crear un novo marco máis restritivo que o do 85, un marco no que o 95% dos actuais abortos serían ilegais: volver á clandestinidade.

Unha parte do PP desvincúlase del e reivindica a lei do 85 ("consenso intelixente" chámalle Feijóo) sen advertir que, se a lei do 85 funcionaba, era porque non se cumpría, e que non é socialmente aceptable volver a aquela situación

Esta ameaza de contrarreforma está a producir un gran rexeitamento social. Dende o movemento feminista, como era de agardar, dende instancias da UE porque incumpriría as súas recomendacións a Estados membro e diversos tratados internacionais asinados por España, dende a sociedade en xeral segundo indican as enquisas de opinión, e dende diversidade do espectro político. Demándase a retirada do proxecto. Incluso unha parte do PP desvincúlase del e reivindica a lei do 85 ("consenso intelixente" chámalle Feijóo) sen advertir que, se a lei do 85 funcionaba, era porque non se cumpría, e que non é socialmente aceptable volver a aquela situación.

A presión social non é inútil, ten adiado a tramitación da lei, agudizando as contradicións internas do PP e o medo ás consecuencias da súa aprobación en termos electorais. O éxito de diversas revoltas pacíficas que paralizan procesos como a venda de hospitais en Madrid, o bulevar de Gamonal ou a mina de Corcoesto, mostran o camiño, e se algún movemento social sabe como combinar persistencia e creatividade é o feminismo: o rexistro dos corpos, as performances, o recurso ao Valedor, as pancartas e outra iniciativas están a conseguir que o tema se manteña na axenda, que cada día sexa máis difícil para o PP defender a contrarreforma.

O éxito de diversas revoltas pacíficas que paralizan procesos como a venda de hospitais en Madrid, o bulevar de Gamonal ou a mina de Corcoesto, mostran o camiño

Poderán cambiar a lei, teñen maioría no Congreso para facelo, pero esa lei será incumprida, non pola porta de atrás, con mentiras e fraudes, ao seu estilo, senón polo exercicio da desobediencia ante unha lei inxusta. Profesionais que declaran publicamente que seguirán a facer abortos porque a clandestinidade poñerá en risco a vida das mulleres que non teñan medios para ir fora, ou asociacións de mulleres que están a organizar redes internacionais de acompañamento e financiamento de abortos en países onde é legal son unha mostra da rede de insubmisión que se está a organizar.

Este 9 de marzo en Compostela, saíndo á rúa, teremos unha nova oportunidade de mostrar  que non imos volver ao pasado. As mulleres decidimos! O Estado garante! A sociedade respecta! A Igrexa non intervén!

Acerca de Ana Luísa Bouza

Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, Informática de profesión. Deputada no Parlamento galego entre 2009 e 2012, Directora de Igualdade da Xunta entre 2005 e 2009. Membro do Consello de redacción da revista feminista Andaina.