0 Gardados para despois

Manoel Santos

Heroes

Hai unha semana visitou a Galiza nosa Mamadou Dia, un mozo senegalés que en maio de 2006, con a penas 23 anos, decidiu xunto con outros oitenta irmáns africanos embarcar nun caiuco ao sur de Dakar. O obxectivo, as illas Canarias. Viaxou, coma tantos, “atraído polo desolado soño do inexistente Dorado que Occidente lles vendeu”, que dicía Thomas Sankara. E logrouno. Tras oito días de penurias, nos que perderon un deses aventureiros polo camiño, arribou a La Gomera. “El Dorado”? Non había tal.

Hai unha semana visitou a Galiza nosa Mamadou Dia, un mozo senegalés que en maio de 2006, con a penas 23 anos, decidiu xunto con outros oitenta irmáns africanos embarcar nun caiuco ao sur de Dakar

Dia relatou sete anos despois a súa historia nun libro, 3052. Perseguindo un soño, co que agora dá intensas e intelixentes paroladas sobre as causas que levan aos migrantes africanos a arriscar a vida dese xeito, sobre as insufríbeis condicións que se atopan os que chegan e, especialmente, sobre a necesidade de que os africanos e as africanas entendan que o seu futuro está en África, que alí teñen oportunidades. Entrementres, prepara a súa viaxe de volta, logo de fundar, grazas á recadación do libro, unha ONG –Hahatay– para levar proxectos de ecodesenvolvemento á súa xente de Gandiol, unha ampla comunidade rural do norte de Senegal. Hahatay son risas en Gandiol.

O pasado venres espertamos, case como cada día, con titulares e artigos na prensa que máis que informar fomentan o odio e a incomprensión humana. A Europa Fortaleza na súa máxima expresión. “Un centenar de sin papeles salta la valla fronteriza y logran llegar a Melilla”, di El País. “El mayor asalto a la valla desde 2005”, relatan en El Mundo. “Asalto masivo”, escriben en La Razón. Fálannos de mafias, de presión migratoria, de lanzamento de “pedras, paos e botellas” aos axentes da Guardia Civil. Si, aos dese corpo de seguridade que hai tres semanas os recibiu a tiros nas augas de Ceuta. Quince mortos. Quince asasinatos.

En Senegal, como en moitas outras partes de África, o modelo de empresas mixtas e a venda de dereitos de pesca eliminou en só 15 anos toda a pesca local e con ela o principal medio de obtención de proteínas desas comunidades

Dia, que ten unha privilexiada cabeza, cóntanos no seu libro como súa nai, Khadija, tiña hai anos dúas pateras e era vendedora de peixe. Así lograba manter, con dificultades mais con dignidade, unha familia tradicional polígama de 25 irmáns. Grazas a ela Dia logrou, por exemplo, diplomarse na Universidade Cheikh Anta Diop de Dakar. Pero especialmente a partir da década de 1990, a chegada de empresas españolas e chinesas dedicadas á pesca, en conivencia con inefábeis gobernos de aquí e de alá e esas institucións financeiras internacionais que matan coa arma da débeda, enviaron á familia de Dia e a todo Gandiol a xogar coa miseria. “Quen organizan as viaxes en Senegal son de todo menos mafiosos. Mafiosos son os gobernos que asinaron os contratos para limpar o fondo marítimo senegalés. Isto trouxo como consecuencia que cando xurdiu a oportunidade de marchar a Europa en caiuco, aproveitaran para en lugar de ir pescar, porque non había peixes, facer negocio coas súas barcas”, afirma Mamadou.

O libro de Dia Mamadou está escrito en memoria dos, como mínimo, 17.000 mozos e mozas de África que deixamos morrer, quer no mar quer no deserto, tan só entre 2000 e 2009

E o certo é, que segundo datos do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG), en Senegal, como en moitas outras partes de África, o modelo de empresas mixtas e a venda de dereitos de pesca eliminou en só 15 anos toda a pesca local e con ela o principal medio de obtención de proteínas desas comunidades. Exterminouse o equilibrio sociocultural da rexión e o medio de vida de máis de 47.000 familias dedicadas á pesca artesanal só no Senegal. O dato, coido eu, non estaría de máis para completar a “información” xornalística que disque nos achegan.

O libro de Dia Mamadou está escrito en memoria dos, como mínimo, 17.000 mozos e mozas de África que deixamos morrer, quer no mar quer no deserto, tan só entre 2000 e 2009. Dous centos deles eran de Gandiol. Só procuraban unha oportunidade. “Quen nos impiden vivir en África son os mesmos que nos impiden vivir en Europa ou en calquera curruncho do mundo, os capitalistas, as multinacionais, os bancos…”, escribiu no seu día o antedito Sankara.

Son heroes. Heroes africanos. Heroes chegados do berce da humanidade. E aos heroes nin se lles despreza, nin se lles detén, nin se lles dispara. Aos heroes réndeselles homenaxe. Aos heroes abrénselles as portas

Non falamos pois de “sen papeis”, nin de “clandestinos”, nin de “ilegais”, nin de “delicuentes”, e oito menos de “ladróns de benestar”. Non. Os que chegan e os que quedaron no intento non son nada diso. Son heroes. Heroes africanos. Heroes chegados do berce da humanidade. E aos heroes nin se lles despreza, nin se lles detén, nin se lles dispara. Aos heroes réndeselles homenaxe. Aos heroes abrénselles as portas.

 

Máis información, neste enlace

Acerca de Manoel Santos

Manoel Santos (1969). Orixinario de Corrubedo. É biólogo especialista en ecosistemas e recursos ecolóxicos e produtor editorial. Militante ecoloxista e altermundista. Fundador e director de Altermundo, foi un dos promotores do Foro Social Galego e participa dos procesos do Foro Social Mundial e do Foro Mundial de Educación.