A destrución do público

O coñecemento da case totalidade do sumario aberto no chamado caso Pokemon está provocando diversos comentarios sobre as actuacións desenvolvidas por distintos representantes políticos e directivos empresariais. Non existe, en troques, a mesma intensidade analítica sobre dúas cuestións relevantes vinculadas a este episodio: o papel das empresas privadas que prestan servizos públicos en réxime de concesión e o comportamento de certos funcionarios da administración local.

As vindeiras eleccións municipais constitúen unha boa ocasión para reflexionar a respecto das virtualidades e dos riscos asociados aos distintos modelos de xestión dos servizos públicos residenciados nos concellos

As razóns básicas tradicionalmente utilizadas para xustificar o sistema concesional na prestación de certos servizos públicos concrétanse na maior flexibilidade que proporciona tal mecanismo e na superior eficiencia do mesmo. Seguindo esta lóxica argumental, as administracións municipais non terían que soportar as rixideces derivadas da loxística de medios humanos e materiais que requiriría a eventual xestión pública e asumirían un menor custe como consecuencia da fórmula elixida. As prácticas empresariais exhibidas por Vendex e Aquagest nas distintas peripecias recollidas neste sumario xudicial desmenten radicalmente a presunta superioridade derivada da presenza de xestores privados. As vindeiras eleccións municipais constitúen unha boa ocasión para reflexionar a respecto das virtualidades e dos riscos asociados aos distintos modelos de xestión dos servizos públicos residenciados nos concellos. En todo caso, a experiencia da Pokemon esixe revisar a situación vixente e implantar novas fórmulas de control das instancias públicas sobre todas as empresas que teñan encomendada a prestación daqueles servizos públicos cuxas características concretas xustifiquen a realización de semellante procedemento.

Para esa viaxe non se xustifica a pertinencia do status funcionarial. Abondaría con que cada equipa gobernamental practicase un recrutamento do persoal requirido para o desenvolvemento dos seus proxectos

Nas páxinas que imos coñecendo correspondentes a esta instrución xudicial atopamos exemplos totalmente antagónicos protagonizados por funcionarios públicos. Nalgúns casos –secretario e interventora do concello de Santiago- o comportamento foi o que cabe agardar nas persoas que desempeñan esas responsabilidades: asegurar o cumprimento das normas legais e non aceitar as chantaxes ou as presións dos cargos políticos que pretenden corromper os procesos de funcionamento da administración. Lamentabelmente, no sumario hai diversas imputacións sobre empregados públicos que traspasan a fronteira da legalidade e da ética para obter beneficios particulares do seu traballo como xestores dos recursos aportados pola cidadanía. A gravidade que se deriva desas actuacións irregulares resulta indiscutíbel por canto cuestiona a propia existencia dos corpos funcionariais. Se no canto de asegurar que as institucións  actúan ao servizo dos administrados sen hipotecas clientelares, as persoas que traballan estabelmente nas tarefas máis relevantes do aparello administrativo practican o favoritismo discrecional ou asumen unha dependencia expresa dos intereses de certas empresas ou de determinados representantes políticos, a conclusión está servida: para esa viaxe non se xustifica a pertinencia do status funcionarial. Abondaría con que cada equipa gobernamental practicase un recrutamento do persoal requirido para o desenvolvemento dos seus proxectos. Con tal dinámica, como é obvio, non ficaría garantida a primacía dos intereses dos contribuíntes. 

Os episodios de corrupción teñen efectos demoledores sobre a confianza da sociedade no sistema político mais tamén provocan consecuencias destrutivas sobre o prestixio da xestión dos recursos públicos e favorecen, indirectamente, as pretensións privatizadoras que manteñen importantes e poderosos grupos de presión económicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.