Sarria ten río

O primeiro merlo acuático que lle ensinei a miña filla maior cantaba baixo a ponte que leva a Samos, no malecón de Sarria. Supoño que este tipo de cousas non lle interesan a ninguén, máis alá da miña familia e un bo puñado de amigos afeccionados a observar aves e amantes da natureza en xeral. Pero a min gústame contalo, claro, e son cousas que sei que non vou esquecer nunca.

Con Sarria únenme relacións de veciñanza familiar pois o meu pai non era de moi lonxe e a vila sempre foi unha referencia. E ségueo a ser por máis cuestións que non veñen ao caso.

O merlo acuático é unha pequena ave cun aspecto que lembra a unha monxa (busquen imaxes e verán que non é broma). Está considerado como un bioindicador de calidade de augas pois para vivir precisa de ríos con augas rápidas, osixenadas, frías, onde atopa pequenos invertebrados acuáticos mergullándose incriblemente. É sinxelo de observar alí onde o hai, así que animo a facelo a aqueles que vivan en Sarria ou por alí se acheguen. Incrementarán así os seus coñecementos ornitolóxicos e naturalísticos e poderán apreciar o extraordinario luxo que é ter unha especie así nun río en pleno centro dunha vila. Non é preciso que veña un organismo oficial nin consultor ningún a plantar un cartel que poña "río de calidade extraordinaria ".

Teñen un río caralludo, por que queren rebentalo? Menos árbores significa máis sol na auga, incremento da temperatura e conseguinte descenso do osixeno e os macroinvertebrados e o merlo acuático non teñen a culpa. Tampouco as troitas

Non coñezo os detalles da operación de tala de árbores en Sarria, nin quero coñecelos, a estas alturas prefiro só cabrearme o mínimo posible polo que administro con cautela as doses de tóxicos gobernamentais que me obrigan a chutarme. Agora ben, está claro que a administración responsable do río, a Confederación Hidrográfica, ignora todo sobre o merlo acuático e non é moi comprensible: ninguén toleraría un médico que ignorara todo sobre a tensión baixa, o colesterol alto ou que é a osteoporose. Teñen un río caralludo, por que queren rebentalo? Menos árbores significa máis sol na auga, incremento da temperatura e conseguinte descenso do osixeno e os macroinvertebrados e o merlo acuático non teñen a culpa. Tampouco as troitas. Un encauzamento (práctica tan anacrónica como cara e absurda) ten outros efectos como é a modificación da velocidade da corrente coa conseguinte erosión augas abaixo e incremento do risco de inundacións. Iso por non falar do que supón ter un corredor ecolóxico en plena vila.

Hai dúas tipoloxías de organismos que teñen cartos sempre, cartos de máis, cartos que non deberían ter. Unha tipoloxía é a Dirección Xeral de Costas e outra a das Confederacións Hidrográficas

Penso nos recortes económicos en todas as administracións. Non son iguais para todos. Hai dúas tipoloxías de organismos que teñen cartos sempre, cartos de máis, cartos que non deberían ter. Unha tipoloxía é a Dirección Xeral de Costas e outra a das Confederacións Hidrográficas, pragadas de enxeñeiros que se non gastan, se non fan, se non constrúen ou cementan non están tranquilos, vai no seu ADN. E esta codificación xenética agride directamente ao medio natural e aos cidadáns, ao seu peto e a súa calidade de vida. Sabíao Cristina Narbona (case o único decente que tivo aquel partido político) e quixo darlle outro aire a estes organismos. Durou de ministra o que durou.

Verán, conservar a natureza, preservar a biodiversidade, nun planeta con máis de 7.000 millóns de persoas é moi difícil, sobre todo tendo en conta o que queremos, como e cando o queremos, somos unha especie intelixente, pero non tanto como para planificar o futuro seriamente, sociais pero con condicións–a tribo manda- polo que temos unha limitada intelixencia social, insolidarios interxeneracionais case por sistema, etc pero hai veces en que facer as cousas ben é sinxelo, significa non facer nada. Neste caso, deixen esas árbores tranquilas. Outras veces é deixen ese bosque tranquilo, deixen esa beiramar sen tocar, etc. Non, non hai que gastar, non hai que redactar nin debuxar ningún proxecto de enxeñería. Collan os cartos que costa facer tamaña estulticia e invístannos no Centro de Saúde, nas escolas, en coidar o patrimonio cultural, en acoller á colonia de inmigrantes, en desenvolver un plan de turismo ornitolóxico, en facer unha festa. Algo útil, positivo.

Collan os cartos que costa facer tamaña estulticia e invístannos no Centro de Saúde, nas escolas, en coidar o patrimonio cultural, en acoller á colonia de inmigrantes, en desenvolver un plan de turismo ornitolóxico, en facer unha festa

Sarria é un sitio que invito a coñecer. Ten unha zona nova na parte baixa e moderna da vila, despersonalizada, de ladrillo rápido e anárquico, moi ao gusto galego dos 70 e 80, pero incluso alí pódese dar un paseo polo río, pararse e escoitar a auga e un coro de aves no que destaco ese merlo acuático. Aí mesmo pódese tomar unha caña ou un café e mentres pensar en porqué esa zona se chama a Ciguñeira. Podemos ir ata a casa Grande e admirar a súa arquitectura. Logo recomendo subir á parte vella da vila, ca sua torre do antigo castelo dominando ás vistas. Certo é que xa non podemos degustar un milfollas na confeitería Matías. Se van en primavera verán e desfrutarán de centos de vencellos enchendo o aire de sons, de grallas pequenas patrullando os tellados e mesmo dunha aguia calzada asustando as pombas. Uns metros máis (literalmente) e pódese un internar nunha carballeira que xa quixeran en Sherwood. Uns quilómetros máis e poñémonos en Samos e Triacastela, podemos camiñar polo Oribio (antes de que o destrúan cun parque eólico) ou pasear entre Céltigos e Ronfe, etc.

Ata hoxe en Sarria hai río, non unha canle

Cortando unhas árbores non van a acabar con Sarria, non, nin moito menos. Simplemente diminuirán súa calidade de vida e a calidade ambiental do río, o que nos custará un pastón, e todo por non facerse dúas preguntas básicas, por que e para que. Ata hoxe en Sarria hai río, non unha canle.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.