Crisis? What Crisis?

O capitalismo non colapsa. Que non por moito insistir, unha falsidade transmuta en verdade. Os dados son teimudos e cómpre botarlles unha ollada.

A actual crise económica estase a cebar con algúns países, mais non afecta por igual a todos. Ten tocado especialmente aos países ricos, porén os países pobres están a saír indemnes. Os dados do Banco Mundial así o reflicten. A taxa de crecemento anual media da Renda Nacional Bruta mundial per cápita en paridade de poder adquisitivo diminuíu do 4,72% no período 1992-2007 ao 2,83% no período 2007-2010. Agora ben, por grupos de países, clasificados segundo a súa renda per cápita, as experiencias son moi diversas. Os países de renda alta pasaron do 4,42% ao 0,85%, os de renda media alta do 6,85% ao 6,51%, os de renda media baixa do 5,50% ao 5,71% e os de renda baixa do 4,94% ao 5,60%.

É dicir, a crise económica concéntrase nos países ricos. Os países pobres están agora mesmo a crecer mais que antes da crise. Por tanto, é estritamente incorrecto falar dunha crise económica mundial

É dicir, a crise económica concéntrase nos países ricos. Os países pobres están agora mesmo a crecer mais que antes da crise. Por tanto, é estritamente incorrecto falar dunha crise económica mundial e, ademais, estamos a asistir, agora mais que nunca, a un intenso proceso de converxencia económica entre ricos e pobres.

E non todos son iguais entre os ricos. Así, a Renda Nacional Bruta per cápita española en paridade de poder adquisitivo pasou de crecer a un ritmo un pouco superior ao 5% anual no período 1992-2007 a practicamente cero no 2007-2010. Houbo moitos países ricos onde o parón tamén foi notorio, mais noutros non foi tanto. Por exemplo, Alemaña pasou do 3,7% ao 1,6%, Dinamarca do 4,4% ao 1,8% e Austria do 3,8% ao 1,9%. Reducións, si, mais non tan brusca como a padecida pola economía española. Onde mais se perceben as diferenzas é na taxa de desemprego. A taxa de desemprego española foi do 21,7% no 2011 mentres que a media da Eurozona foi do 10.2%. Duplicamos a media, non está mal, aínda que non sexa para se sentir orgulloso.

O pesadelo do mercado de traballo español non se vive en ningures, coa excepción de Irlanda, que aínda así estaba no 14,6% no 2011, bastante por debaixo de España

No ano 2007 a taxa de desemprego española era do 8,3% e a media da Eurozona era 7,6%. É dicir, durante a crise económica a taxa de desemprego española incrementouse un espectacular 161%, mentres que a media da Eurozona só o fixo un 34%. As comparacións son aínda mais odiosas se centramos a atención nalgúns países. Austria tiña un taxa de desemprego do 4,4% no 2007 e seguiu sendo a mesma no 2010 (non hai dados anuais dispoñíbeis en Eurostat para Austria no 2011), Alemaña, sorpréndase, tiña unha taxa de desemprego do 8,7% no 2007 e no 2011 esta baixou ao 5,9%, en Holanda era do 3,6% e pasou ao 4,4%. O pesadelo do mercado de traballo español non se vive en ningures, coa excepción de Irlanda, que aínda así estaba no 14,6% no 2011, bastante por debaixo de España.

Todos estes dados mostran que a crise económica actual está sendo especialmente intensa no noso país. A razón é que obedece en grande medida a aspectos idiosincráticos que compre ter en conta. A economía española estivo a crecer desde mediados dos noventa a cabalo do sector turístico e o sector da construción –ambos sectores cun potencial limitado para o crecemento da produtividade- importando man de obra barata. Como unha consecuencia, durante todo este tempo a produción por traballador e a produtividade total dos factores –unha medida da innovación e o progreso tecnolóxico- permaneceron practicamente estancadas.

Amparados pola ficticia riqueza da burbulla, os responsábeis non emprenderon a tempo as reformas necesarias para mellorar a competitividade da economía española. E agora estamos a pagar as consecuencias

Mentres durou a burbulla inmobiliaria, un sentimento de riqueza inundou o país, acochando todas as deficiencias estruturais da nosa economía. Cando a burbulla esbourou, puxéronse de manifesto, especialmente as dun mercado de traballo esclerótico que produce un enorme stock de desempregados tan pronto veñen mal dadas. Amparados pola ficticia riqueza da burbulla, os responsábeis non emprenderon a tempo as reformas necesarias para mellorar a competitividade da economía española. E agora estamos a pagar as consecuencias.

Aínda agora, cunha crise que ninguén vivo neste país vira antes, moitos seguen sen coller o touro polos cornos. Bótanlle a culpa ao capitalismo mundial. É o capitalismo que está ao borde do colapso, proclaman. Non, señores, non é o capitalismo, somos nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.