Que pasa en Venezuela?

Levamos moitos anos recibindo unha información sobre Venezuela que transmite unha imaxe de atraso económico, falta de liberdade, escaseza de alimentos e produtos básicos, violencia e caos. Informacións que distribúen axencias de noticias internacionais, baixo a influencia de Estados Unidos. Como contraste, hai un silencio absoluto sobre a falta de liberdade en Xordania, Dubai, Arabia Saudí, Honduras, etc. Curiosamente, difúndese esa imaxe de violencia, desgoberno e caos, de países como Venezuela, Bolivia, Ecuador, Perú, El Salvador etc. onde a esquerda avanza e logra derrotar en eleccións democráticas a gobernos corruptos e vendidos os intereses do imperialismo.

Difúndese esa imaxe de violencia, desgoberno e caos, de países como Venezuela, Bolivia, Ecuador, Perú, El Salvador etc. onde a esquerda avanza

Este mesmo mes de marzo o sacerdote xesuíta panameño Jorge F. Sarsaneda del Cid formulaba na rede unha serie de preguntas, que contiñan datos interesantes para coñecer un pouco mellor a situación de Venezuela. Por outra banda, Vicenç Navarro, catedrático de Ciencias Políticas y Políticas Públicas da Universidad Pompeu Fabra, tamén escribía sobre esa manipulación informativa no artigo “El ataque mediático contra os gobernos de Venezuela e Ecuador”, que escribía en publico.es. A manipulación chega a tal extremo que se difundiron imaxes falsas de torturas, asasinatos y vexacións despois dos incidentes do 12 de febreiro de 2014 (aparecen nas redes sociais e en medios como CNN) cando, en realidade, eran de Chile, Europa ou Siria.

Falaba Vicenç Navarro do publicado na revista Extral de EEUU, que recolle algunhas das mentiras e manipulación sobre Venezuela. Así, para demostrar que en Venezuela non hai democracia, The New York Times difundía o pasado 24 de febreiro que só había un canal de televisión crítico co goberno de Nicolás Maduro. É unha falsidade porque a maioría das televisións son privadas, co 75% de audiencia, e na súa gran maioría contrarias ao goberno, como recollía o Carter Center no seu informe sobre as eleccións presidenciais de Venezuela en abril de 2013.

Os ataques diríxense tamén, ultimamente, cotra o goberno de Rafael Correa en Ecuador porque puxo en marcha unha lei que ten como obxectivo acabar co monopolio na propiedade dos medios de comunicación

Os ataques diríxense tamén, ultimamente, cotra o goberno de Rafael Correa en Ecuador porque puxo en marcha unha lei que ten como obxectivo acabar co monopolio na propiedade dos medios de comunicación. Como informaba Xornalistas sen Fronteiras (Reporters without Borders, RWB), a lei actual substitúe a outra imposta polo réxime ditatorial nos anos setenta.

Propagouse até a saciedade a falta de alimentos, que había fame e problemas sanitarios. Sarsaneda explicaba que, segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO) e a Organización Mundial da Saúde (OMS), Venezuela era en 2012 un dos catro países de América Latina con menos fame, cunha taxa de menos do 5% da poboación, que contrasta, por exemplo, co 12,6% de Colombia. A escaseza de alimentos non era xeneralizada, senón que estaba limitada ao 28% dos produtos. Curiosamente, as protestas por esa escaseza centrábanse na Praza Altamira, nunha zona de urbanizacións de clases acomodadas. Por outra parte, esas axencias non difunden que na República Dominicana o 70% da poboación non ten diñeiro para mercar a comida do mes.

Venezuela era en 2012 un dos catro países de América Latina con menos fame, cunha taxa de menos do 5% da poboación, que contrasta, por exemplo, co 12,6% de Colombia

Máis do 42% do orzamento do Estado destínase a investimentos sociais. Venezuela foi declarada libre de analfabetismo pola Unesco en 2005. Cando chega Chávez ao poder, o Programa de Alimentación Escolar atendía en 1999 a 252.284 nenos e nenas e chega a máis de 4 millóns no ano 2009. Multiplicouse por cinco o número de mestres nas escolas públicas, pasando de 65.000 a 350.000.

Difúndense a diario protestas e marchas de estudantes (ás veces, trátase de focos ou grupos de decenas ou, como moito, centos de persoas, que nos ataques a instalacións universitarias provocaron danos valorados polo goberno en 7.250 millóns de euros), mais non se informa de que Venezuela ten 2,6 millóns de estudantes en educación superior (o 75% é pública) e que nos últimos anos se crearon 11 novas universidades. A Unesco recoñece a Venezuela como o quinto país do mundo en porcentaxe de matrícula universitaria, que creceu un 800% cos gobernos de Chávez e Maduro.

O acceso á sanidade pública é universal e gratuíto. A taxa de mortalidade infantil era en 1998 de 21,36 (por cada 1.000 nenos menores dun ano) e pasou a 13,95 en 2010. Reduciuse un 39% a taxa de mortalidade por tuberculose. En 1998 só o 81% da poboación tiña acceso a auga potable, que chega o 96% en 2010. Segundo dados de organismos internacionais, cinco millóns de persoas saíron da pobreza nos últimos anos. A esperanza de vida pasou de 72,16 anos en 1998 a 74,30 en 2011. O informe Estado de las Ciudades de América Latina y El Caribe 2012, publicado pola ONU, recolle que Venezuela e Uruguai, con gobernos progresistas, son os dous países da rexión con menor índice de desigualdade social, e os máis desiguais, en canto a distribución da renda, son Guatemala, Honduras e Colombia, todos con gobernos de dereitas.

Venezuela e Uruguai, con gobernos progresistas, son os dous países da rexión con menor índice de desigualdade social, e os máis desiguais, en canto a distribución da renda, son Guatemala, Honduras e Colombia, todos con gobernos de dereitas

Venezuela está á cabeza na cooperación e solidariedade internacional. En agosto de 2005 Venezuela e Cuba firman o Compromiso Sandino, que permitirá en dez anos a intervención de seis millóns de persoas de distintos países de América con problemas de visibilidade e tres millóns delas serán de Venezuela. En 2004, iniciábase a Misión Milagro e en cinco anos 873.580 latinoamericanos de 25 países (668.844 eran de Venezuela) recuperaron a visión ou superaron problemas oftalmolóxicos.

Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América - Tratado de Comercio de los Pueblos ou ALBA-TCP, coñecida popularmente como ALBA (Alianza Bolivariana para América), foi promovida en 2004 polos gobernos de Venezuela e Cuba como contrapartida da ALCA (Área de Libre Comercio das Américas), impulsada por Estados Unidos. Bolivia incorpórase en 2006, Nicaragua en 2007, Ecuador en 2009 e posteriormente El Salvador e outros países. Frente ás políticas neoliberais, é unha proposta centrada na loita contra as desigualdades sociais, o analfabetismo e a pobreza que existen  en América Latina e O Caribe. Outorgan moita importancia os dereitos humanos, laborais e da muller, a defensa do medio ambiente e a integración física. Na actualidade desenvolve numerosos proxectos a través de Alba Petróleos, Alba Alimentos, Tu Financiera, Alba Becas e Alba Fertilizantes.

O que está a suceder en Venezuela confirma que a dereita non respecta os resultados das eleccións democráticas e que cando perde, provoca todo tipo de operacións violentas ou golpes de estado

O que está a suceder en Venezuela confirma que a dereita non respecta os resultados das eleccións democráticas e que cando perde, provoca todo tipo de operacións violentas ou golpes de estado para acabar cos gobernos que non serven os seus intereses, como intentaron en Venezuela en 2002. O partido da revolución bolivariana gañou en Venezuela as eleccións de 2012 e 2013. Nas municipais tiveron o 55% dos votos e o 76% das alcaldías, mais a oposición non recoñece eses resultados (un dos dirixentes opositores, Leopoldo López, repite a consigna: “sacar a quienes gobiernan”) e di que os que gañaron son unha minoría; piden a demisión do presidente Maduro, sen respectar o veredicto das urnas, nin os procedementos estabelecidos na propia Constitución.

É unha estratexia perfectamente planificada e cuns obxectivos moi claros, como sinala o xesuíta Sarsaneda: “Mientras entre latinoamericanos nos insultamos, acusamos y descalificamos, los grandes del mundo hacen sus cálculos para quitarnos el petróleo, el cobre, el litio, el agua y tantas riquezas como tenemos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.