0 Gardados para despois

Xulio Ríos

O tristísimo panorama do nacionalismo galego

É profundamente desalentador o panorama actual do nacionalismo galego. Por non remontarse mais atrás, as accidentadas idas e vindas pre-europeas das diferentes formacións que hoxe conforman ese escenario político dan conta dunha profunda crise que a duras penas se pode disimular. Cun país en réxime de autodestrución imperativa –da que tamén agora participa contaxiado o nacionalismo-, o momento non podía ser peor.

As accidentadas idas e vindas pre-europeas das diferentes formacións que hoxe conforman ese escenario político dan conta dunha profunda crise que a duras penas se pode disimular

A crise do nacionalismo afecta ao liderado, á estrutura e ao discurso.  Fallou primeiro á hora de resolver os problemas de sucesión, sempre difíciles en calquera formación pero aínda máis cando se carece de fórmulas institucionais suficientemente sólidas e respectadas. Non é un problema de estatutos ou de que algunhas personalidades, con méritos indubidables por outra banda, non souberan estar á altura, é que faltan regras que faciliten eses tránsitos e cultura de respecto. En consecuencia, chegamos a un punto en que cada un mira polo seu.

A estrutura, con independencia do tradicional debate sobre a idoneidade da opción frontista, probablemente a mais acaida nas actuais circunstancias, é dunha fragmentación inaudita, descorazonadora, tanta que descoloca a calquera observador externo. O feito de que esa división se complemente cun enfrontamento ás veces hiperideoloxizado dificulta mesmo a posibilidade de artellar redes de colaboración non superficial en aspectos tan elementais como a democratización, a defensa de servizos públicos ou a lingua.

Canto máis se radicaliza máis se afasta das maiorías sociais e mais complexo resultará evitar as vitorias conservadoras que están levando o país pola senda da súa marxinalidade a todos os efectos

O discurso confunde as arelas estratéxicas e as tácticas, radicalizándose a cada paso tanto en razón dunha necesidade de diferenciación fronte aos competidores emerxentes  como da lóxica do momento, marcado pola regresión neoliberal, cun impacto demoledor en Galicia. Pero canto máis se radicaliza máis se afasta das maiorías sociais e mais complexo resultará evitar as vitorias conservadoras que están levando o país pola senda da súa marxinalidade a todos os efectos.

Os erros terán sido moitos e de todas partes, pero o punto de inflexión definitivo semella que non chegou de todo. Sumidos no desgaste recíproco, trátase agora de saber quen porta a bandeira máis grande. Unha batalla fratricida e estéril.

Precisaríase con urxencia un Comité suprapartidario de Bos Oficios que achegue razón, humildade, perspectiva, xenerosidade e creatividade á política nacionalista galega para pechar feridas e retomar impulso, pasando a segundo plano os egos, as liortas persoais e ideolóxicas. Precisaríase un programa de mínimos, e non de máximos, no que agora estamos, para crear confianza e recuperar a sintonía cunhas maiorías sociais e xente común que noutro tempo estivo achegada e que agora asisten incrédulas á exacerbación dun discurso que por mais fundamentado que estea non é quen de reflectir o noso timing.

Recuperar a sintonía cunhas maiorías sociais e xente común que noutro tempo estivo achegada e que agora asisten incrédulas á exacerbación dun discurso que por mais fundamentado que estea non é quen de reflectir o noso timing

Cómpre partir da realidade, coas súas complexidades e os seus matices, non afastarnos dela erguendo listóns para construírmos castelos de purismo endogámicos e estériles. De pouco valen os apelos a rebelións incertas se non garantimos os apoios das maiorías. O que compre conseguir é o apoio cívico para outra política, crible, xestionada por persoas cribles e nas que se poida confiar.

Galicia será todo un mundo pero é un país pequeno no que se tende demasiado a imitar por falta de suficiente autoestima, incluso no nacionalismo. Cando perdemos de vista onde estamos, quen somos e de onde vimos, tamén acabamos sendo vítimas da mesma desfeita que pretendemos superar.

E perdoen a intromisión.

Acerca de Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do Observatorio de la Política China. O seu último libro é China Moderna (Tibidabo, 2016). Tamén é Presidente de Honra do IGADI, que fundou en 1991.