Memoria da Transición

A morte de Adolfo Suárez propiciou un volume considerábel de análises que outorgan ao labor do finado un papel determinante  no desenvolvemento do proceso de transición dende o réxime franquista ao vixente sistema constitucional. Sen pretender devaluar o rol específico que desempeñan os líderes políticos nos procesos de cambio acontecidos na historia, resulta simplificador reducir a causalidade do sucedido no Estado español entre 1975 e 1982 á presenza deste persoeiro na primeira fila das decisións gobernamentais adoptadas naqueles momentos. Suárez foi, sen dúbida, un factor relevante na xestación e desenlace da transición mais non foi o único actor da mesma.

Resulta simplificador reducir a causalidade do sucedido no Estado español entre 1975 e 1982 á presenza deste persoeiro na primeira fila das decisións gobernamentais adoptadas naqueles momentos

A mitificación do período da transición non é de agora mais a desaparición física de Adolfo Suárez permitiu aproveitar a ocasión para reforzar unha visión unilateral do sucedido naqueles anos e, de paso, atribuír ao ex –presidente un conxunto de virtudes que apenas lle recoñeceron no momento da súa dimisión.

A visión idílica defendida durante estes días por tantos editorialistas e opinadores non se corresponde exactamente cunha realidade que tivo moitas sombras

O novo libro de Pilar Urbano sobre as relacións entre Suárez e o Rei nos momentos anteriores e posteriores ao 23 de febreiro de 1981 pon de manifesto que a visión idílica defendida durante estes días por tantos editorialistas e opinadores non se corresponde exactamente cunha realidade que tivo moitas sombras e que –observada dende o punto de vista da letra e do espírito que debe presidir unha democracia de calidade- resultou menos edificante do que agora se pretende oficializar.

Pretender neutralizar ou reducir os importantes problemas que hoxe presenta o sistema político español a través da recreación dunha arcadia política feliz instalada entre 1976 e 1982 é un despropósito

Pretender neutralizar ou reducir os importantes problemas que hoxe presenta o sistema político español –importante desprestixio da Coroa, forte desconfianza ante os representantes institucionais por mor dos graves episodios de corrupción, crise do consenso constitucional a partir das novas demandas formuladas pola maioría da sociedade catalá, destrución dunha parte relevante do limitado modelo de benestar social- a través da recreación dunha arcadia política feliz instalada entre 1976 e 1982 é un despropósito dende o punto de vista do rigor histórico e non vai ser capaz de conseguir os obxectivos buscados con semellante idealización.

A transición foi posíbel grazas ao acordo básico entre diversos sectores procedentes do réxime franquista e os dirixentes políticos do PSOE, PCE, CiU e PNV

A transición foi posíbel grazas ao acordo básico entre diversos sectores procedentes do réxime franquista e os dirixentes políticos do PSOE, PCE, CiU e PNV. Coñecendo a experiencia portuguesa do 25 de abril de 1974, Adolfo Suárez –a diferenza do que postulaban, naquel momento, Manuel Fraga e os seus seguidores- foi consciente de que só había un camiño para evitar o eventual triunfo da ruptura democrática:acadar un compromiso cunha parte relevante da oposición antifranquista e, singularmente, con Santiago Carrillo. A legalización do PCE foi a concesión requirida para asegurar que as eleccións do 15 de Xuño de 1977 tivesen o nivel de credibilidade esixido nas chancelerías europeas.

O pacto constitucional de 1978 consagrou a nova legalidade derivada do modelo de transición escollido pero o 23-F de 1981 certificou a debilidade conxénita da democracia española.

O repaso do sucedido naquela xornada singular non deixa lugar a moitas especulacións: o novo sistema político presentaba unha eiva notábel por mor do proceso seguido na súa xestación

O repaso do sucedido naquela xornada singular non deixa lugar a moitas especulacións: o novo sistema político presentaba unha eiva notábel por mor do proceso seguido na súa xestación. PSOE e PCE tiñan apostado todo a unha carta: que o Rei e a UCD foran os garantes dunha tolerancia pasiva dos mandos militares. A gran maioría da sociedade cría –ou necesitaba crer- o que lle dicían Adolfo Suárez, Felipe González e Santiago Carrillo: que os xefes do Exército aceptaban a lóxica democrática e non ían repetir as vellas prácticas que eles mesmos e os seus antecesores protagonizaran na primeira metade do século XX.

Quen diga agora que todo estivo controlado e faga da necesaria –por inevitábel- pasividade cidadá a virtude dunha presunta madurez democrática do corpo social confunde a realidade cos seus desexos

Por iso non existiu unha resposta inmediata nas rúas. A sorpresa e o medo provocaron un efecto paralizante que reforzou indirectamente a exhibición disuasoria promovida por Milans na noite valenciana. Quen diga agora que todo estivo controlado e faga da necesaria –por inevitábel- pasividade cidadá a virtude dunha presunta madurez democrática do corpo social confunde a realidade cos seus desexos e conta a historia do final feliz que case todo o mundo gusta de transmitir aos seus descendentes.

A maioría da cúpula militar daquel momento tiña dúas obsesións que excitaban aceleradamente a tentación intervencionista:a rehabilitación legal dun dos seus maiores inimigos históricos –o PCE- e a existencia de “movementos separatistas” –singularmente, a continuidade das accións de ETA. Se, ademais, a UCD padecía o virus do cainismo autodestrutivo, o PSOE –a través de Enrique Múgica- xogaba ao póker das frivolidades conspiratorias co xeneral Alfonso Armada e o Partido Comunista estaba en plena dixestión do seu novo papel como forza secundaria no territorio da esquerda, as condicións estaban servidas para que os “salvadores da patria” fixeran acto de presenza.

O fracaso do 23-F abriu un novo escenario político. Nun clima de acusado conservadorismo e de explícita recentralización –LOAPA mediante-, o partido de Suárez consumou o seu suicidio en favor dun Felipe González definitivamente centrado mentres que Carrillo ficaba reducido á mínima expresión parlamentaria. Sete anos despois da morte de Franco, o comunismo español era amplamente derrotado nas urnas e non polas armas de Tejero e Milans. A historia ten estes crueis paradoxos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.